Nova
A Xunta ten aberto o prazo das axudas ás ANPAS para actividades de igualdade, prevención da violencia de xénero e fomento da conciliación corresponsable
Destínase un millón de euros a esta liña de achegas coas que se financiarán iniciativas nas que se prevé a participación de máis de 40.000 escolares
A contía máxima das achegas é de 3.000 euros e pode chegar ata os 20.000 para programas de corresponsabilidade de federacións ou confederacións de ANPAS
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2025
A Xunta ten aberto, desde o pasado venres e durante un mes, o prazo para que as Asociacións de Nais e Pais (ANPAS) dos centros educativos soliciten axudas para as súas actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero entre os escolares, así como actuacións que faciliten a conciliación corresponsable das familias. O Executivo autonómico destina un millón de euros a esta convocatoria de subvencións publicada o pasado xoves, día 13, no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Deste millón de euros, 400.000 son para o financiamento de programas que favorezan a igualdade entre mulleres e homes e sensibilicen contra a violencia de xénero. E 600.000 euros para iniciativas que favorezan a corresponsabilidade nas familias con menores a cargo de ata 16 anos, inclusive.
A contía das axudas que poden recibir as ANPAS varía en función do tipo de programa que realicen e tamén no caso de que se leven a cabo individualmente ou de maneira conxunta con outras ANPAS. Así, o apoio mínimo da Xunta é de 3.000 euros para actividades de promoción da igualdade e contra a violencia de xénero a través dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A máxima pode chegar aos 20.000 euros cando se trata de programas de conciliación e corresponsabilidade que leven a cabo federacións ou confederacións de ANPAS, que se desenvolven con fondos do Plan Corresponsables.
Accións que poden ser apoiadas
A Administración autonómica financiará as propostas que se desenvolvan entre o pasado 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro deste ano. Algunhas das actividades apoiadas en convocatorias de exercicios anteriores foron obradoiros de educación emocional, de educación en igualdade e de educación afectivo-sexual; así como obradoiros sobre videoxogos e redes sociais, entre outros.
Tamén se sufragaron actividades de música, de teatro, de baile ou de cine; escolas de nais e pais, servizos de coidados para familias con fillas e fillos de ata 16 anos ou accións de formación e sensibilización no ámbito da corresponsabilidade.
Con estas achegas financiaranse iniciativas nas que se estima que participarán 36.000 escolares en actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes, así como de prevención e rexeitamento da violencia de xénero. Así mesmo, outros 4.500 nenas e nenos participarán en actuacións orientada a facilitar a conciliación das familias.