Adopcións
A adopción é unha medida de protección definitiva e subsidiaria ás anteriores que se pode adoptar cando a persoa menor de idade non pode ou non debe regresar coa súa familia biolóxica non existe ou non é conveniente a posibilidade dun acollemento permanente noutra familia. A Xunta de Galicia promoverá a adopción dunha persoa menor de idade cando, valorada a súa situación e circunstancias:
- se constate a inviabilidade da permanencia definitiva ou da reintegración na súa familia de orixe
- responda ao interese daquela e
- constitúa a medida máis axeitada para atender as súas necesidades (artigo 73.2 D).
- En España a adopción é “plena”, o cal quere dicir que:
- respecto á familia biolóxica, o adoptado ou adoptada racha tódalas relacións xurídicas (artigo 178): PP, apelidos, parentesco...
- respecto á familia adoptiva, o adoptado ou adoptada crea unha nova filiación exactamente igual ca dun fillo ou filla biolóxicos, cos mesmos dereitos (PP, apelidos, parentesco, nacionalidade, vecindade civil...) e obrigas, e
- é irrevogable (artigo 180 CC): dende a sentencia firme de adopción, non hai posibilidade de dar marcha atrás no proceso de adopción, sempre e cando este fose respectando tódalas formalidades legais; e, de non terse respectado, dáse a posibilidade excepcional de que pida a extinción da adopción calquera das proxenitoras que, sen culpa súa, non tivesen intervido no expediente de adopción nos termos do artigo 177, se a demanda se interpuxo dentro dos dous anos seguintes á adopción, se a extinción solicitada non prexudica gravemente á persoa adoptada e, se esta fose maior de idade, se esta dá o seu consentimento expreso.
- Tamén cabe a adopción "aberta" (artigo 178.4 CC) cando o interese da persoa menor de idade así o aconselle, en razón da súa situación familiar, idade ou calquera outra circunstancia significativa valorada pola Entidade Pública e:
- poderá acordarse o mantemento dalgunha forma de relación ou contacto a través de visitas ou comunicacións entre a persoa menor de idade, os membros da familia de orixe que se considere e a adoptiva1
- favorecerase especialmente, cando iso sexa posible, a relación entre os irmáns biolóxicos e as irmás biolóxicas (o cal se correlaciona tamén co dereito a conservar os vínculos afectivos cos seus irmáns e irmás, e para tal fin a Administración da Xunta de Galicia procurará que todas elas sexan acollidas ou adoptadas por unha mesma persoa ou familia, e, para o caso de separación, tratará de facilitar a relación entre eles e elas, de acordo co artigo 74.1 D)
- a periodicidade, duración e condicións serán fixadas polo xulgado, a proposta da Entidade Pública ou do Ministerio Fiscal e co consentimento da familia adoptiva e do/a adoptando/a se tivese suficiente madurez e sempre se fose maior de doce anos, e esa relación poderá levarse a efecto con ou sen a intermediación da Entidade Pública ou entidades acreditadas
- o xulgado poderá acordar, tamén, a súa modificación ou finalización en atención ao interese superior da persoa menor de idade, a petición da Entidade Pública, da familia adoptiva, da familia de orixe ou da persoa menor de idade se tivese suficiente madurez e, para todo caso, se fose maior de doce anos
- a Entidade Pública remitirá ao xulgado informes periódicos sobre o desenvolvemento das visitas e comunicacións, así como propostas de mantemento ou modificación das mesmas durante os dous primeiros anos, e, transcorridos estes a petición do xulugado.
As denominadas tecnicamente adopcións especiais non teñen legalmente ningún réxime xurídico específico, son para estes efectos procesos de adopción de nenos, nenas e adolescentes con necesidades especiais, nunha situación de vulnerabilidade que demanda unha especial dedicación da familia que os adopta: nenos, nenas ou adolescentes de máis de 8 anos, con dificultades físicas, psíquicas ou sensoriais, con calquera outra característica que require unha especial atención ou grupos de irmáns e/ou irmás.
A adopción internacional dáse cando existe algún elemento estranxeiro nunha adopción. Ten unha normativa específica substentada fundamentalmente no Convenio relativo á protección do neno e á cooperación en materia de adopción internacional, feito na Haia o 29 de maio de 1993, ratificado por España mediante Instrumento do 30 de xuño de 1995, e na Lei 54/2007, do 28 de decembro, de Adopción internacional, máis outra normativa autonómica e internacional. Artéllase a partir dun sistema específico fundamentado en autoridades centrais e en entidades colaboradoras de adopción internacional (ECAI) (ver https://adopcions.xunta.es/index.php?idMenu=6&idIdioma=2).
