Programas de protección

Última actualización - 19/10/2023

19/10/2023

Correción de textos

Engadido o enlace a Valora-Galicia

10/05/2023

Actualizado o documento 'Anexos á circular de acollemento familiar'

04/04/2023

Engadido o documento 'Anexos á circular de acollemento familiar'

Programas de Educación Familiar dos Concellos (SSC)

Correspóndelles ás entidades locais a detección, a valoración e a intervención nas situacións de risco de calquera índole e a activación dos seus propios recursos ou en colaboración coas demais administracións e servizos públicos e privados, segundo establece o artigo 50 da Lei 3/2011, do 30 de xuño.

A intervención dos servizos sociais comunitarios implica a elaboración dun proxecto de intervención social e educativo familiar que deberá recoller os obxectivos, actuacións, recursos e previsión de prazos, promovendo os factores de protección do menor e mantendo a este no seu medio familiar. Procurarase a participación dos proxenitores, titores, gardadores ou acolledores na elaboración do proxecto. En calquera caso, será oída e tida en conta a opinión destes no intento de acordar o proxecto, que deberá ser asinado polas partes, para o que se lles comunicará de maneira comprensible e en formato accesible. Tamén se comunicará e consultará co menor se ten suficiente madurez e, en todo caso, a partir dos doce anos.

O servizo de Educación e Apoio Familiar, de titularidade municipal, prioriza os seguintes obxectivos:

  • Promover a adquisición, por parte das familias destinatarias, de competencias e habilidades para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas.
  • Poñer a disposición das familias participantes de alternativas, información, recursos e itinerarios socioeducativos en relación coas posibilidades do contorno.
  • Favorecer a integración, promoción e participación social das familias ou unidades de convivencia.
  • Previr e atender as situacións que provoquen vulnerabilidade ou risco social ás familiares ou a grupos de convivencia alternativa.
  • Completar o servizo de axuda no fogar cando se identifiquen situacións carenciais ou de conflito que deban abordarse por medio da educación familiar.
  • Promover espazos de encontro de nais e pais enfocados á mellora das capacidades educativas e mellora das situacións detectadas.

Máis información: Manual de traballo, información e asesoramento en Servizos Sociais (MATIASS)


Programa de Integración Familiar

Este programa ten como beneficiarios os seguintes colectivos:

  • Familias con nenos e nenas residentes en centros de acollida ou en acollemento familiar.
  • Familias con nenos e nenas en situación de risco.
  • Familias con grave deterioro familiar con nenos e nenas en situación de desprotección, que seguen a manter relacións cos seus fillos e fillas

O obxectivo xeral coas familias participantes no Programa consiste en potenciar os recursos e corrixir os déficits existentes nestas, de xeito que se garanta o desenvolvemento integral dos nenos e nenas e a cobertura das necesidades básicas por parte dos pais e nais.

Son obxectivos específicos:

  • Contribuír, a nivel teórico, a adquisición dun coñecemento máis preciso das situacións socio-familiares dos nenos e nenas acollidos/as en centros e das estratexias de prevención máis axeitadas para cada caso.
  • Traballar na procura da mellora do sistema de protección á infancia con dificultades sociais, especialmente nas situacións de maltrato infantil.

Áreas de intervención:

  • Preservación familiar: dirixido a aquelas familias nas que se detecta unha situación de risco de desprotección, a través dun traballo de potenciación dos seus recursos e promoción de cambios na súa dinámica familiar, que eviten a separación do neno ou nena do núcleo familiar.
  • Reunificación familiar: dirixido a aquelas familias nas que a situación de desprotección xa provocou a separación do neno ou nena e o seu ingreso temporal nun centro de protección ou a formalización dun acollemento familiar temporal, a través dunha intervención familiar intensiva que corrixa os factores de risco e déficits atopados, estimule procesos de cambio e proporcione estratexias e habilidades que permitan a rápida reunificación familiar, a volta dos nenos e nenas á súa contorna familiar.
  • Funcionalidade familiar : que supón un traballo intensivo previo á intervención familiar propia das outras dúas áreas de preservación e reunificación, dirixida a familias nas que se advirte un grave deterioro familiar, cun nivel de desestruturación de complexidade elevada, que impide que poidan recuperar condicións protectoras nos dous anos previstos de intervención, para que a familia poida romper a dinámica de deterioro profundo e consiga ser unha referencia positiva para os seus fillos e fillas.

