Nova
Belén do Campo acompaña aos maiores da residencia Hermanitas Ancianos Desamparados no inicio da campaña de vacinación fronte á gripe e a covid-19
As persoas residentes nos centros de maiores e de discapacidade, así como os profesionais que traballan nestas institucións, serán os primeiros en vacinarse posteriormente iranse incorporando os diferentes colectivos de maneira progresiva
A delegada informou que o 13 de outubro comeza a vacinación infantil nos centros de saúde e nos colexios participantes no programa piloto que aumentará ata os 75 centros e os 26.500 alumnos
Como novidade esténdese a vacinación antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos, mentres que na anterior campaña se administraba a partir dos 70 anos
A campaña organízase a través dos centros de saúde, xunto coa vacinación nas residencias e nos domicilios das persoas inmobilizadas
A Coruña, 29 de setembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto á directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, e a subdirectora de Enfermería da área sanitaria A Coruña-Cee, Silvia Vázquez, acompañou hoxe aos residentes do centro de maiores Hermanitas Ancianos Desamparados no inicio da campaña de vacinación fronte á gripe e á covid-19 dirixida a este colectivo. A delegada agradeceu o traballo dos profesionais sanitarios nesta campaña e amosouse orgullosa dos excelentes resultados que melloran cada ano polo compromiso de todas as partes implicadas en Galicia. Neste centro está previsto que se vacinen 165 residentes e os empregados do centro aqueles que o soliciten.
Respecto da dimensión da campaña, a delegada explicou que en Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid, que tamén reciben a da gripe
En relación cos coas residencias en total está prevista a vacinación en 76 centros da área sanitaria A Coruña-Cee e terán acceso á vacinación 4.451 residentes. Tamén se vacinarán aqueles sanitarios destes centros que o soliciten.
Cronograma
A campaña iniciouse onte, como é habitual nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade para, posteriormente, ir incorporando os diferentes colectivos de maneira progresiva, iniciando o 13 de outubro a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios participantes no programa piloto. A campaña continuarase a organizar a través dos centros de saúde, xunto coa vacinación das persoas inmobilizadas e prologarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade.
A partir do 19 de outubro, a vacinación estenderase ás persoas de 70 ou máis anos e aos profesionais sanitarios e, posteriormente, o dous de novembro ás embarazadas.
Obxectivo da campaña
A delegada subliñou que a campaña de vacinación fronte á covid e a gripe está dirixida especialmente ás persoas maiores, á cativada, ás embarazadas, aos profesionais sanitarios e ás persoas con condicións de risco. Os obxectivos a acadar son, por un lado, a cobertura de polo menos o 60 % na poboación infantil, nas embarazadas e nos traballadores sanitarios e, por outro, conseguir como mínimo o 75 % de vacinación fronte á gripe nas persoas maiores de 60 ou máis anos. Así mesmo, agradeceu o compromiso da cidadanía galega coa vacinación e lembrou a aposta da Xunta pola prevención cun calendario de vacinación para toda a vida que é o máis completo de España.
Un ano máis, o Goberno galego márcase como obxectivo incrementar as taxas de vacinación en toda a poboación, especialmente, no caso da inmunización fronte á gripe do persoal sanitario, dos nenos, das mulleres embarazadas e das persoas con condicións de risco.
A representante do Goberno autonómico animou a toda a poboación a participar nesta nova campaña na que se incidirá na protección fronte á covid-19, á gripe e tamén na inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), dada a importancia que posúe a inmunización para previr posibles complicacións na aparición de enfermidades.
Novidades campaña vacinación
Na visita a representante do Goberno autonómico detallou que a campaña deste ano presenta dúas grandes novidades.
Por un lado, amplía a vacinación antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e, por outro, amplía a 75 centros educativos a vacinación nos colexios, 20 máis que o pasado ano, distribuídos polas sete áreas sanitarias e incluíndo contornos urbanos, semiurbanos e rurais.
A ampliación do número de colexios suporá que a poboación infantil á que se dirixe o programa aumentará ata os 26.500 alumnos, o que significa ao redor de 7.500 máis que na campaña anterior.
Ademais destas novidades, a delegada dixo que Sanidade manterá a vacinación infantil dos 6 meses aos 11 anos, coa vacina intranasal como opción preferente entre os 2 e os 11 anos, evitando así a picada.
Balance ano pasado
A Xunta parte dunhas coberturas moi elevadas, posto que na campaña anterior o 72,36 % dos maiores de 65 anos vacináronse contra a gripe na nosa comunidade, fronte ao 58,47 % da media de España. No caso da vacinación dos maiores de 80 anos, a Xunta chegou ao 81,22 %, e a media do Estado foi do 64,75 %. Estas cifras representan o compromiso da cidadanía e o traballo dos profesionais sanitarios.