Nova
A Xunta apoia a posta en marcha da nova residencia de maiores e centro de día municipais de Cerdedo-Cotobade
Este equipamento, que estará na parroquia de Carballedo, contará con 59 prazas residenciais e outras 24 de atención diúrna
Este futuro recurso completará a rede de servizos para persoas maiores que xa ten a Administración autonómica no núcleo de Cerdedo: un centro de día, un fogar residencial e a nova residencia inaugurada polo presidente Rueda hai dous anos
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 22 de setembro do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe as obras de construción da nova residencia e centro de día para persoas maiores de Cerdedo-Cotobade, na parroquia de Carballedo, que será de titularidade municipal. A Xunta apoia a posta en marcha deste equipamento que porá a disposición das familias 59 prazas residenciais e outras 24 de atención diúrna.
Fabiola García, que estivo acompañada do alcalde do concello, Jorge Cubela, destacou que esta infraestrutura completará a rede de recursos para persoas maiores que xa ten a Administración autonómica no núcleo de Cerdedo: un centro de día, un fogar residencial e a residencia inaugurada hai dous anos polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
A través dun convenio co Concello, a Xunta financiou con máis de 130.000 euros unha parte das obras. En concreto, estes fondos destináronse ao soterramento das liñas eléctricas que ocupaban a parcela na que agora se levanta a estrutura da nova edificación.
A conselleira enmarcou esta colaboración na aposta do Goberno galego por ampliar e mellorar a rede de atención ás persoas maiores e dependentes, que continúa co novo proxecto de residencias. Esta iniciativa que vén de presentar a Xunta contempla 24 novos centros en concellos de menos de 25.000 habitantes, ao que hai que engadir o comprometido en Ribeira. En total, 25 residencias que sumarán máis de 1.800 novas prazas impulsadas pola Xunta e das cales, un mínimo do 60% serán de titularidade pública.
Máis prazas, máis servizos e máis oportunidades
Fabiola García explicou que esta proposta da Xunta responde a tres ideas: “máis prazas, máis servizos e más oportunidades”. Tamén apuntou que se fundamenta “nunha folla de ruta clara, cunha planificación rigorosa e coa vontade de comezar a traballar desde xa para que estas novas residencias sexan unha realidade canto antes”.
Dos 25 novos centros proxectados pola Xunta, a provincia de Pontevedra contará con sete, dos que dous corresponden á contorna da cidade de Pontevedra: cunha residencia principal, de máis de 100 prazas, en Marín, e cunha satélite de 30 prazas en Moraña. Na zona do Porriño e O Val Miñor, o concello do Porriño será o emprazamento principal e Baiona o do centro satélite. Na comarca do Salnés seleccionamos Sanxenxo e Cambados, que acollerá a outra residencia do lote. E na área do Condado/Paradanta: Arbo acollería a residencia máis grande e Padrenda (moi preto, pero en Ourense) a de menos capacidade. Este é o único lote compartido por dúas provincias.