Garda
A situación de garda pódese producir por dúas vías (artigos 172.bis CC, 19 LOPXM, 11 a 13 LDCG, 64 a 67 LFam, e 43 a 49 D 42/2000):
- Cando os/as proxenitores/as ou titores/as non poidan coidar dunha persoa menor de idade por circunstancias graves e transitorias e solicitan á entidade pública competente que asuma a súa garda (garda voluntaria), para o cal se conta con formulario específico con documentación concreta para achegar en https://politicasocial.xunta.gal/sites/w_polso/files/proteccion/elemento2-4-3.html.
- Cando o xulgado o acorde para os casos legalmente previstos (garda legal), tales como, por exemplo, medidas de protección en procedementos criminais ou procedementos de nulidade, divorcio ou separación.
- Os pais manteñen intacta a PP e conservan tódolos deberes e facultades desta, se ben os deberes relacionados coa garda (é dicir: velar polos fillos e fillas, telos na súa compaña, alimentalos, educalos e procurarlles unha formación integral) quedan temporalmente encomendados á entidade pública.
- A entidade pública exercerá o coidado da persoa menor de idade (artigo 172.ter CC e 46 e 47 D) en réxime de:
- Acollemento familiar, responsabilizándose entón á persoa ou persoas que determine a entidade pública.
- Acollemento residencial, responsabilizándose entón o director ou directora do centro onde quede internado a persoa menor de idaade.
- En todo caso, coa asunción da garda, buscarase sempre o interese da persoa menor de idade e procurarase, cando non sexa contrario a ese interese, a súa reinserción na propia familia e que a garda dos irmáns e das irmás se lle confie á mesma institución ou persoa, e efectuándose para tal efecto unha intervención individualizada (artigo 65.2 LFam), polo cal será necesario o compromiso da familia de someterse, no seu caso, á intervención profesional nos supostos de garda voluntaria (artigo 19.2 LOPXM).
- Procurarase fomentar ao máximo a relación da persoa menor de idade cos/coas proxenitores/as ou titores/as mediante as saídas ao seu domicilio, e favorecendo as visitas daqueles/as ao centro ou familia que estea exercendo a garda, ademais de tentar mantela o máis preto posible do seu contorno e atendendo en todo momento á súa reintegración na propia familia de orixe, e sempre que non lle resulte prexudicial á persoa menor de idade (artigos 65.4 LFam e 48 D 42/2000).
- Ademais, cando se acorde unha garda rogada a petición dos/as proxenitores/as ou titores/as, cando se acorde a garda, procurarase que se impliquen na atención á persoa menor de idade, e para tal efecto aqueles que dispoñan de medios deberán contribuír ao sostemento das cargas derivadas do seu coidado, satisfacéndolle á administración o prezo público que, en función das súas posibilidades, esta determine, ou asumíndoas directamente (artigo 66.2 LFam).
- Asemade, terá os efectos previstos polas disposicións comúns para a garda e a tutela (artigo 19.bis LOPXM):
- A entidade pública elaborará un plan individualizado de protección que establecerá os obxectivos, a previsión e o prazo das medidas de intervención a adoptar coa súa familia de orixe, incluído, no seu caso, o programa de reintegración familiar (cando do prognóstico derívese a posibilidade de retorno á familia de orixe, sen prexuízo do disposto na normativa relativa aos menores estranxeiros non acompañados), con especial apoio e asesoramento ás embarazadas.
- Para o caso de tratarse dunha persoa menor de idade con discapacidade, a entidade pública garantirá a continuidade dos apoios que viñese recibindo ou a adopción doutros máis adecuados paira as súas necesidades.
- Para acordar o retorno á familia de orixe será imprescindible:
- evolución positiva obxectivamente suficiente para restablecer a convivencia familiar
- que se mantiveron os vínculos
- que concorra o propósito de desempeñar as responsabilidades parentales adecuadamente e
- que se constate que o retorno con ela non supón riscos relevantes para a persoa menor de idade a través do correspondente informe técnico
- nos casos de acollemento familiar, deberá ponderarse, na toma de decisión sobre o retorno, o tempo transcorrido e a integración na familia de acollida e a súa contorna, así como o desenvolvemento de vínculos afectivos coa mesma.
- Cando se proceda á reunificación familiar, a entidade pública realizará un seguimento posterior de apoio á familia da persoa menor de idade.
- A garda da ou do menor durará o tempo imprescindible en canto perduren as circunstancias que deron lugar á súa asunción (artigo 65.3 LFam).
