Nova
Ana Ortiz confirma o apoio da Xunta á nova edición da regata inclusiva “Vigo a vela”
A delegada territorial mantivo un encontro cos organizadores da iniciativa que ten como obxectivo sensibilizar á sociedade “coa plena inclusión” das persoas con discapacidade a través do deporte
Vigo, 14 de febreiro de 2025
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este venres unha xuntanza cos organizadores da IV Regata Inclusiva “Vigo a Vela” e confirmou que o Goberno galego continuará colaborando coa iniciativa.
A representante autonómica destacou o apoio da Xunta de Galicia a esta nova edición dunha iniciativa que naceu co obxectivo de concienciar á sociedade. “Estamos ante un bo exemplo dunha actividade deportiva que ten como obxectivo sensibilizar á sociedade sobre a plena inclusión das personas con discapacidade a través do deporte”, sinalou Ortiz.
A regata volverá a disputarase na ría de Vigo con embarcacións profesionais e cunha tripulación mixta formada por profesionais da vela e persoal de asociacións e entidades que traballan con persoas con discapacidade física ou intelectual. Cada barco contará cun padriño ou madriña, procedentes do mundo do deporte, a escea social e cultural ou a comunicación.