Nova
Fabiola García destaca que as obras de mellora da escola infantil de Oroso se enmarcan no compromiso da Xunta coa infancia
O Goberno galego investiu 150.000 euros na creación dun parque exterior e en actuación no interior deste equipamento
Na visita lembrou que este é o quinto curso coa educación infantil completamente de balde para as familias
Oroso (A Coruña), 22 de setembro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde, Álex Doval, visitou a escola infantil municipal A Ulloa de Oroso. Desde alí, puxo en valor as obras de mellora realizadas nos últimos meses neste centro, e que representan o compromiso da Xunta co benestar das familias e a conciliación.
Fabiola García lembrou que a Xunta destinou 150.000 euros a obras nesta escola infantil, que permitiron ao Concello crear un parque lúdico no exterior e realizar actuacións no interior como o pintado das aulas, renovación de mobiliario e mellora da eficiencia enerxética.
A conselleira de Política Social e Igualdade explicou que estas actuacións supoñen unha importante mellora neste equipamento municipal o que repercute directamente, segundo destacou, no benestar dos máis pequenos. Por iso, o Goberno galego apoia ás administracións locais na renovación dos servizos para a infancia, algo que é posible grazas á colaboración cos concellos, como no caso de Oroso, un municipio que destaca polo seu compromiso coas familias e a conciliación.
Neste sentido, a conselleira lembrou que este novo curso é o quinto no que a educación infantil é completamente de balde para as familias. Unha medida que beneficia, segundo recalcou, a máis de 32.000 familias grazas ao programa de gratuidade da Xunta, no que o Goberno galego inviste máis de 68 millóns de euros de fondos propios. Isto permite a Galicia situarse como a comunidade coa maior ratio de escolarización 0-3 por cuarto ano consecutivo.