Este programa desenvólvese na actualidade a través dun convenio coa Fundación Meniños.

Máis información: Convenio do programa de integración familiar

Gabinete de Orientación Familiar (GOF)

A orientación familiar é un proceso de axuda, encamiñado a facilitar unha dinámica familiar positiva, a atopar solución de problemas e a impulsar toma de decisións. Este servizo pretende fortalecer o benestar e a calidade de vida das persoas no seo familiar.

A través dos Gabinetes de Orientación Familiar (GOF) trataranse todos os problemas que poidan xurdir nunha familia e por extensión nos membros que a compoñen, destacando:

  • Crises do ciclo vital da familia.
  • Situacións de conflito.
  • Viabilidade adaptativa do grupo familiar: apoio, protección e desenvolvemento.
  • E terá especial atención coa vulnerabilidade dos fillos.

Funcións:

  • A nivel informativo, favorecer unha mellor comprensión do medio e dos recursos sociais á disposición da familia.
  • A nivel educativo, proporcionar aos pais os medios necesarios para un desenvolvemento integral das súas funcións.
  • A nivel de asesoramento ou preparación ante as distintas etapas ou situacións polas que pasan as familias.
  • A nivel de tratamento e solución de conflitos, para superar os dinamismos disfuncionais das familias, facendo posible o seu progreso e a súa adaptación.

Este servizo préstase con persoal propio da Consellería de Política Social e Xuventude.

Máis información: https://politicasocial.xunta.gal/gl/areas/familia-e-infancia/orientacion-e-mediacion-familiar/orientacion-familiar

Atención perinatal a mulleres en situación de vulnerabilidade social

O programa de atención perinatal a mulleres en situación de vulnerabilidade social, desenvolvido pola Fundación Meniños, diríxese a mulleres con condicións de vida desfavorables: mulleres soas, sen apoio, en situación de precariedade económica, desemprego, illamento social, marxinación... Esta vulnerabilidade social convértese nun factor de risco para unha maternidade saudable e para a protección axeitada aos fillos e fillas.

A través deste programa a entidade persegue desenvolve as seguintes actuacións:

  • Acompañar as mulleres nesta etapa importante da súa vida no desenvolvemento de un espazo de sintonía coas necesidades dos seus fillos e fillas dende o embarazo ata o ano e medio de vida.
  • Xerar un espazo de coidado psicolóxico para as mulleres embarazadas que permita rebaixar os niveis de estrés, promover a resiliencia marental e xerar un espazo de coidado e bo trato que facilite a creación das condicións prenatais e de posparto axeitadas para a xeración dun vínculo afectivo san cos e cas bebés.
  • Desenvolver obradoiros de coidado psicosocioeducativo para traballar o vínculo cos fillos e fillas dende o embarazo ata os 18 meses de idade dos e das bebés.

As ditas actividades perseguen os seguintes obxectivos:

  • Previr e detectar posibles problemas emocionais e de desenvolvemento de nenos e nenas encamiñándoos aos circuítos de coidado específico…
  • Previr a entrada de bebés ao sistema de protección, reducíndoa.

Máis información: https://meninos.org/que-facemos/programas-de-intervencion/atencion-perinatal-a-mulleres-en-dificultade-social/

Unidades de Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde

A rede de saúde mental do Servizo Galego de Saúde ten como misión a promoción da saúde mental, a prevención dos trastornos mentais e a diminución do impacto que o padecemento dun trastorno mental ten nas persoas e nas súas familias e achegados/as.

Neste sentido, o Servizo Galego de Saúde estableceu como obxectivo da rede establecer procesos de mellora continua e respostas asistenciais integradas e rápidas ás persoas que padecen un trastorno mental e a seus/súas achegados/as, ao tempo que exerce un liderado na comunidade con respecto a integración dos diferentes servizos, de xeito comprometido coa sostibilidade do sistema sanitario público.

