Nova

Belén do Campo destaca en Laxe o compromiso coa conciliación da Xunta a través da gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos que beneficia a 32.000 familias galegas

A delegada da Xunta visitou o Punto de Atención á Infancia de Laxe que amplía ata as 197 as prazas públicas gratuítas para as familias na comarca de Bergantiños-Costa da Morte


Laxe (A Coruña), 25 de setembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Laxe, Francisco Charlín, visitou o novo Punto de Atención á Infancia (PAI) de Laxe, un novo servizo destinado a facilitar a conciliación das familias do municipio e que conta xa con 12 menores admitidos e 20 prazas en total.

O novo PAI está situado na Praza dos Voluntarios e púxose en marcha unha vez acondicionado e preparado o local que acolle o servizo. Durante o acto, Belén do Campo puxo en valor a posta en funcionamento deste novo recurso, que permite ampliar a oferta de atención á infancia e dar resposta ás necesidades das familias de Laxe. Neste sentido, salientou a importancia de seguir sumando recursos que permitan facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e favorecer o benestar dos nenos e nenas.

A delegada lembrou que a provincia da Coruña conta con 61 centros de atención á infancia, dos que 50 son escolas infantís e 11 son Puntos de Atención á Infancia, distribuídos en 46 concellos. No seu conxunto, estes centros permiten ofrecer 3.743 prazas públicas.

Na comarca de Bergantiños, a oferta complétase coas escolas infantís de Cabana de Bergantiños, Cee, Corcubión e Vimianzo, ás que se suma agora o novo PAI de Laxe. En total, estes recursos ofrecen 197 prazas públicas gratuítas para as familias.

Unha medida pioneira para apoiar as familias

Belén do Campo destacou que a gratuidade da educación de 0 a 3 anos impulsada pola Xunta “é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego coa conciliación e co benestar das familias”.

Ao respecto, explicou que se trata dunha iniciativa pioneira e única en España que ofrece atención educativa gratuíta durante once meses ao ano e que se estende a todas as escolas infantís, con independencia da súa titularidade.

Esta medida beneficia xa a máis de 32.000 familias galegas e conta cun investimento de máis de 65 millóns de euros de fondos propios da Xunta, o que permite ás familias aforrar ata 4.000 euros ao ano.

A delegada subliñou que esta aposta permitiu a Galicia situarse á cabeza en escolarización na etapa de 0 a 3 anos e avanzou o obxectivo de que a comunidade galega volva ser líder a nivel nacional neste curso 2026-2027.

Neste sentido, puxo de manifesto que “garantir a gratuidade da educación de 0 a 3 anos significa apoiar directamente as familias, facilitar a conciliación e garantir que ningún neno ou nena quede atrás por motivos económicos”.

Preto dun millón de euros para mellorar as escolas infantís

A delegada tamén puxo en valor o novo programa de intervencións en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos que a Xunta desenvolverá ao longo de 2026 en toda Galicia, tanto en centros de titularidade municipal como autonómica, cun investimento próximo ao millón de euros.

Trátase de actuacións destinadas á mellora e acondicionamento dos centros para garantir espazos adecuados e de calidade para os nenos e nenas e para as súas familias.

A estas medidas súmanse outros recursos e programas complementarios impulsados pola Xunta para facilitar a conciliación e apoiar as familias, como as Casas Niño nos concellos rurais, o Bono Concilia Familia ou a Tarxeta Benvida.

Unha educación gratuíta desde o inicio ata a universidade

Belén do Campo lembrou tamén que esta aposta pola gratuidade educativa se estende a outras etapas. Así, desde o curso 2024-2025, a matrícula universitaria é gratuíta en Galicia, unha medida pioneira en España.

A Administración autonómica consolida neste curso a gratuidade da matrícula dos estudos de grao e das Ensinanzas Artísticas Superiores, unha medida que beneficiou a preto de 20.000 estudantes no seu primeiro ano de implantación.

Neste sentido, lembrou que este será o quinto curso consecutivo no que todas as escolas infantís serán gratuítas e o terceiro no que a gratuidade se aplica ás universidades públicas galegas.

Deste xeito, Galicia continúa avanzando cara a unha educación gratuíta desde o inicio da etapa educativa ata a universidade, nunha aposta que, segundo salientou Belén do Campo, “ten como obxectivo acompañar as familias en todas as etapas, facilitar a conciliación e garantir a igualdade de oportunidades”.