Tutela por Ministerio da lei

A situación de tutela administrativa prodúcese, por ministerio da lei, cando a Administración aprecia unha situación de desamparo dunha persoa menor de idade, adoptando as medidas de protección precisas (artigos 172.1 e 199.1 CC, 18 LOPXM, 9 LDGC, 53 e 61 LFam e 32 e 40 D 42/2000).

Por principio, debe entenderse como unha proposta transitoria, como situación provisoria e en tanto non exista outra alternativa.

  • Dende ese momento (artigos 172.1 CC, 54 LFam, 9 LDCG e 40 D 42/2000):
    • A PP mantéñena os pais, pero queda en suspenso.
    • Os deberes de garda e custodia asúmeos a Administración, que deberá cumprir tódalas obrigas que como titor lle corresponden de acordo co establecido no Código Civil.
  • En cada Fiscalía debe existir un índice de tutelas de menores (artigo 23 LOPXM).

A tutela administrativa cesa por (artigo 62 LFam):

  • Resolución administrativa ditada como consecuencia do cesamento das circunstancias que motivaron a medida.
  • Resolución administrativa ditada con ocasión do traslado a outra entidade de protección.
  • Resolución xudicial firme que constitúa a adopción ou a tutela ordinaria ou que acorde o cesamento da situación de desamparo.
  • Imposibilidade sobrevida do seu exercicio, motivada pola imposibilidade de localización da ou do persoa tutelada por parte das autoridades competentes e atendidas as circunstancias do caso.

E tamén cesa polo resto de causas xerais de extinción da tutela previstas no artigo 231 CC, que se repasan no punto 3.6 desta guía (tutela ordinaria).

Debe dictarse sempre unha resolución expresa conforme ao mesmo procedemento xa explicado para a declaración de desamparo.