Acollementos

Concepto e clases de acollementos

  • O acollemento é o modo de exercicio da garda como medida de protección, consistente:
    • na integración da persoa menor de idade nunha familia, na súa modalidade de familiar, ou
    • no seu aloxamento e atención nun centro, na modalidade de residencial
      (artigos 68.1 LGF, 14 LDCG e 172.ter CC).
  • E co obxecto de facilitar a integración da persoa menor de idade nunha unidade familiar poderase compatibilizar a utilización do acollemento residencial e o familiar (artigo 69.g D).
  • A súa regulación nas diferentes normas de aplicación pode sintetizarse da seguinte maneira:
    LOPXMCONTIDO
    20acollemento familiar
    20 bisdereitos e deberes dos acolledores e das acolledoras familiares
    20 ter a 20 quinquiesacollemento transfronteirizo
    21acollemento residencial
    21 bisdereitos das persoas menores de idade acollidas
    22deber de información da entidade pública a proxenitora/s, titor/a/es/as ou gardador/a/es/as
    22 bisprogramas de preparación para a vida independente
    22 tersistema de información sobre protección á infancia e á adolescencia
    22 quátertratamento de datos de carácter persoal
    22 quinquiesimpacto das normas na infancia e na adolescencia
    24adopcion: remisión á lexislación civil
    CCCONTIDO
    172 teracollemento familiar
    173 bis
    • acollemento familiar de urxencia
    • Acollemento familiar temporal
    • acollemento familiar permanente
    176 bisgarda con fins de adopción
    LDCGCONTIDO
    14 y ssacollemento
    17acollemento simple
    acollemento permanente
    acollemento preadoptivo
    18acollemento simple
    19acollemento permanente
    20acollemento preadoptivo
    LFamCONTIDO
    68acollemento
    LOPIVICONTIDO
    DA 9ªDisposición adicional novena. Seguridad Social das persoas acolledoras especializadas de dedicación exclusiva.
    DA 20ªDisposición final vixésima. Especialización dos órganos xudiciais, da fiscalía e dos equipos técnicos que presten asistencia especializada aos xulgados e tribunais.
    DA 21ªDisposición final vixésima segunda. Adaptación normativa.

O acollemento familiar pode ser (artigo 20.1 LOPXM):

(artigo 173.bis.1 CC):

  • na familia extensa da persoa menor de idade
  • en familia allea á persoa menor de idade, ou
  • en familia allea á persoa menor de idade, especializada

(artigo 173.bis.1 CC):

  • De urxencia, principalmente para menores de seis anos, entrementres se decide a medida de protección familiar que corresponda
  • Temporal (ou simple, na denominación que aínda lle dán o artigo 17 LDCG, 70.2 LFaM e 50.3, 53.2 e 56.2 D, ver D.A. Segunda e D.A. Sexta da Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia), que terá carácter transitorio, ben porque da situación se prevea a reintegración da persoa menor de idade na súa propia familia, ou ben entrementres se adopte unha medida de protección que revista un carácter máis estable (así o di tamén o artigo 18 LDCG) como o acollemento familiar permanente ou a adopción.
  • Permanente, que se constituirá ben ao rematar o prazo de dous anos de acollemento temporal por non ser posible a reintegración familiar, ou ben directamente en casos de persoas menores de idade con necesidades especiais ou cando as súas circunstancias e as da súa familia así o aconsellen e, de acordo co artigo 19.1 LDCG, só procederá respecto de persoas menores de idade declaradas en desamparo
  • Permantente con facultades de tutela, que supón que a Entidade Pública poderá solicitar do xulgado que atribua ás persoas acolledoras permanentes aquelas facultades da tutela que faciliten o desempeño das súas responsabilidades (ver tamén artigo 19.2 LDCG).
  • A Circular Acollemento Familiar 1/2023, de Instrucciones para unificar y homogeneizar criterios en los acogimientos familiares en familia extensa y ajena, refírese a acollementos de convivencia plena, de fin de semana e/ou vacacións ou de día/noite, considerando o tipo de convivencia. É unha cualificación técnica interna, non unha cualificación legal, no senso de que esas denominacións e clasificacións non están recollidas nunha norma con rango de lei ou regulamento ou decreto ou orde, pero responde ás denominadas delegacións de garda (á cal se fai referencia en 1. Introducción) previstas no artigo 172.ter.3 CC1

