Patria potestade ou potestade paterna

  • Os fillos e fillas non emancipados están baixo a patria potestade (en adiante, no resto do documento, PP) do/s seu/s proxenitor/es ou da/s súa/s proxenitora/s (artigo 154 CC), chamándose a esa autoridade PP.
  • O contido da relación parentofilial aparece claramente determinado no artigo 39.3 da Constitución Española cando afirma que “os pais deben prestar asistencia de todo orde aos fillos habidos dentro ou fóra do matrimonio, durante a súa minoría de idade e nos demais casos nos que legalmente proceda”.

  • A PP exercerase sempre en beneficio dos fillos e fillas, de acordo coa súa personalidade, e abrangue os seguintes deberes e facultades (artigo 154 CC):
    • Persoais ou de garda: velar polos fillos, telos na súa compaña, alimentalos, educalos e procurarlles unha formación integral1
    • Patrimoniais: representalos e administrar os seus bens, coas excepcións previstas no artigo 162 CC.
    • Especificamente, decidir o lugar de residencia habitual da persoa menor de idade, que só poderá ser modificado co consentimento de ambos os proxenitores ou, na súa falta, por autorización xudicial.
  • Pola súa banda, os fillos e as fillas suxeitos e suxeitas á PP teñen os seguintes deberes (artigo 155 CC):
    • Obrigas persoais: obedecer aos seus pais mentres permanezan baixo a súa potestade, e respectarlles sempre.
    • Obrigas patrimoniais: contribuír equitativamente, segundo as súas posibilidades, ao levantamento das cargas da familia mentres convivan con ela.
    • Especificamente a normativa galega engade (artigo 45 LFam):
      • Asumir e cumprir os deberes, as obrigas e as responsabilidades que deriven da titularidade e do exercicio dos seus dereitos, de modo que se garanta o exercicio e o pleno gozo dos dereitos das demais persoas.
      • Manter un comportamento cívico acorde coas esixencias de convivencia da sociedade, baseadas na tolerancia e no respecto dos dereitos de todas as persoas.
      • Respectar os seus pais, nais, titores, titoras, gardadores ou gardadoras, e obedecelos ou obedecelas cando estes actúen no exercicio dos seus deberes e responsabilidades parentais e mais contribuír ao desenvolvemento da vida familiar colaborando nas actividades domésticas sen distinción de sexo conforme a súa idade, madureza e circunstancias.
      • E o resto de deberes xerais por seren menores de idade (artigos 9 a 9 quinquies LOPXM).
  • A PP exercerase conxuntamente por ambos/as proxenitores/as ou por un/ha co consentimento do/a outro/a (artigo 156), agás situacións especiais:
    • Decidida por resolución xudicial, para o caso de desacordo entre os/as proxenitores/as, e tamén para os casos de nulidade, divorcio ou separación (artigos 90 e ss. CC)2.
    • Atribuída en exclusiva total ou parcialmente a un/ha proxenitor/a por un prazo máximo de 2 anos: cando eses descaordos fosen reiterados ou concorrese calquera outra causa que entorpeza gravemente o exercicio da PP, e tamén para os casos de nulidade, divorcio ou separación (artigos 90 e ss. CC).
    • Distribuida entre ambos/as proxenitores por un prazo máximo de 2 anos: no mesmo suposto anterior3.
    • Exclusiva, cando só hai un/ha proxenitor/a e para os casos de ausencia ou imposibilidade dun/ha proxenitor/a.
    • Asistida, cando quen exerza a PP sexa tamén unha persoa menor de idade non emancipada, exercéndose entón a PP sobre o bebé ou a bebé coa asistencia do seu avó e da súa avoa e, a falta dambos, do/a titor/a da titular da PP e, para os casos de desacordo ou imposibilidade, coa asistencia do xulgado directamente (artigo 157 CC).

ATENCIÓN: Violencia de xénero. "Ditada una sentenza condenatoria e mentres non se extinga a responsabilidade penal ou iniciado un procedemento penal contra un dos proxenitores por atentar contra a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou a liberdade e indemnidad sexual dos fillos ou fillas comúns menores de idade, ou por atentar contra o outro proxenitor, abondará co consentimento deste para a atención e asistencia psicolóxica dos fillos e fillas menores de idade, debendo o primeiro ser informado previamente. O anterior será igualmente aplicable, aínda que non se interpuxo denuncia previa, cando a muller estea a recibir asistencia nun servizo especializado de violencia de xénero, sempre que medie informe emitido por devandito servizo que acredite dita situación. Se a asistencia houbese de prestarse aos fillos e fillas maiores de dezaseis anos precisarase en todo caso o consentimento expreso destes" (artigo 156 CC)4.

