Situación de risco

  • Legalmente, é calquera situación que prexudique o desenvolvemento, benestar ou dereitos da persoa menor de idade, pero cunha levedade que non esixa a asunción da tutela por ministerio da lei ou tutela administrativa:
    • "Considerarase situación de risco aquela en a que, por mor de circunstancias, carencias ou conflitos familiares, sociais ou educativos, a persoa menor de idade véxase prexudicada no seu desenvolvemento persoal, familiar, social ou educativo, no seu benestar ou nos seus dereitos de forma que, sen alcanzar a entidade, intensidade ou persistencia que fundamentarían a súa declaración de situación de desamparo e a asunción da tutela por ministerio da lei, sexa precisa a intervención da administración pública competente, para eliminar, reducir ou compensar as dificultades ou inadaptación que lle afectan e evitar o seu desamparo e exclusión social, sen ter que ser separado da súa contorna familiar" (artigo 17 LOPXM).
    • "Consonte o disposto no artigo 26 da Lei 2/2006, de dereito civil de Galicia, considérase situación de risco a que se produce de feito cando a persoa menor de idade, sen estar privada no seu ámbito familiar da necesaria asistencia moral ou material, se ve afectada por calquera circunstancia que prexudique o seu desenvolvemento persoal, familiar, social ou educativo e que permita razoablemente temer que no futuro poida estar incursa nunha situación de desamparo, inadaptación ou de exclusión social" (artigo 48.3 LFam, e o citado artigo 26 LDGC).
    • "Enténdese por situación de risco aquela en que poida atoparse o menor cando, a causa das súas circunstancias persoais, familiares ou por influencias do seu contorno, se estea prexudicando o seu desenvolvemento persoal ou social, sen acada-la gravidade suficiente para xustifica-la declaración de desamparo e a separación do menor da súa familia. / Nas situacións de risco, a actuación administrativa dirixirase a procura-las necesidades básicas do menor, mellorando o seu medio familiar e eliminando os factores de risco" (artigo 27.2 D 42/2000).
  • Detállanse indicadores de risco e situacións concretas que se consideran constitutivas de risco nos artigos 17.2 LOPXM e 49 LFam, respectivamente.
  • Para todo caso, a negativa dos proxenitores, titores, gardadores ou acolledores a prestar o consentimento respecto dos tratamentos médicos necesarios para salvagardar a vida ou integridade física ou psíquica dunha persoa menor de idade suporá unha situación de risco (artigo 17.10 LOPXM).
  • Especificamente, entenderase por situación de risco prenatal a falta de coidado físico da muller xestante ou o consumo abusivo de sustancias con potencial adictivo, así como calqueroutra acción propia da muller ou de terceiros tolerada por esta, que prexudique o normal desenvolvemento ou poida provocar enfermidades ou anomalías físicas, mentais ou sensoriais ao recentemente nado. Os servizos de saúde e o persoal sanitario deberán notificar esta situación á administración pública competente, así como ao Ministerio Fiscal. Logo do nacemento manterase a intervención co menor e a súa unidade familiar para que, se fose necesario, se declare a situación de risco ou desamparo do menor para a súa adecuada protección (art. 17.9 LOPXM).

ATENCIÓN: ¿Que é a situación de risco, legalmente?. Estas 3 definicións legais correspóndense con 4 normas en vigor, de diferente rango legal e ámbito (lei estatal -ordinaria neste punto concreto-, leis autonómica e decreto autonómico) e de diferente data de redacción (2021, 2016, 2011 e 2000). Non son definicións incompatibles, máis ben son no fondo reformulacións dunha mesma idea xeral. No entanto non se derroguen ou adapten e coordinen as diferentes normativas, aconséllase integrar as 3 definicións e, para o caso de dúbida, en Galicia utilizar a primeira, por a) ser a máis recente, b) a máis consensuada no senso de ser de ámbito estatal e, sobre todo, c) a utilizada polo VALORA-GALICIA. INSTRUMENTO PARA A VALORACIÓN DA GRAVIDADE DAS SITUACIÓNS DE DESPROTECCIÓN INFANTIL NOS SERVIZOS SOCIAIS ESPECIALIZADOS EN PROTECCIÓN DE MENORES NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA (en adiante, VALORA-GALICIA), nas súas páxinas 21 e 172).

  • En síntese, obriga aos poderes públicos a:
    • Garantir para todo caso os dereitos da persoa menor de idade.
    • Diminuír os factores de risco e dificultade social.
    • Promover os factores de protección da persoa menor de idade e mais da súa familia.
    • Realizar o seguimento da evolución da persoa menor de idade na súa familia.
  • Polo miúdo, obrígase aos poderes públicos a actuar en xeral orientándose á prevención do desamparo e á reparación da situación de risco (artigo 26.2 LDCG) e a mera avaliación dunha situación de risco conlevará a elaboración e posta en marcha dun proxecto de intervención social e educativo familiar que deberá recoller os obxectivos, actuacións, recursos e previsión de prazos, promovendo os factores de protección do menor e mantendo a este no seu medio familiar nas demais condicións indicadas no artigo 17.3 LOPXM).
    • Correspóndelles ás entidades locais, no marco do disposto na lexislación estatal e autonómica reguladora do réxime local e dos servizos sociais, a detección, a valoración e a intervención nas situacións de risco de calquera índole e a activación dos seus propios recursos ou en colaboración (pública e/ou privada) (artigo 50.1 LFam, e en similares termos o artigo 27.1 D 42/2000, ademais da correlativa normativa en materia de servizos sociais1 e en materia municipal2).
    • O procedemento para a valoración do risco, así como as actuacións que se deberán levar a cabo desenvolveranse regulamentariamente3, garantindo, en todo caso, a audiencia (…)(artigo 50.2 LFam).
    • E precisará unha resolución administrativa motivada e contra a cal se poderá interpoñer recurso conforme á Lei de Axuizamento Civil (artigo 17.6 LOPXM).
  • A intervención poderá pasar logo á entidade pública ou ao Ministerio Fiscal, co seguinte procedemento:
    • Especificamente nos supostos de risco prenatal, a administración pública competente para intervir na situación de risco adoptará, en colaboración cos servizos de saúde correspondentes, as medidas adecuadas de prevención, intervención e seguimento, das situacións de posible risco prenatal, para os efectos de evitar con posterioridade unha eventual declaración de situación de risco ou desamparo da persoa recén nacida (artigo 17.9 LOPXM).
    • Ademais, en xeral, deberán levarse a termo as políticas de prevención e apoio á familia previstas con carácter xeral nos artigos 46 e 47 LFam e 30 e 31 D 42/20004.

