Nova
Fabiola García felicita o Concello do Corgo pola súa adhesión e presentación de propostas ao proxecto de residencias de maiores da Xunta
Terá capacidade para un centenar de usuarios e complementarase co equipamento previsto no Páramo, de 30 prazas
O proxecto de novos centros de maiores que impulsa a o Goberno galego contempla a posta en marcha de 25 recursos en toda Galicia e 1.800 prazas residenciais
O Corgo (Lugo), 30 de setembro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse esta mañá co alcalde do Corgo, Felipe Labrada, ao que trasladou a súa felicitación pola adhesión do concello ao proxecto de novas residencias de maiores que impulsa a Xunta. Cómpre destacar que O Corgo é un dos municipios seleccionados para albergar un destes centros, que se complementará con outro de menor tamaño no Páramo.
Fabiola García, que estivo acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, destacou que un dos obxectivos do proxecto é evitar o desarraigo das persoas maiores e achegar os recursos alí onde os necesitan. Neste sentido, indicou que na provincia de Lugo está prevista a construción de catro residencias, unha delas en O Corgo, que ademais de supoñer un centenar de prazas de atención, tamén implica a creación de actividade económica e a xeración de emprego. Así lembrou que o proxecto da Xunta permitirá xerar, no seu conxunto, arredor dun milleiro de postos de traballo directos no sector sociosanitario galego.
A proposta do Executivo autonómico inclúe 24 novos centros residenciais en concellos de menos de 25.000 habitantes, aos que se engade o comprometido en Ribeira. Estes recursos sumarán en total máis de 1.800 prazas, das cales, como mínimo, o 60% serán de titularidade pública.
Moitos dos concellos seleccionados para albergar residencias xa manifestaron a súa adhesión á iniciativa e algúns, como O Corgo, propuxeron opcións para os emprazamentos, que agora se terán que avaliar para comprobar se cumpren cos requisitos para desenvolver a actuación. A conselleira agradeceu a celeridade dos concellos e apuntou que a Xunta acompañaraos durante todo o proceso e axudará a que os proxectos poidan avanzar coa maior axilidade posible. O obxectivo é, segundo destacou, “facer realidade canto antes unha aposta que se resume en ofrecer aos galegos máis prazas residenciais, máis servizos e máis oportunidades”.