Dura toda a vida, pois a adopción é irrevogable, como se acaba de indicar, polo que, para o caso de considerarse fallida esa adopción, a única actuación posible sería acordar novamente o desamparo da persoa menor de idade e asumir a súa tutela (se se desen as circunstancias legais, pois a adopción fallida non determina por ela mesma a existencia de desamparo), exercéndoa novamente por medio dun acollemento residencial ou familiar.
Procedemento de adopción
Fontes básicas. Artigos 175 a 180 CC; artigo 24 LOPXM; artigos 73 e ss. LFam; artigos 61 e ss. D; e artigos 33 e ss. Lei 15/2015, de 2 de xullo, da Xurisdicción Voluntaria.
Calquera persoa física que cumpra os seguintes requisitos:
- ter 25 anos cumpridos, se ben para o caso de solicitude conxunta por cónxuxes ou parellas con relación estable análoga á conxugal, abondará con que un deles teña a dita idade; e te-lo/s adoptante/s 14 anos máis que o/a adoptando/a, como mínimo
- ter residencia habitual na Comunidade Autónoma de Galicia, con dúas excepcións:
- este requisito non se esixirá cando se considere conveniente que unha persoa menor de idade sexa adoptado fóra de Galicia, solicitándose para este caso candidatos valorados idóneos aos servicios competentes doutras comunidades autónomas (artigo 63 D), e poden do ser declaradas idóneas ben polos servizos competentes da súa comunidade autónoma, ben polos servizos desta comunidade (artigo 76.2 LFam); e
- para o caso de emigrantes galegos con previsión de retorno, poderán dirixir a súa solicitude á xefatura territorial na que vaian fixar a súa residencia.
- estar inscrita no Rexistro de Adopcións da Comunidade Autónoma.
- ser considerada/s persoa/s idónea/s para a adopción logo do correspondente procedemento de avaliación.
(artigo 64 D):
- persoas menores de idade non emancipadas
- persoas maiores de idade ou menores de idade emancipadas cando, xusto antes da emancipación, existise unha situación non interrumpida de acollemento ou convivencia, iniciada antes de que o(a adoptando/a cumprise os 14 anos.
(artigo 175.3 CC):
- a un descendente
- a un parente en segundo grao de liña colateral por consanguinidade ou afinidade, nin
- a un pupilo polo seu titor ata que sexa aprobada definitivamente a conta xeral xustificada da tutela.
- Órgano administrativo: a Entidade Púlbica, coas excepcións dos casos nos que non se require a proposta previa de acordo co disposto no artigo 176.2º CC:
- ser orfa e parente do/a/s adoptante/s en terceiro grao de consanguinidade ou afinidade,
- ser fillo ou filla do cónxuxe ou da persona unida ao/á adoptante por análoga relación de afectividade á conxugal,
- levar máis dun ano en garda con fins de adopción ou ter estado baixo a tutela do/a/s adoptante/s polo mesmo tempo, ou
- ser maior de idade ou emancipado.
- Órgano xudicial: o xulgado de familia ou o xulgado de primeira instancia correspondente ó domicilio da Xefatura Territorial competente para a protección á persoa menor de idade e, para os casos xa citados que non necesitan proposta previa, o domicilio do adoptante.
- Procedemento de selección das persoas que queren adoptar:
- as persoas que desexen adoptar deberán presentar solicitude na Xefatura Territorial correspondente ao seu domicilio
- a avaliación da idoneidade dos solicitantes correspóndelle á cada Xefatura Territorial, baixo os criterios xerais do artigo 176.3 CC
- finalizada a avaliación, o equipo técnico elevará ó delegado ou delegada provincial unha proposta razoada sobre a idoneidade do/s solicitante/s, e a Xefatura Territorial emitirá resolución motivada no prazo máximo de 6 meses desde a data da solicitude e notificarase ó/s interesado/s
- Procedemento de selección para a asignación á persoa menor de idade: corresponde a cada Xefatura Territorial a selección do/a/s adoptante/s idóneo/a/s para cada persoa menor de idade.
- Finalizada a selección, e exceptuando os casos en que non sexa necesaria proposta previa, o delegado ou delegada provincial formalizará a garda con fins de adopción e emitirá a súa proposta de adopción.
