Nova

A Xunta destina máis de 768.000 euros para a nova escola infantil pública de Ponteareas que beneficiará un cento de familias

Fabiola García sinalou que o Executivo galego financia o 88% das actuacións a través da convocatoria para a creación de novas prazas con fondos MRR


Ponteareas (Pontevedra), 2 de xullo de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, visitou as obras da nova escola infantil municipal que beneficiará a un cento de familias. Estas actuacións contan cun investimento da Xunta de Galicia de máis de 768.000 euros.

Fabiola García sinalou que o Executivo galego financia o 88% do custo destas actuacións a través da convocatoria de achegas destinada aos concellos para a creación de novas prazas de educación infantil a través dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). No caso de Ponteareas, o proxecto beneficiado permitirá crear 100 novas prazas de 0 a 3 anos, co obxectivo de consolidar que Galicia siga sendo a comunidade autónoma líder en escolarización no 1º ciclo de Educación infantil.

Este novo centro educativo estará situado no parque Ferro Ucha, e contará cunhas instalacións de vangarda nunha parcela de 2.000 metros cadrados. A escola infantil contará con seis aulas, varias salas de usos múltiples, un vestiario, lavandería, unha sala e despachos para o profesorado, así como un patio de xogos para o lecer do alumnado.

Durante a visita, a conselleira fixo fincapé no compromiso da Xunta con todas as familias galegas e que se traduce na posta en marcha de medidas pioneiras como o programa de gratuidade nas escolas infantís de 0 a 3 anos. Deste xeito, avanzou que o Executivo galgo seguirá traballando para consolidar esta posición, polo que seguirá mellorando as infraestruturas e creando novos recursos coma este de Ponteareas.