Pode haber especificidades que afectarían fundamentalmente ao contido ou aos criterios e requisitos ou ás pautas de actuación, e non á denominación legal nin á regulación legal:

  • Especializado: desenvóvese nunha familia na que algunha/s das persoas que integran a unidade familiar dispón/dispoñen de cualificación, experiencia ou formación específica para desempeñar esta función respecto de persoas menores de idade con necesidades ou circunstancias especiais, podendo percibir xa que logo unha compensación (artigo 20.1 LOPXM). A Circular Acollemento Familiar 1/2022, de 9 de febreiro de 2022, refírese a acollementos ordinarios ou especiais, e correlaciónaos coa compensación económica e coas características das persoas menores de idade. É unha cualificación técnica interna, non unha cualificación legal, no senso de que esas denominacións e clasificacións non están recollidas nunha norma con rango de lei ou regulamento ou decreto ou orde.
  • Remunerado: no suposto anterior, ou cando existan circunstancias que aconsellen facilitarlle este apoio á/s persoa/s acolledoras polo mantemento da persoa menor de idade (artigo 52 D).
  • Especializado de dedicación exclusiva: cando así se determine pola Entidade Pública por razón das necesidades e circunstancias especiais da persoa menor de idade en situación de ser acollida, percibindo a/s acolledoras unha compensación en atención á devandita dedicación (artigo 20.1 LOPXM).
  • Transfronteirizo: cando a persoa menor de idade non está en España e se pretende o seu desprazamento a España, ou viceversa, se pretende o acollemento transfronteirizo de personas menores de idad dende España a outro Estado, supostos nos cales se aplicarán unhas normas específicas (artigos 20.ter, 20.quater e 20.quinquies LOPXM).
  • En situacións de violencia de xénero ou doméstica: cando a persoa menor de idade se atope baixo a PP, tutela, garda ou acollemento dunha vítima de violencia de xénero ou doméstica, as actuacións dos poderes públicos estarán encamiñadas a garantir o apoio necesario para procurar a permanencia das persoas menores de idade, con independencia da súa idade, con aquela, así como a súa protección, atención especializada e recuperación (artigo 12.3 LOPXM).
  • Discapacidade: para o caso dunha persoa menor de idade con discapacidade, deberá continuar cos apoios especializados que viñese recibindo ou adoptar outros máis adecuados ás súas necesidades (artigos 172.bis e 173 CC e artigos 19.bis.1 e 20.bis.2.a LOPXM), que deberán constar na resolución de formalización do acollemento familiar (artigo 20.3.f LOPXM).
  • Por responsabilidade penal: a Lei Orgánica 5/2000, de 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores contén como unha das medidsa que o xulgado pode impoñer a de "Convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo". A persoa sometida a esta medida debe convivir, durante o período de tempo establecido polo xulgado, con outra persoa, cunha familia distinta á súa ou cun grupo educativo, adecuadamente seleccionados para orientar a aquela no seu proceso de socialización (artigo 7.1.j da lei citada), rexíndose entón por esa normativa específica.
  • O denominado acollemento familiar preadoptivo previsto polos artigos 17 e 20 LDCG, 70.2 e 78.2 LFam e 50.3, 80.2 e 84 e ss. D, mantén esa denominación neses artigos e nalgunhas outras referencias normativas, pero debe sempre entenderse substituída esa denominación para todos os casos pola de garda con fins de adopción (artigo 176.bis CC en relación coas D.A. Segunda e D.A. Sexta da Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, ver apartado 3.8 desta guía).
  • Calqueroutra cualificación dun acollemento, como por exemplo os denominados de especial vinculación vistos nalgúns contratos de acollemento familiar carecen de calquera tipo de regulación legal específica e, en definitiva, deben aplicar as normas xerais dos acollementos.

ATENCIÓN: Acollementos "de feito". Teña ou non a Entidade Pública a tutela ou a garda da persoa menor de idade, a constitución do acollemento require sempre o consentimento da entidade pública competente (artigo 14.3 LDCG). Por este motivo, e por respecto aos dereitos das persoas menores de idade, non é posible un acollemento privado, sexa ante notario ou en documento privado. É dicir, non son posibles legalmente os acollementos "de feito" e, de producírense, deberán tratarse como unha garda de feito (apartado 3.9 desta guía).