  • A PP ten duración indefinida ata a maioría de idade da persoa menor de idade, e remata (artigo 169 CC):
    • Pola morte ou a declaración de falecemento dos pais ou do fillo.
    • Pola emancipación.
    • Pola adopción do fillo.
  • Pero non se pode exercer a PP en dúas situacións excepcionais:
    • PP suspendida: cando a entidade pública que ten encomendada a protección das persoas menores de idade constata que unha persoa menor de idade se atopa nunha situación de desamparo e, en consecuencia, automaticamente asume a súa tutela por ministerio da lei (artigos 172.1 CC, 54 LFam, 9 LDCG e 40 D 42/2000).
    • PP privada total ou parcialmente, por sentencia fundada no incumprimento dos deberes inherentes á mesma o dictada en causa criminal ou matrimonial (artigo 170 CC)5, e sen prexuízo de poder recuperarse no futuro cando tivese cesado a causa que motivou a privación.

ATENCIÓN: PP prorrogada e PP rehabilitada. Estas dúas fórmulas excepcionais de PP non existen dende o día 3 de setembro de 2021, pola entrada en vigor da Lei 8/2021, de 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual paira o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica. Empregábanse como fórmulas xurídicas de protección para persoas con declaración xudicial de incapacitación, declaración esta que tamén desaparece dende ese mesmo día6. Así e todo, quen ostenten a PP prorrogada ou rehabilitada continuarán exercéndoa ata que se produza a revisión das resolucións xudicias, para o cal se prevé un prazo máximo de 3 anos, é dicir: a) non poderá haber novas PP prorrogadas ou rehabilitades, e b) extinguiríanse todas as existentes como máximo o 3 de setembro de 2024.

ATENCIÓN: Documentación. Á vista da cada vez máis variada realidade de situacións excepcionais relacionadas coa PP, considérase unha boa praxe documentar a situación da PP dende o momento inicial por medio de a) certificación literal de nacemento da persoa menor de idade e b) declaración responsable de quen exerza a súa PP en relación coa situación da PP e c) se é o caso, coa documentación acreditativa desa situación (en particular, resolucións xudiciais), ben por achega dos/as proxenitores/as, ben por requirimento ás autoridades xudiciais corrrespondentes.

1 Mantense o masculino xenérico por ser esa a redacción do CC.

2 "Se os proxenitores viven separados, a patria potestade exercerase por aquel con quen o fillo conviva. Con todo, a autoridade xudicial, a solicitude fundada do outro proxenitor, poderá, en interese do fillo, atribuír ao solicitante a patria potestade para que a exerza conxuntamente co outro proxenitor ou distribuír entre ambos as funcións inherentes ao seu exercicio" (mesmo artigo 156 CC, parágrafo final).

3 Pero tanto neste caso como no anterior, "respecto de terceiros de boa fe, presumirase que cada un dos proxenitores actúa no exercicio ordinario da patria potestade co consentimento do outro" (mesmo artigo 156 CC).

4 Obxecto do recurso de inconstitucionalidade n.º 5570-2021, resolto pola STC Pleno de 13 de setembro de 2022 declarando a constitucionalidade dese artigo, entre outros recurridos («BOE» núm. 253, de 21 de outubro de 2022, https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2022-17272).

5 Causas de privación entre as cales está o desinterese, “pues ni el padre lo conoce, ni está al tanto de sus necesidades personales, materiales y afectivas, de su personalidad, ni de ninguna de sus circunstancias, ni tampoco este tribunal conoce cuáles serían las motivaciones y criterios del demandado a la hora de manifestar una opinión sobre una decisión referida al niño, respecto del que hasta el momento no ha manifestado en modo alguno preocupación o interés” (STS de 30 de xaneiro de 2024, ver https://www.newtral.es/ts-retira-patria-potestad-padre-desatender-hijo/20240221/).

6 De acordo co seu preámbulo, III, "elimínanse do ámbito da discapacidade non só a tutela, senón tamén a patria potestade prorrogada e a patria potestade rehabilitada, figuras demasiado ríxidas e pouco adaptadas ao sistema de promoción da autonomía das persoas adultas con discapacidade que agora se propón. Neste sentido, convén lembrar que as novas concepcións sobre a autonomía das persoas con discapacidade pon en dúbida que os proxenitores sexan sempre as persoas máis adecuadas paira favorecer que o fillo adulto con discapacidade logre adquirir o maior grao de independencia posible e prepárese paira vivir no futuro sen a presenza dos seus proxenitores, dada a previsible supervivencia do fillo; ao que se engade que cando os proxenitores fanse maiores, ás veces esa patria potestade prorrogada ou rehabilitada pode converterse nunha carga demasiado gravosa. É por iso que, na nova regulación, cando o menor con discapacidade chegue á maioría de idade prestaránselle os apoios que necesite do mesmo xeito e polo mesmo medio que a calquera adulto que os requira" (segue a respectarse o masculino xenérico tamén empregado nesta norma).