ATENCIÓN: Tipos de risco e competencias. Legalmente, non existen definicións con subtipos de risco. Tecnicamente, poden establecerse tantos subtipos de risco como se queira, sendo un estándar subcualificalo como leve, moderado ou grave, como así fai o VALORA-GALICIA. O legal e o técnico compleméntanse. Así e todo, para efectos legais as competencias coa normativa actual só están divididas en función de ser situación de risco (en Galicia, administración local) ou de desamparo (entidade pública, en Galicia, Xefatura Territorial da Consellería de Política Social), e non en función de ser un ou outro tipo ou intensidade de risco.

  • Por ser unha situación de feito, o risco mantense en tanto se manteñan as circunstancias que de feito o causan.
    • De eliminarse a situación de feito, remata o risco.
    • De manterse a situación durante a intervención, esixe revisión continuada porque calquera medida de protección non permanente que se adopte deberá revisarse (artigo 12.6 LOPXM):
      • respecto de menores de 3 anos, cada 3 meses
      • respecto de maiores de 3 anos, cada 6 meses
    • De pecharse, sen resultados positivos, hai un réxime especial (artigos 17.8 LOPCM e 27.2 D 42/2000).
      • Nos supostos en que a administración pública competente para apreciar e intervir na situación de risco estime que existe una situación de desprotección que pode requirir a separación do menor do seu ámbito familiar ou cando, concluído o período previsto no proxecto de intervención ou Convenio, non se conseguiron cambios no desempeño dos deberes de garda que garantan que o menor conta coa necesaria asistencia moral ou material, porao en coñecemento da Entidade Pública a fin de que valore a procedencia de declarar a situación de desamparo, comunicándoo ao Ministerio Fiscal.
      • Cando a Entidade Pública considere que non procede declarar a situación de desamparo, a pesar da proposta en tal sentido formulada pola administración pública competente paira apreciar a situación de risco, porao en coñecemento da administración pública que interveña na situación de risco e do Ministerio Fiscal.
      • Este último fará una supervisión da situación do menor, podendo para iso solicitar a colaboración dos centros escolares e os servizos sociais, sanitarios ou calquera outros.

ATENCIÓN: "Llegar a tiempo". LLEGAR A TIEMPO. NIÑOS, NIÑAS Y ADOLESCENTES EN SITUACIÓN DE RIESGO EN ESPAÑA recolle unha recente investigación realizada por Espirales Consultoría de Infancia para Aldeas Infantiles SOS de España publicada en setembro de 2020, cos obxectivos declarados de a) Estimar o número de declaracións de risco e desamparo en España. b) Pescudar os motivos de alta e cesamento das declaracións de risco e desamparo que se establecen nas distintas comunidades autónomas en España. Dentro deste obxectivo, averiguar cantas declaracións de risco derivan en declaración de desamparo e cantas cesan por outros motivos. c) Identificar os recursos dispoñibles para a intervención con nenos, nenas e adolescentes en situación de risco nos municipios seleccionados para a investigación, con especial atención aos programas de fortalecemento familiar e/ou parentalidad positiva. Efectúa unha ampla análise do marco lexislativo do risco (páxinas 12 a 44). E contén claves sobre a intervención con nenos, nenas e adolescentes en situación de risco (páxinas 68 e ss.). Ver https://www.aldeasinfantiles.es/llegar-a-tiempo

1 En concreto, na normativa de servizos sociais, o D 99/2012, en particular os artigos 19, letras d) e e) e 20.1, en relación especificamente co servizo de educación e apoio familiar municipal, e artigo 26, letra h), en relación coas funcións dos servizos sociais comunitarios específicos: (...) "h) A atención a menores de idade en situación de risco ou conflito social, mediante equipamentos e programas orientados a atención psicosocial, intervención socioeducativa, actividades de tempo libre, promoción de hábitos saudables, formación en habilidades sociais ou outros que contribúan á súa integración familiar e comunitaria".

2 Na Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local o artigo 25.2, letras e) e o), 26.1.c (para concellos con máis de 20.000 habitantes) e 27.3.c, se é o caso.

3 Un exemplo recente dun concello grande -aínda que non galego, no constando regulación municipal neste senso neste momento-, o regulamento polo que se regula o procedemento paira a declaración de risco de menores residentes no municipio de Sevilla aprobado o 21 de maio de 2021 (B.O.P. Sevilla de 15 de xuño de 2021).

4 Sobre as políticas públicas de infancia e adolescencia en Galicia, e oytros aspectos, en concreto participación infantil e o dereito a ser escoitado/a, atención temperá, pobreza infantil, violencia contra a infancia, entorno familiar e modalidades alternativas de coidado, saúde, educación, dereito ao ocio e ao tempo libre e tratamento nos medios de comunicación, ver “Os dereitos da infancia en Galicia”, da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia, de novembro de 2021.