As Entidades Públicas e os servizos e centros onde se atopen as persoas menores de idade deberán actuar conforme os principios reitores desta lei, con pleno respecto aos dereitos da persoa menor de idade e:

  • Coas obrigas básicas previstas no artigo 21.1 LOPXM.
  • Coa obriga específica de ser contornas seguras e aplicación dos protocolos de actuación que estableza a Entidade Pública coas actuacións que deben seguirse para a prevención, detección precoz e intervención fronte ás posibles situacións de violencia comprendidas no ámbito de aplicación da LOPIVI, para o cal estas Administracións deberán aprobar estándares e indicadores que permitan avaliar a eficacia destes protocolos no seu ámbito de aplicación (artigo 53.1 LOPIVI).
  • Con habilitación, inscrición, inspección e supervision da Entidade Pública (semestral e cando así o esixan as circunstancias) aos centros e servizos (artigo 21.2 e 4 LOPXM).
  • Baixo a vixiancia do Minsterio Fiscal, analizando, entre outros, os Proxectos Educativos Individualizados, o Proxecto Educativo do Centro e o Regulamento Interno (artigo 21.5 LOPXM e 55 LOPIVI).

Efectos do acollemento

En xeral, o acollemento derívase dunha declaración previa de desamparo e asunción de tutela por ministerio da lei e, con base en tal declaración (artigo 172.1 CC e ver apartado 3.4.b da guía, relativo á situación de desamparo):

  • respecto aos/ás proxenitores/as, queda en suspenso a PP sobre a persoa menor de idade
  • respecto á titora por ministerio da lei, pasa a ser a representante legal da persoa menor de idade a xefatura territorial, e
  • respecto á encargado da garda e custodia da persoa menor de idade será a persoa ou persoas designadas pola Xefatura Territorial ou polo Xulgado, para o caso de acollemento familiar, e o director ou directora do recurso residencial, para o caso de acollemento residencial.

Pero a acollemento pode tamén acordarse sen declaración previa de desamparo a solicitude de proxenitores/as ou titores/as. Así, cando proxenitores/as ou titores/as, por circunstancias graves e transitorias debidamente acreditadas, non poidan coidar á persoa menor de idade, poderán solicitar da Entidade Pública que esta asuma a súa garda durante o tempo necesario, que non poderá exceder dous anos como prazo máximo de coidado temporal da persoa menor de idade, agás que o interese superior desta aconselle, excepcionalmente, a prórroga das medidas. Transcorrido o prazo ou a prórroga, no seu caso, a persoa menor de idade deberá regresar cos/as seus/súas proxenitores/as ou titores/as ou, se non se dan as circunstancias adecuadas para iso, ser declarada en situación legal de desamparo (artigo 172.bis CC). De maneira que:

  • respecto aos/ás proxenitores/as, manteñen intacta a PP sobre a persoa menor de idade
  • non hai titora por ministerio da lei, e
  • a encargada da garda e custodia da persoa menor de idade será a persoa ou persoas designadas pola Xefatura Territorial, para o caso de acollemento familiar, e o director ou directora do recurso residencial, para o caso de acollemento residencial.

En xeral:

  • O acollemento familiar produce a plena participación do menor na vida de familia e impón a quen o recibe as obrigacións de velar por el, telo na súa compañía, alimentalo, educalo e procurarlle unha formación integral nunha contorna afectiva (artigos 173 CC, 16.1 LDCG, 68.2 LDCG 50.1 D).
  • No desempeño destas funcións, respectarán as instrucións e a facultade de inspección que como titular da garda lle corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 68.2 LFam).

Para o caso do acollemento familiar:

  • Para a/s acolledora/s, os dereitos e deberes do artigo 20.bis LOPXM.
  • Para a persoa menor de idade acollida, os dereitos e deberes xerais dos artigos 3 a 9 quinquies LOPXM e mais os específicos do artigo 21.bis LOPXM.
  • Para os equipos técnicos, as obrigas do artigo 57 D.

Para o caso do acollemento residencial:

  • Para as Entidades Públicas e os servizos e centros onde se atopen as persoas menores de idade en acollemento residencia, as obrigas do artigo 21 LOPXM e mais do artigo.
  • Para a persoa menor de idade acollida os dereitos e deberes xerais dos artigos 3 a 9 quinquies LOPXM e mais os específicos do artigo 21.bis LOPXM, especialmente os do seu punto 3, e os do artigo 60 D.

