Nova

A Xunta pon a disposición dos concellos un programa de recuperación psicolóxica para nenas e nenos vítimas de violencia de xénero no entorno familiar

Os municipios galegos que formen parte da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero terán un mes de prazo para solicitar adherirse á iniciativa  

O Executivo galego destinou nos últimos anos 177.000 euros á Fundación Meniños para a execución das accións


Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025

A Xunta pon a disposición dos concellos unha nova edición do programa de intervención e recuperación psicolóxica para nenos e nenas vítimas de violencia de xénero no entorno familiar, que desenvolve a Consellería de Política Social e Igualdade en colaboración coa Fundación Meniños.

Os municipios galegos que formen parte da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero terán un mes de prazo, a partir de hoxe, para solicitar adherirse á iniciativa. Nos dous últimos anos,  a Xunta destinou 177.000 euros á Fundación Meniños para colaborar na prestación deste servizo, fundamental para a recuperación dos menores que viviron situacións de violencia de xénero no seu eido familiar.

Deste xeito, o programa, que conta con persoal experto na atención psicolóxica especializada na atención a nenos e nenas, ten como obxectivo resolver as dificultades emocionais e os problemas relacionados coa ansiedade e a restauración dos vínculos sans. Así, os profesionais identifican o dano ou problema que presentan os menores, tratan de afondar na súa historia persoal para identificar os factores de risco co obxectivo de ofrecer unha intervención psicolóxica adecuada a cada situación.