Nova
A Xunta pon en valor a traxectoria de Executivas de Galicia na defensa da igualdade de xénero e de oportunidades nos postos de dirección
Fabiola García animou á entidade a continuar traballando “coa mirada posta en facer valer o potencial das mulleres e a súa influencia no mundo empresarial”
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor o traballo realizado durante case 15 anos pola asociación Executivas de Galicia, que aposta pola responsabilidade social empresarial e polo reforzo do liderado feminino. Nun encontro de traballo celebrado esta mañá, destacou, ademais, o papel desta asociación na defensa da igualdade de xénero e de oportunidade nos postos de dirección.
Durante o acto, no que estivo acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e pola presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes, a conselleira animou a este colectivo a continuar traballando “coa mirada posta en facer valer o potencial das mulleres e a súa influencia desde os postos de dirección”.
Fabiola García incidiu en que neste camiño de “defensa dos intereses das mulleres executivas e dando exemplo ás novas xeracións” as entidades sempre contan coa man tendida da Xunta de Galicia para escoitar as súas propostas, abrir vías de colaboración e “avanzar cara unha Galicia máis igualitaria”.
Executivas de Galicia é unha asociación formada por case 300 profesionais de diferentes ámbitos executivos e directivos, tanto públicos como privados. O seu obxectivo é crear unha rede de apoio que visualice e impulse o empoderamento das mulleres como motor de futuro e axentes clave no desenvolvemento socioeconómico.