Logo da extinción do acollemento por maioría de idade da persoa acollida, as Entidades Públicas dispoñerán de programas e recursos destinados ao apoio e orientación de quen, estando en acollemento, alcancen a maioría de idade e queden fose do sistema de protección, con especial atención ás que presentan discapacidade (artigo 11.4 LOPXM). En concordancia, as Entidades Públicas ofrecerán programas de preparación para a vida independente dirixidos aos mozos e ás mozas que estean baixo unha medida de protección, particularmente en acollemento residencial ou en situación de especial vulnerabilidade, desde dous anos antes da súa maioría de idade, unha vez cumprida esta, sempre que o necesiten, co compromiso de participación activa e aproveitamento por parte dos mesmos. Os programas deberán propiciar seguimento socioeducativo, aloxamento, inserción socio-laboral, apoio psicolóxico e axudas económicas (artigo 22.bis LOPXM).

TIPO DE ACOLLEMENTODURACIÓN MÁXIMAREGULACIÓN
Familiar de urxenciaProcurarase non superior a 6 meses173.bis.2.a CC
Familiar temporal2 anos, salvo excepcións motivadas173.bis.2.b CC
Familiar permanente (con ou sen delegación de facultades de tutela)Non se establece173.bis.2.b CC
ResidencialTempo estrictamente necesario, e con carácter xeral non superior a 3 meses para persoas menores de 6 anos59.2 D e 21.3 LOPXM
  • Para todos os casos a duración -e tamén se é na propia familia extensa da persoa menor de idade ou se é en familia allea- debe estar fixada atendendo para todo caso ao interese superior da persoa menor de idade (artigo 20.1 LOPXM): para tal efecto, a Circular Acollemento Familiar 1/2022, de 9 de febreiro de 2022 recolle no seu punto 4 criterios de aplicación para fixar a duración.
  • Para todos os casos, calquera medida de protección non permanente que se adopte respecto de persoas menores de tres anos revisarase cada tres meses, e respecto de maiores desa idade revisarase cada seis meses, e nos acollementos permanentes a revisión terá lugar o primeiro ano cada seis meses e, a partir do segundo ano, cada doce meses (artigo 12.6 LOPXM).

ATENCIÓN: Acollementos por máis de 2 anos". "A Entidade Pública remitirá ao Ministerio Fiscal informe xustificativo da situación dun determinado menor cando este se atopou en acollemento residencial ou acollemento familiar temporal durante un período superior a dous anos, debendo xustificar a Entidade Pública as causas polas que non se adoptou unha medida protectora de carácter máis estable nese intervalo" (artigo 12.7 LOPXM).

O acollemento familiar cesará (artigos 25 LDCG e 173.4 CC):

  • Por resolución xudicial.
  • Por resolución da Entidade Pública, de oficio ou a proposta do Ministerio Fiscal, das proxenitoras, titor/a, acolledores/as ou da propia persoa menor de idade se tivese suficiente madurez, cando se considere necesario para salvagardar o interese da mesma, oídos os/as acolledores/as, a persoa menor de idade, a/s súa/s proxenitora/s ou titor/a:
    • Para o caso de acollemento familiar, por decisión das persoas que a teñen acollida, logo da comunicación destas á entidade pública.
    • Para o caso de garda rogada, por pedimento do titor ou a titora ou do pai ou a nai que teña a PP e reclame a súa compaña.
    • En calquera caso que se considere necesario para a salvagarda do interese da persoa menor de idade.
  • Pola maioría de idade da persoa menor de idade.
  • Pola morte ou declaración de falecemento das persoas acolledoras.

O acollemento residencial cesará polos mesmos motivos, agás o último (artigo 72 D).

ATENCIÓN: "Un lugar donde quedarse". Sobre a atención a persoas menores de idade en acollemento no sistema de protección en España este estudo publicado por UNICEF Comité Español en setembro de 2017 ofrece unha panorámica sobre acollemento e tamén complementariamente a guía “El acogimiento como oportunidad de vida"): https://www.unicef.es/publicacion/un-lugar-donde-quedarse

Finalmente, debe terse en conta que as Entidades Públicas dispoñerán de programas e recursos destinados ao apoio e orientación de quen, estando en acollemento, alcancen a maioría de idade e queden fose do sistema de protección, con especial atención aos que presentan discapacidade.

  • Os criterios legais xerais serían os xerais para calquera actuación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, é dicir, respectar as medidas e principios rectores da actuación administrativa (artigos 10 e 11 LOPXM, en especial artigo 11.2 LOPXM), executar as actuacións de protección do artigo 12 LOPXM, mesmo a atención inmediata e para casos de urxencia (artigos 14 e 14 bis LOPXM) e actuar en situacións de risco e en situacións de desamparo conforme se detallou nos apartados correspondentes desta guía.
  • E, especifIcamente, e en aplicación dos principios reitores da actuación dos poderes públicos de Galicia no exercicio das funcións de atención e protección á infancia e á adolescencia, para a adopción da medida de acollemento atenderase preferentemente aos seguintes criterios (artigos 15.1, 16.2 e 21 LDCG e artigos 69 e 71.2 D):
    • Dar prioridade á utilización do acollemento familiar sobre o residencial: só non sendo este posible ou conveniente para o interese da persoa menor de idade o acollemento familiar pode pasarse ao acollemento residencial (artigo 172.ter CC e 21.3 LOPXM).
      • Esta norma aplícase con máis intensidade aínda a menores de seis anos (artigo 21.3 LOPXM).
      • E non se acordará o acollemento residencial para menores de tres anos salvo en supostos de imposibilidade, debidamente acreditada, de adoptar nese momento a medida de acollemento familiar ou cando esta medida non conveña ao interese superior da persoa menor de idade (artigo 21.3 LOPXM)
      • Só se poderá recorrer ao acollemento residencial cando se esgotaren todas as posibilidades de mantemento da persoa menor de idade na súa familia a través da utilización de todos os recursos preventivos e o acollemento familiar, a constitución da tutela ordinaria ou a adopción non sexan posibles ou se consideren inadecuados.
    • Evitar, na medida do posible, a separación de irmáns e/ou irmás e procurar o seu acollemento por unha mesma familia ou nun mesmo centro.
    • Favorecer a permanencia da persoa menor de idade no seu propio ambiente, procurando que o acollemento se produza en familia extensa, agás que non sexa aconsellable para o interese da persoa menor de idade acollida ou das persoas menores de idade do grupo familiar acolledor.
    • Fomentar as relacións entre a persoa menor de idade e a súa familia natural para posibilitar a súa reintegración a esta.
    • Manter a medida polo tempo estritamente necesario.
    • Fomentar a integración da persoa menor de idade no contorno social e a asistencia aos sistemas educativos, sanitarios e laborais.

ATENCIÓN: Circular de Acollemento Familiar de 9 de febreiro de 2022. Para o caso de Galicia, esta circular recolle estes criterios, ademais de definicións e, fundamentalmente, o procedemento para aplicar, e mesmo as aplicacións informáticas. Esa circular contén tamén as referencias legais reguladoras deses criterios, fases do acollemento, duración e mesmo outros aspectos como traslados entre CC.AA. e aplicación informática. Dee lembrarse sempre que unha circular pode e debe regular cuestións propias do denominado ámbito doméstico, pero sen constituír unha auténtica norma regulamentaria (STS de 2 de febreiro de 2022, nº 115/2022, recurso de casación nº 86/2021). Situación semellante é a do "Protocolo de transición de acollemento familiar ou residencial a adopción" de 9 de febreiro de 2022.

1 "3. A Entidade Pública poderá acordar, en relación co menor en acollida familiar ou residencial, cando sexa conveniente ao seu interese, estadías, saídas de remates de semana ou de vacacións con familias ou con institucións dedicadas a estas funcións. Para ese efecto só se seleccionará a persoas ou institucións adecuadas ás necesidades do menor. Ditas medidas deberán ser acordadas unha vez fose oído o menor se tiver suficiente madurez e, en todo caso, se fose maior de doce anos. / A delegación de garda para estadías, saídas de fin de semana ou vacacións conterá os termos da mesma e a información que fose necesaria para asegurar o benestar do menor, en especial de todas as medidas restritivas que establecese a Entidade Pública ou o Xuíz. Dita medida será comunicada aos proxenitores ou titores, sempre que non fosen privados do exercicio da patria potestade ou removidos do exercicio da tutela, así como aos acolledores. Preservaranse os datos destes gardadores cando resulte conveniente para o interese do menor ou concorra xusta causa".