Nova
A Xunta financia con 500.000 euros a ampliación da residencia de maiores de Crecente
As obras xa comezaron e suporán a creación de 18 novas prazas, coas que o centro aumentará a súa capacidade ata as 56
Esta actuación enmárcase no Plan de Investimentos de 18,5 millóns de euros co que o Goberno galego financia unha vintena de proxectos de construción e reforma de instalacións municipais
Crecente (Pontevedra), 11 de abril de 2025
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a residencia municipal para persoas maiores San Pedro, na que a Xunta inviste 500.000 euros nunhas obras de ampliación que xa están en marcha. Crearanse 18 novas prazas, coas que o centro aumentará a súa capacidade ata as 56.
Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde, Julio César García-Luengo, explicou que estes traballos se desenvolven no marco do Plan de Investimentos de 18,5 millóns de euros co que o Goberno galego financia unha vintena de proxectos de construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais que dependen dos concellos. Un plan acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e dotado con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU).
O xerente do Consorcio destacou o compromiso do Executivo autonómico cun modelo de atención e coidados baseado na calidade e na proximidade. Neste sentido, indicou que o Plan de Investimentos está destinado a concellos rurais de menor poboación e que permitirá reforzar a rede local de recursos para as persoas maiores, coa creación de 650 prazas de atención residencial e en centros de día.