- Verificada a adaptación positiva entre a persoa menor de idade e a familia acolledora, a Xefatura Territorial emitirá a proposta de adopción que presentará perante o xulgado competente.
- Deberán prestar consentimento á adopción (artigo 177.1 CC):
- o/a/s adoptante/s; e
- o/a/s adoptando/a/s maior/es de doce anos.
- Deberán mostrar asentimento na adopción (artigo 177.2 CC):
- o cónxuxe ou persoa unida a/á adoptante por análoga relación de afectividade á conxugal, salvo separación ou divorcio legal ou ruptura da ruptura da parella que conste de maneira fidedigna, agás nos supostos nos que a adopción se vaia a formalizar de forma conxunta; e
- a/s proxenitora/s do/a/s adoptando/a/s non emancipado/a/s, a non ser que estivesen privados da PP por sentencia firme ou incursos en causa legal para tal privación (esta segunda situación precisará procedemento xudicial específico diferente ao de adopción), e co límite de que nas adopcións que esixan proposta previa non se admitirá que o asentimiento da/s proxenitora/s se refirasa adoptante/s determinado/a/s.
- Non poderán mostrar asentimento na adopción (artigo 177.2 CC):
- as persoas imposibilitados para mostrar consentimento, imposibilidade que se apreciará motivadamente na resolución xudicial que constitúa a adopción (non precisa procedemento xudicial específico diferente ao de adopción)2,
- a/s proxenitora que tivese suspendida a PP cando teñan transcurrido dous anos desde a notificación da declaración de situación de desamparo, nos termos previstos no artigo 172.2 CC, sen oposición á mesma ou cando, interposta en prazo, fose desestimada, a
- a nai se non teñen transcurrido seis semanas dende o parto.
- Deberán ter audiencia polo xulgado:
- a/s proxenitora/s non privados da PP, cando o seu asentimento non sexa necesario para a adopción
- o/a titor/a, e para o seu caso, a familia acolledora e mais o/a/s gardador/a/es
- o/a adoptando/a menor de doce anos, de acordo coa súa idade e madurez.
- Resolución: a adopción constitúese por resolución xudicial, que terá en conta sempre o interese do/a/s adoptando/a/s e a idoneidade do/a/s adoptante/s para o exercicio da PP.
ATENCIÓN: Que é a idoneidade. Legalmente, "Enténdese por idoneidade a capacidade, aptitude e motivación adecuadas para exercer a responsabilidade parental, atendendo ás necesidades dos menores para adoptar, e para asumir as peculiaridades, consecuencias e responsabilidades que leva a adopción. A declaración de idoneidade pola Entidade Pública requirirá unha valoración psicosocial sobre a situación persoal, familiar, relacional e social dos adoptantes, así como a súa capacidade para establecer vínculos estables e seguros, as súas habilidades educativas e a súa aptitude para atender a un menor en función das súas singulares circunstancias. Dita declaración de idoneidade formalizarase mediante a correspondente resolución. Non poderán ser declarados idóneos para a adopción quen se atope privados da patria potestade ou teñan suspendido o seu exercicio, nin quen teña confiada a garda do seu fillo á Entidade Pública. As persoas que se ofrezan para a adopción deberán asistir ás sesións informativas e de preparación organizadas pola Entidade Pública ou por Entidade colaboradora autorizada" (artigo 176.3 CC).
1 Galicia tiña recollida unha regulación similar, en liña coa normativa catalana e vasca, no artigo 74.1 LFam ao recoñecer "o dereito para conservar os vínculos afectivos cos seus irmáns e irmás, e a tal fin a Administración da Xunta de Galicia procurará (...), en caso de separación, facilitar a relación entre eles e elas".
“La adopción abierta en el Derecho español. Sus antecedentes, y su aplicación administrativa y judicial”, de Salomé Adroher Biosca, Profesora de Dereito da Universidade Pontificia Comillas. na Rev. Crítica de Derecho Inmobiliario, N.º 800 págs. 3147 a 3191. Año 2023. (https://www.revistacritica.es/), achegando os resultados dunha enquisa realizada a todas as Comunidades Autónomas en 2022, evidenciando a súa diversa implantación territorial.
Os tribunais chegan a recoñecer a posibilidade desta modalidade de adopción mesmo coa oposición expresa, e xudicial, da nai biolóxica: SAP Madrid, Sección 22, de 19 de xaneiro de 2023.
2 Para estes efectos, son especialmente importantes as modificacións introducidas no réxime xeral de capacidade xurídica pola Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.