Nova
A Xunta destaca que Galicia é a comunidade con menores índices de desigualdade grazas ao traballo conxunto coas entidades sociais
Fabiola García sinalou que o Executivo galego non se conforma con estes datos e seguirá traballando para facer da nosa comunidade un referente na inclusión social
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse con representantes de EAPN Galicia para avaliar os últimos datos da enquisa do Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre condicións de vida. No encontro, destacou que a colaboración entre a Administración autonómica e as entidades sociais logrou situar a Galicia como a comunidade con menores índices de desigualdade.
Fabiola García sinalou que nesta materia “ningunha cifra é positiva” ao tempo que sinalou a importancia de destacar os avances acadados na nosa comunidade que, segundo os últimos datos do INE, foi a que máis reduciu o risco de pobreza e exclusión social no último ano. Nesta liña, a conselleira fixo fincapé en que o Executivo galego non se conforma con estas cifras e seguirá traballando para facer da nosa comunidade un referente na inclusión social.
A conselleira de Política Social e Igualdade tamén agradeceu o labor de EAPN para mellorar a calidade de vida das persoas en risco de exclusión social. Ademais, trasladoulles o firme compromiso do Executivo galego para seguir traballando man a man co tecido asociativo para facer de Galicia unha comunidade máis inclusiva e igualitaria, unha colaboración que se materializa cun orzamento para esta área que ascende este ano a 131,3 millóns de euros.