O dito organismo sinala como valores e principios da súa actuación:

  • Os programas preventivos, asistenciais e rehabilitadores formarán un todo homoxéneo e garantirase a continuidade asistencial entre os diferentes dispositivos e a equidade no acceso a estes.
  • Procurarase unha atención comunitaria potenciando os recursos ambulatorios e extrahospitalarios e o uso de recursos normalizados, a fin de integrar esta na contorna do/da paciente.
  • A actividade nos dispositivos de saúde mental terá un enfoque colaborativo e interdisciplinario, e basearase na cooperación entre os membros do equipo a fin de dar unha resposta integral ás necesidades dos/das seus/súas usuarios/as.
  • A distribución dos recursos será equitativa e organizaranse de modo que quede garantida a súa extensión a toda a poboación.
  • A participación das diferentes administracións e sectores públicos para promover actuacións que redunden na prevención da aparición dos trastornos mentais, e no soporte de aqueles que os sofren.
  • A necesaria implicación do/da paciente na toma de decisións con respecto á súa saúde (planificación compartida) situándoo/a no centro do seu proceso asistencial.
  • Velarase pola prestación de servizos acorde á evidencia científica, e baixo a garantía da protección dos dereitos das persoas con trastorno mental, entendendo a estas como un colectivo de especial vulnerabilidade.
  • Na aplicación dos programas tomando en consideración o enfoque de xénero para adaptar as actuacións ás necesidades.
  • A aposta pola calidade, a eficiencia e as prácticas innovadoras que redunden na sostibilidade do sistema.

Máis información:

Programa de apoio a vítimas de violencia sexual Liana (Meniños)

O abuso sexual infantil é un tipo de malos tratos graves que impacta profunda e globalmente sobre a persoa menor de idade, danándoa na súa integridade física, no seu desenvolvemento madurativo e nos seus vínculos coas demais persoas. Segundo a Organización Mundial da Saúde, o abuso sexual enténdese como “unha acción na cal se involucra a un menor nunha actividade sexual que el ou ela non comprende completamente, para a que non ten capacidade de libre consentimento ou o seu desenvolvemento evolutivo (biolóxico, psicolóxico e social) non está preparado, ou tamén, que viola as normas ou preceptos sociais”.

O programa Liana (Laboratorio de investigación en apego e narrativa), da Fundación Meniños, ten como persoas destinatarias ás seguintes:

  • Nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual infantil que mostran desaxustes emocionais e/ou de conduta como consecuencia do abuso sexual infantil. Prevese a atención de aproximadamente 100 casos.
  • Familiares non agresores e ás principais persoas responsables do coidado dos nenos e das nenas xa que compren un papel imprescindible na recuperación.
  • Profesionais que traballan na contorna de nenos e nenas abusados/as.

Constitúe o obxectivo e contido do programa:

  • O desenvolvemento dun contexto de seguridade e de prevención de novas situacións traumatizantes.
  • Acompañar ao neno ou nena e ás persoas adultas coidadoras na adquisición de estratexias e habilidades para afrontar as consecuencias do abuso.
  • A elaboración dunha narrativa adecuada do trauma e promover a integridade da identidade e benestar bio-psico-social do neno ou nena.

A Consellería de Política Social e Xuventude financia na actualidade este programa a través dun convenio coa Fundación Meniños.

Máis información: Programa de apoio a vítimas de violencia sexual Liana

Programa de Intervención Terapéutica UIICF (Universidade da Coruña)

Este programa inclúe o deseño e aplicación do tratamento terapéutico das persoas menores derivadas polos Equipos Técnicos de Menores da Consellería de Política Social, o seguimento e avaliación científica dos resultados e o asesoramento aos profesionais e coidadores das persoas menores que estean recibindo o tratamento.

Para a súa execución, conta cun equipo de profesionais con suficiente formación e experiencia, coordinados e supervisados baixo unhas directrices e metodoloxía común, tarefas estas que son asumidas pola Fundación Universidade da Coruña, que tamén constituíu a rede de profesionais.

Son beneficiarios/as do programa as persoas menores con expediente aberto nos servizos de protección (menores en garda ou tutelados/as, incluíndo menores infractores que cumpran medidas xudiciais), das catro provincias galegas, que amosen desaxustes emocionaiscondutuais severos orixinados ou relacionados coa situación de desprotección que sufriron, coa medida de separación da súa familia ou coa existencia de dificultades severas ou crónicas na convivencia dentro da súa familia de orixe.

Poderán ser beneficiarios/as igualmente a familia biolóxica ou acolledora do/da menor e os/as profesionais que se ocupan del/dela (educadores/as, traballadores/as sociais e outros/as profesionais dos centros de acollemento residencial ou centros de día), que teñen unha relación de coidado e que compoñen o entorno afectivo do/da menor, en canto que configuran o seu sistema de referencia.

