Nova
A Xunta reivindica o papel das administracións locais na promoción dos dereitos das mulleres e a igualdade de oportunidades
María Quintiana felicitou o concello de Curtis pola iniciativa que recoñece e dá visibilidade ó compromiso coa igualdade de xénero
Curtis (A Coruña), 25 de abril do 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou este mediodía na entrega de recoñecementos Sementes da igualdade 2026, que outorga o concello de Curtis. Durante a súa intervención, reivindicou o papel que teñen as Administracións locais na promoción dos dereitos das mulleres, sendo grandes aliadas da Xunta na construción dunha Galicia máis xusta e igualitaria.
Neste sentido, María Quintiana trasladou ó concello de Curtis os parabéns de todo o Executivo galego por impulsar uns recoñecementos coma estes galardóns que, ademais de amosar o compromiso coa igualdade, contribúen a dar visibilidade ó labor de moitas persoas e entidades que traballan cada día para sensibilizar e concienciar en materia de xénero.
Deste xeito, a directora xeral explicou que “pese a todo o avanzado nos dereitos das mulleres” segue sendo necesaria a implicación de todos os sectores e especialmente o compromiso das administracións. Por iso, avanzou que a Xunta seguirá traballando man a man con todas as entidades e concellos para seguir facendo de Galicia unha comunidade referente na igualdade.
Sementes de Igualdade 2026
O galardón Sementes de Igualdade 2026 recoñece o traballo de José Ángel Vázquez, director do Centro Penitenciario de Teixeiro, pola súa iniciativa Ser Muller, un programa que ofrece ferramentas de empoderamento e transformación social ás internas; e a Ana Rodríguez, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia de Betanzos, polas súas iniciativas para mellorar as consecuencias e o impacto emocional das mulleres e vítimas de violencia de xénero durante os procesos xudiciais.