Unha persoa menor de idade ("neno, nena ou adolescente")
Chamaremos unha persoa menor de idade (“menor”, nalgúns textos xurídicos internacionais, españois e galegos) a toda persoa física dende o momento do seu nacemento ata o da súa maioría de idade (artigo 1 CDN).
E entendéndose na lexislación galega:
- por infancia, o período ata 12 anos, e
- por adolescencia, dende dita idade ata a maioría establecida por lei (artigo 37 LFam).
O efecto xurídico fundamental da situación de menor idade é a limitación da capacidade de obrar legal, en correlación coas limitacións igualmente existentes nas capacidades físicas, intelectuais, afectivas o outras.
ATENCIÓN: Dereitos e obrigas. As persoas menores de idade non están privadas de todo dereito e de toda obriga ata os 18 anos, senón que son titulares de dereitos e de obrigas conforme a diferentes normativas e en diferentes tramos de idade, por exemplo, responder por delictos, consentir relacións sexuais, prestar consentimento médico en xeral e para atención psicolóxica en violencia de xénero en particular, prestar consentimento para efectos da protección dos seus datos persoais, abrir contas en redes sociais ou subir fotos ou videos a internet, ser testemuñas nun xuízo, ser informadas e escoitadas nas decisións que lles afecten, facer testamento, optar pola nacionalidade, emanciparse, pedir medidas de apoio para exercer a súa capacidade xurídica -se son persoas menores de idade con discapacidade-, traballar ou pagar impostos -por exemplo do traballo ou dunha herdanza-, entre outras1.
- A situación de minor idade e as diversas limitacións derivadas da mesma mantéñense ata a maioría de idade, que é:
- 18 anos para o caso de persoas menores de idade de nacionalidade española (artigos 12 da Constitución Española, 240 CC e 1 LOPXM)2.
- A idade que dispoña a lei persoal (que é a determinada pola súa nacionalidade), para o caso de persoas menores de idade de nacionalidade diferente á española (artigo 9.1 CC), que poderá ser inferior ou superior ós 18 anos.
- E para todo caso, e para efectos da CDN, enténdese por unha persoa menor de idade (“menor”) a todo ser humano menor de 18 anos a non ser que, en virtude da lei que lle sexa aplicable, teña alcanzado antes a maioría de idade (artigo 1 CDN).
- Diante da dúbida, cando non poida ser establecida a maioría de idade dunha persoa, será considerada menor de idade aos efectos do previsto na LOPXM, en tanto se determina a súa idade. (artigo 12.5 LOPXM).
- Excepcionalmente, tamén remata a situación e efectos da minoría de idade coa emancipación do ou da adolescente por concesión de quen exerza a PATRIA POTESTADE ou por concesión xudicial (artigo 239 CC).
1 En termos moi coloquiais, ver https://blog.escura.com/que-puede-hacer-legalmente-un-menor/
2 Isto non quita que, para determinados efectos, se poida considerar menor de idade a outras persoas, por normativa específica. Por exemplo, en Galicia, na RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2023 pola que se publica a convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, para a atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores no centro de reeducación de Monteledo (37 prazas) e no centro de atención específica de Montefiz (23 prazas) do complexo de Montealegre en Ourense (código de procedemento BS213L), publicada no D.O.G. de 10 de novembro de 2023, se contén esta definición: No marco do disposto na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, así como na Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do código penal, o termo «persoa menor» entenderase extensivo á totalidade daquelas persoas a que lles sexa aplicable algunha medida derivada da dita Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, independentemente de que alcanzasen ou non a maioría de idade no momento da execución, de acordo ao uso que do dito termo se dá na antedita lei" (ANEXO I, B), parágrafo segundo).