A Consellería de Política Social e Xuventude financia na actualidade este programa a través dun convenio coa Fundación da Universidade da Coruña.

Máis información: Programa de Intervención Terapéutica UIICF

Programa de tratamento ambulatorio para adolescentes (Alborada)

O programa “Intervención ambulatoria con adolescentes en situación de dificultade social e desprotección”, que ten como obxectivo ofrecer orientación e tratamento terapéutico e especializado, adaptado ás necesidades particulares do perfil de persoas menores. Estas necesidades maniféstanse por un consumo de substancias tóxicas, relacións disfuncionais coas súas figuras parentais e a comisión de pequenos delitos, así como algunhas outras características de vulnerabilidade social derivadas da súa situación de desprotección.

O obxectivo xeral do programa é previr e minimizar as condutas problemáticas do neno, nena ou da adolescente, co fin de evitar o seu agravamento e reducir a probabilidade dunha intervención mais estruturada e intensa.

Os obxectivos específicos que se pretenden acadar son:

  • Desenvolver estratexias de motivación ao cambio para o tratamento.
  • Reducir, na medida do posible, a xénese e manifestación de condutas disociais, agresivas e violentas.
  • Diminuír ou eliminar condutas de risco en menores que presenten patróns de uso ou abuso de drogas substancias tóxicas.
  • Axudar á persoa menor e a súa familia a desenvolver pautas de comunicación funcionais.
  • Potenciar as habilidades necesarias para propiciar o desenvolvemento persoal e a integración social da persoa menor: axuste emocional, autocontrol, habilidades sociais, autoestima, etc.
  • Implicar á familia e/ou aos responsables da persoa menor no proceso de cambio.
  • Potenciar hábitos de vida saudables.
  • Transmitir a importancia da adquisición de formación de cara a unha futura incorporación ao mundo laboral.
  • Fomentar alternativas e recursos de ocio e tempo libre saudables.
  • Acadar unha actuación coordinada das institucións que poden intervir ao longo do tratamento.
  • Apoiar e asesorar aos equipos especializados en dificultade social e desprotección no desenvolvemento dunha estratexia de apoio permanente a nenos, nenas e adolescentes ao longo de todo o proceso.
  • Apoiar e colaborar en accións de integración social dos nenos, nenas e adolescentes.
  • Favorecer o proceso de maduración persoal e social desenvolvendo as habilidades necesarias para facer fronte a situacións de risco e a súa posterior integración social.

Con carácter xeral, este programa atenderá a persoas menores con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos, aínda que poderá incorporarse a maiores da dita idade como apoio ou continuación do tratamento antes da alta definitiva. Do mesmo xeito, poderase incluír no programa a menores de 12 anos en determinados supostos específicos, sempre que respondan ao perfil indicado no parágrafo anterior.

A súa vez, outorgarase prioridade á actuación no entorno familiar da persoa menor, evitando sempre que sexa posible, a separación do seu núcleo familiar. A familia será obxecto da actuación protectora e deberá cooperar na consecución dos obxectivos fixados para a intervención, sendo igualmente destinataria do programa.

Actualmente este servizo préstase en Vigo. A Asociación Ciudadana de Lucha contra la Droga “Alborada”, é a actual adxudicataria

Máis información:

Programa de intervención con maltratadores varóns Abramos o Círculo (Colexio de Psicólogos)

Abramos o Círculo é un programa de atención psicolóxica especializada e de apoio, financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, e dirixido a homes que adoptan actitudes inadecuadas e violentas nas relacións coa súa parella, coa súa familia, co seu círculo social e desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade.

O programa ofrece dúas áreas de atención:

  • - Información
  • - Atención/intervención psicolóxica personalizada

O programa diríxese a homes con problemas de control da violencia que desexen:

  • Aprender a resolver conflitos sen violencia e a comprender a natureza da violencia
  • Aprender a comunicarse mellor
  • Relacionarse coas mulleres con respecto e igualdade
  • Educar os seus fillos e fillas en igualdade
  • Asumir hábitos positivos de relación e convivencia

Máis información: http://igualdade.xunta.gal/gl/recursos/abramos-o-circulo-programa-para-homes-con-problemas-de-control-de-violencia

Psicoterapia en gabinetes privados (calquera que sexa a vía de financiación)

Ademais dos recursos financiados pola Xunta de Galicia, en función das necesidades individuais de nenos, nenas ou adolescentes na procura do seu interese superior, os equipos técnicos poden propoñer actuacións en gabinetes privados que ofrecen a atención oportuna en relación coa saúde mental.

