Apoio á familia
Os artigos 59 e 60 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia especifican o carácter e posibles actuacións que configuran esta medida de protección.
Apoio á familia ten como obxectivo fornecer as axudas económicas, materiais, sociais, educativas e terapéuticas que permitan a mellora do medio familiar e a atención das necesidades dos NNA para evitar a separación familiar ou procurar, de ser o caso, o retorno a ela.
O apoio levará a cabo mediante a intervención técnica dos Servizos Sociais Comunitarios, tanto básicos como específicos, así como dos SSE da Administración da Comunidade Autónoma, por parte de profesionais especializados.
O apoio á familia comprende, entre outras, as seguintes actuacións:
- O asesoramento e a orientación técnica para promover o desenvolvemento persoal dos pais, as nais, os titores, as titoras, os gardadores ou as gardadoras e facilitar o idóneo exercicio das funcións parentais e unha dinámica familiar normalizada.
- A educación familiar para capacitar a pais, nais, titores, titoras, gardadores ou gardadoras nas súas funcións de atención, educación e coidado dos NNA ao seu cargo.
- Os programas de intervención para a preservación ou a reunificación da familia e para a normalización da convivencia nela.
- O seguimento da evolución do NNA na familia e no seu medio social
- A atención en centros de día.
- Axudas e prestacións económicas temporais.
- A axuda a domicilio para permitir a permanencia nel do NNA e favorecer o seu coidado e atención.
- A mediación como técnica de resolución de conflitos no seo da familia.
- Calquera outra actuación que contribúa á consecución dos fins previstos no artigo anterior.