Nova

A Xunta reivindica o papel do tecido social na prevención, sensibilización e detección da violencia de xénero a pé de rúa

Roberto Barba lembrou que Galicia é unha comunidade referente na posta en marcha de medidas pioneiras na protección das vítimas


Vigo, 23 de abril de 2026.

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou hoxe na sesión formativa en materia de violencia contra as mulleres que organiza a Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo. Alí, reivindicou o papel de todo o tecido social e asociativo na prevención, sensibilización e detección de calquera tipo de violencia machista a pé de rúa, achegando información e concienciando a toda a sociedade.

Roberto Barba fixo fincapé na importancia da colaboración entre as administracións e o terceiro sector para unir forzas e traballar de xeito coordinado na eliminación de calquera tipo de violencia contra as mulleres. Deste xeito, lembrou que a través do esforzo conxunto é máis sinxelo chegar ao conxunto da poboación, especialmente das persoas máis vulnerables. Neste sentido, fixo fincapé en que Galicia é unha das comunidades referentes na posta en marcha de medidas e recursos pioneiros para garantir a protección das vítimas, polo que é importante que saiban que contan sempre co respaldo da Xunta.

Nesta liña, puxo en valor a recente posta en marcha dos Centros de Información á Muller (CIM) móbiles que percorren diferentes concellos do rural galego, así como os Campus universitarios para achegar todos os recursos e información a estas areas. Estes recursos itinerantes complementan o labor que desenvolve a rede de CIM en preto de 200 municipios.