Este tipo de intervencións financiaranse da forma que se autorice. En particular, terase en conta o disposto na regulación vixente en cada momento en relación cos gastos extraordinarios.

Programa de acollemento familiar en familia extensa

En caso de separación do neno, nena ou adolescente da súa familia biolóxica, favorecerase a permanencia no seu propio ambiente, procurando que o acollemento se produza en familia extensa, agás que non sexa aconsellable para o interese da persoa menor ou mentres esta non sexa valorada como adecuada. Só nos casos nos que non exista familia extensa ou esta non sexa axeitada ou conveniente para o neno, se optará por un acollemento en familia allea.

No caso de que o acollemento se formalice con persoas achegadas (padriños, veciños...), que deberán igualmente ser valoradas polo equipo técnico do menor, constituirase formalmente como acollemento en familia extensa, aínda que bioloxicamente non sexa así.

Será prioritario o acollemento en familia extensa sobre a adopción, agás nos casos de renuncia de recén nacidos, nos que primará a adopción, por ser esta a vontade da nai que entrega a/o nena/o e non ter esta/e ningún vínculo coa súa familia biolóxica.

Os equipos técnicos do menor valorarán a adecuación das familias extensas, de acordo co procedemento establecido nas Instrucións para unificar e homoxeneizar criterios nos acollementos familiares en familia extensa e allea (en especial, as establecidas no apartado 5 deste documento).

Máis información:

Programa de apoio ao acollemento familiar en familia extensa (Aldeas Infantiles)

Para o apoio ás familias extensas acolledoras as Xefaturas Territoriais dispoñen dun programa específico, xestionado na actualidade pola entidade Aldeas Infantiles. Este programa está estruturado en dous servizos que responden ás necesidades do/s menor/es, da familia de acollida e dos proxenitores ao longo do proceso de acollemento:

  • Servizo de apoio especializado: proporciona atención especializada ás necesidades dos NNA acollidos, das familias acolledoras e dos proxenitores por medio de actuacións de asesoramento e orientación, intervención psicosocioeducativa e actuacións de mediación nas relacións familiares. A duración máxima da intervención recoméndase que sexa de dous anos, e a súa prórroga por un período de 6 meses deberá xustificarse.
  • Servizo de formación: como complemento do programa establécense unhas sesións informativas iniciais que darán cobertura aos novos acollementos formalizados a nivel autonómico nas diferentes Xefaturas Territoriais, de 12 horas de duración.

O ETM realizará a derivación ao servizo de apoio especializado daquelas familias que estime conveniente tendo en conta a limitación de casos a atender anualmente segundo o convenio de colaboración subscrito con Aldeas Infantiles. Esta derivación contará cun plan individualizado de intervención no que figurarán uns obxectivos e temporalización concreta.

Ao servizo de formación derivaranse aquelas familias que o ETM considere necesario. Para tal fin, o ETM explicará as familias a necesidade de realizar a preparación necesaria para afrontar con éxito o acollemento.

Máis información:

Programa de acollemento familiar en familia allea (Cruz Vermella)

Nos casos nos que non exista (ou non sexa conveniente) familia extensa que poida acoller ao menor, buscarase unha familia acolledora allea. Así mesmo, acudirase á familia allea para a realización dun acollemento de urxencia mentres se valora a medida de protección que proceda ou mentres non haxa familia extensa valorada adecuada.

Para o proceso de información, formación e selección de familias acolledoras alleas, os equipos técnicos do menor contan co apoio da entidade Cruz Vermella, que xestiona un programa con este contido a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude.

O proceso específico en relación co acollemento en familia extensa regúlase nas Instrucións para unificar e homoxeneizar criterios nos acollementos familiares en familia extensa e allea, en especial no seu punto 6.

Máis información:

Programas de acollemento especializado

O artigo 20 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, establece que o acollemento familiar poderá ser especializado, entendendo por tal o que se desenvolve nunha familia na que algunha ou algunhas das persoas que integran a unidade familiar dispón de cualificación, experiencia ou formación específica para desempeñar esta función respecto de menores con necesidades ou circunstancias especiais, podendo percibir por iso unha compensación.

O acollemento especializado poderá ser de dedicación exclusiva cando así se determine pola Entidade Pública por razón das necesidades e circunstancias especiais do menor en situación de ser acollido, percibindo en tal caso a persoa ou persoas designadas como acolledoras unha compensación en atención á dita dedicación.

Na actualidade, a Xunta de Galicia desenvolve dous programas piloto en relación co acollemento especializado con dedicación exclusiva. Un deles xestiónase a través de Aldeas Infantiles, que conta cunha subvención do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. O outro xestiónase a través dun concerto social promovido pola administración galega, que se atopa en fase de selección de entidade adxudicataria. Ambos programas se financian con fondos que proveñen do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea.

Máis información:

Programa en Familia (Faibén e outras)

O proxecto pretende proporcionar aos nenos, nenas e adolescentes en situación de acollemento residencial sen contactos familiares adecuados, a posibilidade de desfrutar de estancias temporais con familias alleas que se constitúan en referencias estables no seu desenvolvemento.

Este programa diríxese especialmente a nenos e nenas cun longo período de institucionalización en centros de menores. A principal peculiaridade reside en que as propias entidades que xestionan os ditos centros promoven e colaboran activamente na procura de experiencias familiares para os nenos e nenas que por diversas circunstancias non puideron acceder a estas por outros programas.

As entidades Faiben, Fundación de Apoio á Infancia e ao Benestar, MANAIA, Asociación Galega de Adopción e Acollemento, a Inspectoría María Auxiliadora e a Asociación Casa de Familia Santa Joaquina de Vedruna, baixo a coordinación da primeira delas, desenvolven na actualidade o programa En Familia.

Máis información:

Xerando cultura de Acollemento:ACOUGO

O "Programa Xerando Cultura de Acollemento" do que é titular a dita entidade, mediante o cal se facilita o adecuado desenvolvemento da persoa menor acollida mediante a orientación, o asesoramento, acompañamento e apoio especializado ás familias acolledoras e/ou as persoas menores. A Asociación Galega de Familias de Acollida “ACOUGO” desenvolve o programa.

Ademais, esta entidade xestiona tamén un programa, destinado a promover experiencias familiares para nenos e nenas en acollemento residencial.

Máis información: Programa recollido no convenio sobre o programa Xerando cultura de acollemento.

Mentor

O Programa Mentor de inserción sociolaboral de mozos e mozas en risco social está dirixido a aqueles que mozos e mozas que estean ou estivesen baixo tutela ou garda da Administración Pública, suxeitos a medidas xudiciais ou sexan usuarios doutros programas dependentes do órgano xestor e destinados á protección das persoas menores de idade.

Os obxectivos que se perseguen co servizo que se deberá prestar son os seguintes:

  • Facilitar a inserción laboral dos mozos e mozas que se incorporen ao programa, a través da información, formación, orientación, asesoramento e acompañamento individualizado ao longo do proceso.
  • Facilitar a inserción social dos mozos e mozas a través da mellora das súas habilidades persoais e sociais, da participación nos recursos sociais normalizados e na vida cultural e social do entorno, fomentando os vínculos co seu ámbito físico e xeográfico.
  • Motivar os mozos e mozas que se incorporen ao programa de xeito que adquiran conciencia da súa situación e se responsabilicen e participen activamente nos seus procesos de emancipación.
  • Preparar os mozos e mozas para a vida independente, ben a través da estancia nos recursos de apoio á inserción propios do programa, nos casos en que así o determinen os equipos técnicos do menor das xefaturas territoriais da consellería, ben a través de plans de vida independente supervisados desde o programa.

Este programa xestiónase a través dun contrato administrativo de servizos, cuxa adxudicataria na actualidade é a entidade IGAXES. O dito contrato finánciase pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo Plus para o período de programación 2021-2027.

