Nova

A Xunta destina 103.000 euros ás obras de mellora do seu centro de día para persoas con alzhéimer e outras demencias de Ferrolterra

Antón Acevedo destacou que en Galicia hai sete centros destas características que suman máis de 560 prazas


Ferrol, 2 de xullo de 2025

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta mañá as obras do centro de día público para as persoas con Alzhéimer e outras demencias de Ferrolterra. As actuacións que se están desenvolvendo contan cunha achega de 103.000 euros da Xunta de Galicia que  concedeu á Federación de Alzhéimer de Galicia a través da orde de axudas do IRPF.

Con estas obras financiadas pola Xunta de Galicia, realizaranse diferentes melloras no complexo que suporán un cambio no mobiliario, na iluminación, a renovación do chan e tamén a instalación de novas ventás e portas para unha maior eficiencia enerxética. 

Na súa visita, o director xeral puxo en valor a rede pública de atención a estas patoloxías que hai en Galicia e que é pioneira no conxunto do Estado. Deste xeito, destacou que en Galicia hai sete centros destas características, como o situado en Ferrol, e permiten dar servizo a 560 usuarios, máis do dobre que no 2009. Así mesmo, fixo mención ao importante traballo que desenvolven as entidades sociais que traballan neste eido e que complementan o servizo que ofrece a Xunta para chegar a máis galegos.

Nesta liña, o director xeral lembrou o compromiso da Xunta para impulsar e fomentar o envellecemento activo e saudable, para o que conta con diferentes programas e iniciativas por toda Galicia e que contan con accións específicas para previr as demencias e o deterioro cognitivo. Por iso, fixo fincapé en que o Executivo galego seguirá traballando da man do tecido asociativo garantir a mellor calidade de vida dos maiores.