- Para todo caso, a garda voluntaria terá una duración máxima de 2 anos, salvo que o interese superior da persoa menor de idade aconselle, por excepción, a prórroga da medida pola previsible reintegración familiar nun prazo breve de tempo (artigo 19 LOPXM).
- Transcorrido o prazo ou a prórroga a persoa menor de idade deberá regresar cos/coas seus/súas proxenitores/as ou titores/as ou, se non se dan as circunstancias adecuadas paira iso, ser declarado en situación legal de desamparo (artigo 172.bis CC).
- A situación transitoria da garda remata nos seguintes casos (artigo 67 LFam):
- Cando a garda se exercite como función inherente á tutela administrativa, polas mesmas causas de cesamento desta, previstas no artigo 62 LFam.
- No caso de garda rogada, polas causas recollidas no artigo 13 LDCG (solicitude de quen a solicitou ou decisión administrativa).
- Por resolución xudicial no caso de que a garda fose disposta polo xulgado.
- Polo acceso á maioría de idade ou pola emancipación da persoa menor de idade.
- E tamén:
- Cando o pidan os pais ou titores e estean en situación de facerse responsables da persoa menor de idade.
- Cando o decida a Administración ou o Xulgado por non considerar xustificado o mantemento da medida, deixando á persoa menor de idade sen ningunha medida de protección ou, pola contra, constituindo unha tutela administrativa ou xudicial.
- Cando o neno, nena, ou adolescente ou as persoas a quen fose confiado en garda solicitasen a remoción por problemas graves de convivencia (artigo 172.5 LOPXM e 49.2 D 42/2000).
- Por circunstancias excepcionais como a morte do/a gardador/a ou da persoa menor de idade, ou a maioría de idade ou emancipación da persoa suxeito a garda.
- Calquera variación no exercicio da garda será fundamentada e deberalles ser notificada aos/ás responsables da persoa menor de idade e comunicada ao Ministerio Fiscal (artigos 172.bis CC, 65.6 LFam e 46.3 D 42/2000).
Procedementos para acordar a garda
Fontes básicas. Artigos 172.bis CC, 19 LOPXM, 11 a 13 LDCG, 64 a 67 LFam, e 43 a 49 D 42/2000.
Diante a Xefatura Territorial, os pais, titores ou gardadores; e diante o xulgado, en xeral calquera persoa con interese no asunto.
A Xefatura Territorial do lugar onde se atope ou teña o domicilio a persoa menor de idade, atendendo á petición dos pais ou a unha decisión xudicial.
- Solicitude: farase perante a Xefatura Territorial correspondente segundo o domicilio da persoa menor de idade ou ante os servicios sociais de atención primaria (artigo 44 D 42/2000).
- Tramitación da solicitude:
- investigación e audiencia (artigo 45.1 D 42/2000): a Xefatura Territorial iniciará o expediente recollendo as circunstancias graves concorrentes no caso, a audiencia á persoa menor de idade de máis de 12 anos e tamén ó de menos de 12 se tivese madureza dabondo, e recollendo igualmente o plan de traballo.
- informe e proposta (artigo 45.2 D 42/2000): os equipos técnicos avaliarán a solicitude e a documentación, formularán proposta de:
- garda
- outras medidas de apoio distintas á garda.
- Resolución (artigo 45.2, 45.3 e 46.1 D 42/2000): a xefatura territorial acordará:
- outras medidas de apoio,
- garda por medio de acollemento familiar ou residencial.
- Notificación (artigo 46.1 D 42/2000): ás interesadas, deixando constancia de que os/as proxenitores/es ou titores/as foron informados/as das responsabilidades que seguen mantendo respecto da persoa menor de idade, así como da maneira na que se vai exercer a medida.
Logo de rematado o procedemento no xulgado, sen máis trámite procederase simplemente a dar cumprimento á resolución xudicial.
Para o caso de solicitude dos pais ou titores, pódense dirixir ao xulgado correspondente.
Para o caso de resolución xudicial, poderá haber recurso xudicial en función do tipo de resolución e de procedemento no cal se teña dictado.
Polos medios previstos para executar un acollemento familiar ou residencial.
Calquera variación no exercicio da garda, mesmo o traslado de centro ou de familia, será acordada de forma motivada logo de audiencia da persoa menor de idade, así como da familia, de ser o caso, e notificada aos/ás proxenitores/as ou titores/as, e así mesmo seralles comunicada ao Ministerio Fiscal así como á autoridade xudicial cando a tivese acordada (artigos 12.4 LDCG e 65.6 LFam).