Nova
A Xunta destaca o labor das Casas Niño para facilitar a conciliación familiar no rural
O delegado territorial e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitaron o centro de A Lama
Estas iniciativas permiten ofrecer ás familias un recurso de atención aos máis pequenos próximo e de calidade, contribuíndo ao mesmo tempo á dinamización dos municipios rurais
A Lama (Pontevedra), 29 de setembro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou hoxe, xunto ao director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, a casa niño de A Lama, onde puideron coñecer de primeira man o funcionamento deste recurso e o servizo que presta ás familias do municipio.
Durante a visita, os representantes da Xunta puxeron en valor o papel das Casas Niño como recurso de atención á infancia, especialmente nos municipios de menor poboación, ao facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e permitir que as familias dispoñan dun servizo próximo ao seu lugar de residencia.
As casas niño ofrecen atención e coidado a nenos e nenas de ata tres anos en pequenos grupos, nun contorno próximo e adaptado ás necesidades dos máis pequenos. Trátase dun modelo que contribúe a garantir oportunidades para as familias do rural e que, ao mesmo tempo, favorece a fixación de poboación e a dinamización social dos concellos.
O delegado territorial salientou o compromiso da Xunta con seguir reforzando os recursos destinados ás familias e á infancia, especialmente no ámbito rural, para que vivir nun municipio pequeno non supoña contar con menos oportunidades ou servizos.
Pola súa banda, o director xeral destacou a importancia de continuar impulsando recursos que permitan ás familias compatibilizar a atención aos seus fillos e fillas coa súa actividade laboral, ao tempo que se favorece unha atención de proximidade durante os primeiros anos de vida.