Consellería de Política Social

Inicio > Portada > Temas > Discapacidade > A situación en Galicia

A SITUACIÓN EN GALICIA

Discapacidade

O concepto de discapacidade transformouse ao longo dos anos, pasou de considerarse un problema fundamentalmente médico a unha manifestación que combina medidas efectivas de igualdade, non discriminación, accesibilidade universal e acción positiva. Segundo a CIF (Clasificación Internacional del Funcionamento, de la Discapacidad y de la Salud), enténdese por discapacidade un termo xenérico que inclúe deficiencias, limitacións na actividade e restricións na participación. Indica os aspectos negativos da interacción entre un individuo (cunha “determinada condición de saúde”) e os seus factores contextuais (factores ambientais e persoais).

Discapacidade

Segundo os datos do censo de persoas con discapacidade con data de 17 de marzo de 2010, en Galicia hai máis de 208.873 persoas que presentan algún tipo de discapacidade, das que 108.776 teñen menos de 65 anos.

A Consellería de Política Social intensifica a planificación de actuacións en favor das persoas con discapacidade coa elaboración, entre outras medidas da posta en marcha dun Plan de Acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013, que unifica os criterios e articula as medidas de política social para este colectivo.

Esta dinámica de traballo supón a implicación de diferentes departamentos da Administración autonómica e das entidades de iniciativa social na formulación de liñas de actuación nos seguintes campos: servizos sociais, de saúde e socio sanitarios, educativos, laborais, así como na planificación urbanística dos espazos, entre outros.

O noso enfoque de traballo desenvolverá as liñas de actuación orientadas a favorecer a vida independente das persoas con discapacidade, a fortalecer o seu dereito de elección procurando a súa participación plena na sociedade, reforzar os elementos de participación social das persoas con discapacidade no entorno da súa comunidade, dos seus intereses e necesidades no marco social, a través dunha política comprometida coa accesibilidade e os elementos de deseño para todos.

Estamos convencidos da necesidade de incorporar a calidade e a satisfacción das persoas usuarias dos sistemas de apoio e atención, promovendo o seguimento e a implantación de normas e estándares de calidade que teñan en conta a satisfacción dos usuarios destes servizos.

Fortaleceremos a coordinación cos servizos sociais de carácter primario como nivel inmediato de detección, valoración e derivación de necesidades e respostas.

Para a aplicación dos diferentes plans, programas e proxectos de atención a persoas con discapacidade teremos en conta a inestimable experiencia e colaboración de todas as entidades de iniciativa social que traballan na atención de persoas con discapacidade.

Por outra parte consideramos necesario cubrir o déficit en materia de equipamentos impulsando sistemas alternativos de aloxamento para as persoas que estean en situacións de especial dificultade e implantando experiencias piloto que sirvan como bancos de probas, estruturas intermedias de carácter temporal e centros de atención de dia con flexibilidade nos seus servizos. Este sistema facilitará a execución de proxectos elaborados dende unha metodoloxía comunitaria, nos que as propias persoas e as entidades de iniciativa social participarán activamente na resolución de conflitos e problemas.

A Consellería de Política Social manifesta a súa vontade de reforzar de forma transversal as políticas de inclusión dirixidas ás persoas con discapacidade e ás súas familias, co obxecto de xerar condicións efectivas de non discriminación e accesibilidade universal en toda clase de contornos, produtos e servizos. Todo iso en diálogo permanente e contando coa participación do tecido asociativo da discapacidade.

 

 

Braille

 

Censo de persoas con discapacidade

O censo de persoas con discapacidade de Galicia está permanentemente actualizado e serve de instrumento de planificación para elaborar políticas de intervención na área de minusvalías.