Nova

A Xunta publica o listado de casas niño que xa reciben as axudas para garantir a súa continuidade ata 2028

O orzamento desta orde de subvencións plurianual é de 10,5 millóns de euros

Contempla un incremento do 5 % das achegas ás persoas promotoras dos recursos, ata os 29.000 euros anuais


Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2025

A Xunta de Galicia deu publicidade á resolución das axudas para a continuidade das casas niño ata o ano 2028. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte recolle o listado de casas que xa están a recibir estas achegas, que contan cun orzamento de 10,5 millóns de euros.

Ademais de garantir a atención personalizada e gratuíta a nenos ata os 3 anos de idade, estas axudas tamén se poden destinar á reposición do equipamento cunha achega adicional de 1.500 euros, así como do material didáctico e de xogos; e a obras de reforma, mantemento ou eficiencia enerxética.

Hai que lembrar que a Xunta incluíu nesta convocatoria un incremento de case o 5 % da axuda que viñan percibindo as titulares das casas niño e que se poderán acoller a ela aqueles centros que leven funcionando máis de tres anos. Este aumento supón elevar ata os 29.000 euros a contía anual que reciben as promotoras destes equipamentos. O obxectivo é que poidan facer fronte ao incremento de gastos derivados da subida da luz ou das pólizas de seguro.

Máis dun centenar de recursos no rural galego

Galicia ten na actualidade máis de 100 casas niño en servizo distribuídas por todo o territorio, entre as que suman máis de 500 prazas gratuítas para nenos de 0 a 3 anos. O obxectivo é dar continuidade a este recurso e seguir atendendo ás necesidades de conciliación da vida persoal  e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia nos que están establecidas.

Cada casa niño atende un máximo de cinco nenos, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade, dado que se esixe unha formación ou experiencia profesional específica e impóñense requisitos e normas de seguridade nos inmobles. Estes servizos ofrecen unha atención integral e personalizada con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres.