Situación de desamparo

Legalmente, considérase como situación de desamparo a que se produce de feito a causa do incumprimento ou do imposible ou inadecuado exercicio dos deberes de protección establecidos polas leis para a garda dos e das menores, cando queden privados da necesaria asistencia moral ou material (artigos 172.1, p.2 CC, 18.2 LOPXM, 7 LDCG e 48.4 LFam).

Detállanse situacións concretas que se consideran constitutivas de desamparo nos artigos 18.2 LOPXM, e 52 LFam e 33.2 D 42/2000.

  • De acordo cos artigos 172.1 CC, 18 e 19 bis LOPXM, 9 LDGC, 53 e 61 LFam e 32 e 40 D 42/2000, os efectos son:
    • A declaración de desamparo.
    • Correlativamente, a asunción da tutela por ministerio da lei ou tutela administrativa, o cal significa a suspensión da PP ou da tutela ordinaria1.
    • Asemade, a adopción das medidas de protección precisas, que de acordo co artigo 10 LDCG, concordante co artigo 55 LFam:
      • A reinserción da persoa menor de idade no propio núcleo familiar no que se producise o desamparo, cando isto sexa posible e o interese daquela o aconselle (ou apoio á familia, na denominación da LFam, desenvolto nos artigos 59 e 60 LFam).
      • A constitución da tutela ordinaria, nos casos en que sexa conveniente para o interese da persoa menor de idade (artigo 63 LFam).
      • A adopción, cando non sexa conveniente a reinserción da persoa menor de idade (artigos 73 a 79 LFam).
      • A declaración de incapacidade da persoa menor de idade estaría substituída actualmente pola solicitude das medidas de apoio precisas seguindo as pautas xerais fixadas pola Lei 8/2021, de 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio a persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade jurídica2, sendo un exemplo de actuación específica para cando hai dificultades específicas (artigos 94 e 95 LFam).
      • De non ser posible a reinserción da persoa menor na súa propia familia ou de se constituír a tutela ordinaria ou a adopción, correspóndelle á entidade pública a garda da persoa menor, que se exercitará por medio do acollemento (artigos 64 a 72 LFam).
    • Prevense medidas específicas para situacións de conflito social (artigo 55, e artigos 80 a 93 LFam), de maneira que as persoas ás que se refire o artigo 3 da Lei Orgánica 5/2000, de 12 de xaneiro, de responsabilidade penal dos menores (en adiante, LORPM) serán incluídas nun plan de seguimento que valore a súa situación socio-familiar deseñado e realizado polos servizos sociais competentes (artigo. 17 bis LOPXM):
      • Responsabilidade das persoas maiores de 14 anos e menores de 18 pola comisión de feitos tipificados como delitos ou faltas no Código Penal ou as leis penais especiais (artigo 1 LORPM).
      • Menor de 14 anos: non se lle esixirá responsabilidade con arranxo á presente Lei, senón que se lle aplicará o disposto nas normas sobre protección de menores previstas no Código Civil e demais disposicións vixentes (artigo 3 LORPM).
    • Para todos os casos, estas medidas darán lugar a:
      • En xeral, un plan individualizado de protección que establecerá os obxectivos, a previsión e o prazo das medidas de intervención a adoptar coa súa familia de orixe, mesmo, para o seu caso, o programa de reintegración familiar (cando se prevea a posibilidade de retorno á súa familia de orixe) (artigos 19.bis.1 e 3 LOPXM).
      • Para o caso de persoas con discapacidade, garantir a continuidade dos apoios que viñese recibindo ou a adopción doutros máis acaídos á súas necesidades (tamén, artigo 42 D 42/2000).
      • Para embarazadas, asesoramento e apoio e protección á persoa recén nacida (art. 19.bis.6 LOPXM).
      • Cando a persoa menor de idade se atope baixo a PP, tutela, garda ou acollemento dunha vítima de violencia de xénero ou doméstica, as actuacións dos poderes públicos estarán encamiñadas a garantir o apoio necesario paira procurar a permanencia das persoas menores, con independencia da súa idade, con aquela, así como a súa protección, atención especializada e recuperación (artigo 12.3 LOPXM).
    • Para todas as actuacións, seguimento como na situación de risco (artigo 12.6 LOPXM):
      • respecto de menores de 3 anos, cada 3 meses
      • respecto de maiores de 3 anos, cada 6 meses, e
      • ademais, a entidade pública remitirá ao Ministerio Fiscal informe xustificativo da situación dunha determinada persoa menor de idade esta se atope en acollemento residencial ou acollemento familiar temporal durante un período superior a dous anos, debendo xustificar a entidade pública as causas polas que non se adoptou una medida protectora de carácter máis estable nese intervalo (artigo 12.7 LOPXM).
    • E para os casos de retorno coa familia de orixe (artigo 19.bis.3 LOPXM):
      • Antes: evolución positiva obxectivamente suficiente da familia de orixe para restablecer a convivencia familiar, que se mantiveron os vínculos, que concurra o propósito de desempeñar as responsabilidades parentales adecuadamente e que se constate que o retorno con ela non supón riscos relevantes paira o menor a través do correspondente informe técnico.
      • Despois: seguimento posterior de apoio (artigo 19.bis.4 LOPXM).
      • Avaliar familia acolledora: avaliar retorno, tempo transcorrido e a integración na familia de acollida e a súa contorna, así como o desenvolvemento de vínculos afectivos coa mesma.
    • Tamén poderá establecerse pola entidade pública a cantidade que deben abonar os/as proxenitores/as ou titores/as para contribuír, en concepto de alimentos e en función das súas posibilidades, aos gastos derivados do coidado e atención da persoa menor de idade, así como os derivados da responsabilidade civil que puidese imputarse a esta por actos realizados por ela (artigo 172.ter.4 CC).

  • Por ser unha situación de feito, o desamparo dura en tanto se manteñan as circunstancias que o ocasionaron.
  • A entidade pública, de oficio ou a instancia do Ministerio Fiscal ou de persoa ou entidade interesada, poderá revogar a declaración de situación de desamparo e decidir o retorno do menor coa súa familia, sempre que se entenda que é o máis adecuado para o seu interese (artigos 172.3 CC e 62.a LFam).
  • Excepcionalmente, por traslados ou desparicións (artigos 172.5 CC, 18.4 LOPXM e 62.b LFam).

Procedemento

Fontes básicas: Artigos 172 CC, 12 e 18 LOPXM, 54 e 58 LFam, 8 LDCG e 32 e ss. D 42/2000).

A Xefatura Territorial da Consellería de Política Social que corresponda ao domicilio da persoa menor de idade ou ao lugar onde se atope transitoriamente, como entidade pública á cal está encomendada a protección á infancia e á adolescencia (artigos 172.1 CC e 26.1 e 32 e seguintes D 42/2000).

Ás persoas menores de idade que residan ou se atopen transitoriamente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (artigos 172.1 CC, 5 LDCG e 26.1 e 32 e seguintes D 42/2000).

  • Incoación do expediente (artigo 33 D 42/2000), tan axiña como se teña constancia por calquera medio da existencia dunha persoa menor de idade que puidese estar en situación de desamparo
  • Tramitación:
    • investigación e avaliación da situación (artigo 34 D 42/2000), por parte dos equipos técnicos da Xefatura Territorial correspondente, que informan con carácter preceptivo e non vencellante (artigos 26.2 e 4, e 32.4 D 42/2000, en relación co artigo 54.2 LFam).
    • audiencia á persoa menor de idade e aos pais, titores ou gardadores (artigos 9 LOPXM e 35 D 42/2000), con posibilidade de achegar cantos informes e documentos coiden convenientes3
    • informe e proposta da actuación (artigo 36 D 42/2000), elaborada polos equipos técnicos e elevada á xefatura territorial
  • Resolución (artigo 37 D 42/2000) da xefatura territorial declarando (ou non) o desamparo e asumindo a tutela administrativa ou por ministerio da lei que será motivada e nela faranse constar as medidas de protección que se adoptarán que sexan máis adecuadas aos intereses da persoa menor de idade, así como:
    • As causas que a orixinaron.
    • Os plans de actuación que se efectuaron.
    • As medidas que se adopten.
    • O dereito a presentar recurso contra ela perante a autoridade xudicial competente sen necesidade de reclamación administrativa previa (artigos 8.4 LDCG e 37.1 D 42/2000).

Para o caso de urxencia con grave risco para a persoa menor de idade, a declaración do desamparo e asunción da tutela administrativa ou por ministerio da lei poderá facerse de modo inmediato (artigo 14.bis LOPXM e 54.1 LFam), adoptando tamén as medidas de producción adecuadas, sen prexuízo de que con posterioridade e no menor prazo de tempo posible se notifique axeitadamente e se lle dea cumprimento ao trámite de audiencia aos interesadose (artigo 37.3 D 42/2000).

Notificación: para todos os casos, a resolución deberá (artigos 172.1 CC e 37.2 D 42/2000):

  • Poñerse en coñecemento do Ministerio Fiscal.
  • Notificárselle en forma legal aos pais, titores, gardadores ou familiares que ultimamente convivisen coa persoa menor de idade nun prazo de 48 horas e, sempre que sexa posible, informándoos de forma presencial, clara e comprensible das causas que deron lugar á intervención da Administración e dos posibles efectos da decisión adoptada.
  • Notificárselle en forma legal á persoa menor afectada se tivese suficiente madurez e, en todo caso, se for maior de 12 anos4.
  • Respecto de persoas menores de idade que cheguen soas a España, as entidades públicas comunicarán a adopción de medida de tutela ou gara ao Ministerio do Interior, para efectos de inscrición no Rexistro Estatal correspondente (artigo 12.4 LOPXM).

  • 2 meses: pode impugnarse a declaración de desamparo e a asunción da tutela ante a xurisdicción civil e sen necesidade de reclamación administrativa previa (artigos 8.4 LDCG e 779 e ss. da Lei 1/2000, de 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil), pero o recurso xudicial non suspenderá a resolución da Xefatura Territorial, salvo decisión expresa nese sentido por parte do xulgado
  • 2 anos: poderán solicitar á entidade pública que cese a suspensión e quede revogada a declaración de situación de desamparo do menor, se, por cambio das circunstancias que a motivaron, entenden que se atopan en condicións de asumir novamente a PP ou a tutela, e poderán opoñerse ás decisións que se adopten respecto da protección da persoa menor de idade

  • En xeral, os pais ou gardadores disporán dun prazo de 2 días, contados a partir do día seguinte ao da notificación, para facer entrega voluntaria da persoa menor de idade, ben no centro de acollida residencial ou ben nos servicios de atención á infancia e á adolescencia (artigo 37.2 D 42/2000).
  • Para o caso de urxencia con grave risco para a persoa menor de idade, poderase actuar de modo inmediato e, en particular, se existe unha situación que implique a vulneración de dereitos fundamentais das persoas ou se están en perigo a vida ou a integridade física da persoa menor de idade (artigos 14.bis LOPXM, 54.1 LFam e 37.3 e 38 D 42/2000).
  • Para o caso de oposición dos pais, titores ou gardadores, a Xefatura Territorial poderá presentar ante o xulgado de primeira instancia competente no lugar onde radique o seu domicilio solicitude de auxilio xudicial para facer efectiva a medida acordada, sen prexuízo da actuación inmediata antes indicada (artigo 38 D 42/2000, en relación actualmente co artigo 778.ter Lei 1/2000, de 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil)5.

ATENCIÓN: Dereito a ser oída e escoitada. Ningún procedemento se pode facer conforme á lei sen oír e escoitar á persoa menor de idade. "Sen discriminación algunha por idade, discapacidade ou calquera outra circunstancia, tanto no ámbito familiar como en calquera procedemento administrativo, xudicial ou de mediación en que estea afectado e que conduza a unha decisión que incida na súa esfera persoal, familiar ou social, téndose debidamente en conta as súas opinións, en función da súa idade e madurez. Para iso, o menor deberá recibir a información que lle permita o exercicio deste dereito nunha linguaxe comprensible, en formatos accesibles e adaptados ás súas circunstancias". Este dereito da persoa e correlativa obriga de órganos xudiciais e administrativos é tan intensa que "Sempre que en vía administrativa ou xudicial se denegue a comparecencia ou audiencia dos menores directamente ou por medio de persoa que lle represente, a resolución será motivada no interese superior do menor e comunicada ao Ministerio Fiscal, ao menor e, no seu caso, ao seu representante, indicando explicitamente os recursos existentes contra tal decisión. Nas resolucións sobre o fondo haberá de facerse constar, no seu caso, o resultado da audiencia ao menor, así como a súa valoración" (artigo 9 LOPXM). E incluíndo ás persoas con discapacidade (artigo 12.8 LOPXM).

En xeral, o que duren as circunstancias que motivaron a adopción desta medida e, especificamente, pódense consultar as causas xerais que, legalmente ou de feito, levan ao peche dun expediente de protección (https://politicasocial.xunta.gal/sites/w_polso/files/proteccion/elemento2-6.html):

  1. Desaparición das causas que motivaron a intervención do Servizo. Non hai desprotección. O NNA está a vivir coa súa familia de orixe habendo garantías de que vai recibir un coidado adecuado e que vai ter as súas necesidades básicas satisfeitas. Houbo unha evolución positiva na situación familiar, e desapareceu a situación de desprotección. A familia non necesita o apoio de SSE para cubrir as necesidades básicas do NNA.
  2. A persoa adulta causante da situación de grave desprotección do NNA xa non vive no domicilio familiar e non vai ter acceso a el/ela
  3. O ou a moza alcanzou a maioría de idade. En caso de necesitar apoios, derívaselle aos servizos pertinentes.
  4. O ou a adolescente ten entre 16-18 anos, está emancipado ou emancipada legalmente.
  5. Adopción do NNA.
  6. Falecemento do NNA.
  7. Traslado do NNA a outra Comunidade Autónoma (exceptúanse os casos de acollemento familiar) ou a outro país.
  8. Diminución da gravidade da desprotección, deixando de existir desprotección de gravidade elevada ou moi elevada, aínda que segue existindo desprotección moderada ou outra situación de risco cara ao NNA.

Aínda que pode haber excepcións que deberán ser propostas polos Equipos Técnicos do Menor e aprobadas pola Xefatura Territorial.

1 "Malia o anterior, serán válidos os actos de contido patrimonial que realicen os pais ou titores en representación da persoa menor e que sexan beneficiosos para ela", de acordo cos artigos 9.2 LDCG e 172.1 LOPXM.

2 Resulta especialmente útil a GUÍA EN 100 PREGUNTAS PARA TRABAJADORES, FAMILIAS Y USUARIOS, María Jesús Germán Urdiola y José Fernández Iglesias, Fórum de Entidades Aragonesas de Salud Mental, setembro 2021, dispoñible en https://www.fadesaludmental.es/biblioteca/223-novedades-de-la-ley-8-2021-para-personas-con-problemas-de-salud-mental.html

3 Como lembra o VALORA-GALICIA, combinando aspectos legais e técnicos, "Así mesmo, será necesario neste tipo de intervencións, aínda que os pais e as nais non teñan a garda e custodia dos fillos ou fillas e con independencia do seu grao de colaboración ou oposición, respectar os dereitos que os asisten como titulares da patria potestade e como cidadáns e cidadás a ser informados das actuacións levadas a cabo e previstas, a ser oídos e a que se teña en conta a súa opinión e a opoñerse ás intervencións e medidas en vía xudicial, entre outros dereitos. Iso de conformidade co artigo 154 do Código Civil (na redacción dada pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, no que respecta á regulación da patria potestade) e ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (no que respecta á regulación dos dereitos dos cidadáns e cidadás nas súas relacións coas administracións)" (páxina 50).

4 "A información será clara, comprensible e en formato accesible, incluíndo as causas que deron lugar á intervención da Administración e os efectos da decisión adoptada, e no caso do menor, adaptada ao seu grao de madurez. Sempre que sexa posible, e especialmente no caso do menor, esta información facilitarase de forma presencial" (artigo 172.1 CC).

5 Sobre os requisitos e límites, é interesante https://www.oscar-cano.com/entrada-urgente-en-domicilio-para-proteccion-del-menor/, de 26 de setembro de 2021.