Comisión da Propostas de Especial Trascendencia (COPET)
Última actualización - 19/10/2023
19/10/2023
Correción de textos
A Comisión de Propostas de Especial Transcendencia (COPET) é un órgano colexiado e interdisciplinar creado para garantir a obxectividade, imparcialidade, unificación de criterios e seguridade xurídica nas tomas de decisión de especial transcendencia dos SSE.
Serán presentadas a COPET as propostas de:
- Declaración de Desamparo e asunción de Tutela, exceptuando asentimentos para adopción e NNA migrantes sen referentes familiares.
- Alzamento de Tutela, exceptuando alzamentos por maioría de idade
- Asunción de Garda, exceptuando Gardas Provisionais 4
- Suspensión de contacto do NNA coa súa familia biolóxica
- Adopción
- Non idoneidade de solicitantes de adopción
- Non adecuación de solicitantes de acollemento
Igualmente serán presentados á COPET:
- Casos de especial complexidade cando o equipo técnico teña dúbidas sobre a actuación para seguir, ou existan discrepancias entre os membros do equipo técnico ou entre estes/as e a Xefatura Territorial ou de Servizo.
- Revisión de medidas de protección adoptadas en supostos excepcionais e urxentes sen estudo previo e análise da COPET, promovendo a súa confirmación, extinción ou modificación.
4
As propostas de Garda Provisional, que en todos os casos revisten carácter de urxencia, serán valoradas conxuntamente polo técnico/a referente, o seu equipo técnico, o Xefe/a de Servizo e o Asesor/a Xurídico/a. A proposta irá asinada polo equipo técnico, o Coordinador/a Técnico de Menores e o Xefe/a de Servizo.
A COPET de cada Delegación Territorial estará composta, como mínimo, polos seguintes membros:
- Xefe/a de Servizo
- Coordinador/a Técnico de Menores
- Como mínimo un técnico de cada área
- Como mínimo un técnico do equipo técnico que presenta o caso
- Asesor/a Xurídico
O Asesor/a Xurídico poderá actuar como Secretario/a. Non terá dereito a voto. En caso de considerar que a decisión adoptada pola COPET é contraria ao ordenamento xurídico, farao constar, indicando o precepto ou preceptos legais que entende vulnerados
Con carácter ordinario, a COPET reunirase semanal ou quincenalmente, en función das necesidades.
Previamente á reunión (con 24 horas de antelación), o técnico/a referente remitirá ao Coordinador/a Técnico de Menores a proposta elaborada polo seu equipo técnico xunto ao informe de valoración que a fundamente, podendo engadir outra documentación que se considere relevante (informes médicos, escolares, xudiciais, etc.). Esta documentación será trasladada aos membros da COPET para o seu estudo previo á reunión.
Con carácter extraordinario, a Xefatura de Servizo poderá convocar COPET de urxencia cando o valore necesario ben por iniciativa propia ou a solicitude do Equipo Técnico. Dadas as circunstancias, non será precisa a participación da totalidade dos membros da COPET a condición de que haxa quorum.
A COPET aceptará, modificará ou rexeitará as propostas presentadas co voto favorable da maioría dos seus membros. Os membros que discrepen do voto da maioría deberán motivar a súa discrepancia. A modificación ou rexeitamento das propostas presentadas farase sempre de forma motivada.
De ser o caso, o equipo técnico correspondente deberá redactar unha nova proposta incorporando as modificacións aprobadas na COPET, que elevará para a súa resolución ao Xefe/a Territorial. A resolución será comunicada aos Servizos Sociais Comunitarios correspondentes e demais organismos implicados.