Nova

A Xunta pon en valor o traballo da Asociación Galega de Lupus que promoven a visibilización das persoas que sofren esta enfermidade

A directora xeral de Persoas con Discapacidade avaliou con esta entidade social novas vías de colaboración para seguir mellorando a vida dos doentes


A Coruña, 1 de agosto de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá aos representantes da Asociación Galega de Lupus (Agal), no seu local situado no espazo Amizar e concedido recentemente pola Xunta para que poidan desenvolver a súa actividade. No encontro, puxo en valor o labor que realiza esta entidade que leva máis de 25 anos promovendo a visibilización das persoas que sofren esta enfermidade autoinmune.

Begoña Abeijón conversou con representantes de Agal para coñecer as súas demandas e afondar nos proxectos que levan a cabo, co obxectivo de estudar novas vías de colaboración para seguir mellorando a vida das persoas con Lupus, en concreto, avaliaron un proxecto de colaboración sobre a difusión e visibilización desta doenza entre os máis pequenos. Neste sentido, a directora recalcou que o labor que desenvolven é fundamental para dar a coñecer esta enfermidade, axilizar a diagnose e a atención e impulsar a investigación.

Ademais, a directora xeral trasladoulle o compromiso do Executivo galego para seguir colaborando da man do tecido asociativo para mellorar a calidade de vida das persoas que máis o precisan. Por iso, recalcou que o traballo de entidades como Agal é fundamental para que avancemos nunha Galicia máis inclusiva e integradora.