Nova
A Xunta apoia as actividades de promoción da igualdade e loita contra a violencia machista para mulleres con discapacidade
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero participou nunha xuntanza do grupo ‘Las mosqueteras’ formado por mulleres con parálise cerebral
Sada (A Coruña), 19 de novembro de 2024
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, asistiu hoxe a unha reunión do grupo Las mosqueteras conformado por doce mulleres con parálise cerebral. Todas elas son usuarias de Aspace e queren dar visibilidade ás mulleres con discapacidade na prevención e loita contra a violencia de xénero.
Neste senso, Roberto Barba sinalou que é fundamental realizar actividades de sensibilización para que as mulleres con calquera tipo de discapacidade coñezan as diferentes formas de manifestación da violencia machista e teñan na súa man todas as ferramentas dispoñibles para denunciar. Así mesmo, o director xeral trasladoulles o compromiso do Executivo para garantir a promoción da igualdade de xénero real entre mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade.
Ademais, Roberto Barba lembrou que a Xunta de Galicia conta diferentes recursos de asesoramento e atención a posibles vítimas de violencia de xénero. Así mesmo, destacou que durante este mes se celebran máis de 300 actividades de sensibilización destinadas a todos os ámbitos sociais, poñendo o foco na prevención das condutas machistas.