Máis información:

Mentor Rural

Este programa ten como obxectivo facilitar o tránsito á vida adulta das persoas mozas que estean ou estiveran baixo tutela ou garda da Administración Pública, suxeitos a medidas xudiciais ou sexan usuarios doutros programas dependentes da Entidade Pública de Galicia e destinados á protección das persoas menores de idade, que procedan ou se trasladen a contornos rurais, no marco do seu proxecto de tránsito á vida adulta. Na selección das áreas concretas onde se desenvolve o programa tívose en conta tanto os seus datos demográficos como a súa capacidade de dar cobertura as necesidades das persoas mozas que se adhiran ao programa, na procura de frear a perda poboacional da dita area a través da empregabilidade dos/as mesmos/as na súa contorna. Os concellos seleccionados estrutúranse en tres áreas:

  • Área occidental, que comprende os seguintes concellos:
    Vilalba, Guitiriz, Begonte, Cospeito, Outeiro de Rei, Castro de Rei, Friol,Palas de Rei, Guntín, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, Taboada, Chantada, O Saviñao, Carballedo, Beariz, O Irixo, Piñor, San Cristovo de Cea, Vilamarín, A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Boborás, O Car-balliño, Maside, Amoeiro, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Avión, Leiro, San Amaro, Punxín, Cenlle, Melón, Carballeda de Avía, Beade, Ribadavia, Arnoia, Cortegada, Castrelo de Miño, Toén, Taboadela, Paderne de Allaríz, Baños de Molgas, Maceda, Allariz, Xunqueira de Ambía, Coles, Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas.
  • Área central, que comprende os seguintes concellos:
    Castroverde, O Corgo, Baralla, O Páramo, Láncara, Paradela, Sarria, Samos, Triacastela, Bó-veda, O Incio, Pantón; Monforte de Lemos, A Pobra de Brollón, Sober, Ribas de Sil, Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas e San Xoan de Río.
  • Área oriental, que comprende os seguintes concellos:
    Quiroga, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, Rubiá, Pobra de Trives, Larouco, A Rúa, Petín e Carballeda de Valdeorras.

Nestas áreas levaranse a cabo os seguintes obxectivos:

  • Inserción laboral de rapaces/as tutelados/as, ex-tutelados/as e con medidas xudiciais.
  • Redución do descenso poboacional das zonas de atención, procurando que os/as rapaces/as atendidos fagan proxectos de vida nas areas de traballo delimitadas.

Este programa desenvólveo a entidade IGAXES a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude, que se financia con fondos da Unión Europea a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Máis información: Programa incluído no convenio de colaboración sobre o Programa Mentor Rural

Programa Espabila

O programa Espabila, xestionado pola Fundación Juan Soñador, ten como obxectivo lograr a igualdade de oportunidades e favorecer a inclusión social da infancia, adolescencia e mocidade en situación de vulnerabilidade. Para isto utiliza servizos de atención diúrna, de medio aberto, fóra de horario escolar e cun enfoque integral na intervención. A finalidade dos ditos servizos consiste en dar apoio, estimular e potenciar o desenvolvemento persoal e social, a adquisición de aprendizaxes básicas e lúdicas, que compensen as desvantaxes socioeducativas e familiares.

Está dirixido a nenas, nenos, adolescentes e ás súas familias, en situación de desamparo ou risco social. Preferentemente adolescentes de 12 a 18 anos, en situación de desvantaxe educativa.

O acceso implica a derivación por parte do equipo técnico do menor, dos departamentos de orientación dos centros educativos, dos servizos sociais comunitarios, de entidades sociais, segundo corresponda.

Máis información: Web da Fundación Juan Soñador sobre o Programa Espabila: https://fundacionjuans.org/gl/espabila-galicia/

Programa Na Rúa

O programa Na Rúa ten carácter socioeducativo e está dirixido a nenos/as en situación de risco ou exclusión social, preferentemente adolescentes de 13 a 17 anos e ás súas familias.

Como obxectivo xeral ten o de lograr a igualdade de oportunidades e favorecer a inclusión social da infancia, adolescencia e mocidade en situación de vulnerabilidade. Para isto utiliza servizos de atención diúrna, de medio aberto, fóra de horario escolar e cun enfoque integral na intervención. A finalidade dos ditos servizos consiste en dar apoio, estimular e potenciar o desenvolvemento persoal e social, a adquisición de aprendizaxes básicas e lúdicas, que compensen as desvantaxes socioeducativas e familiares.

A Consellería de Política Social e Xuventude financia este programa a través dun convenio de colaboración coa Fundación Juan Soñador.

Máis información:

Programa de adopcións especiais (Meniños)

O obxectivo xeral do programa de adopcións especiais é promover a adopción de nenos, nenas e adolescentes tutelados/as pola Xunta de Galicia que polas súas características teñen máis dificultade para poder exercer o seu dereito a vivir en familia.

Os obxectivos específicos que se pretende acadar son:

  • Dar a coñecer e sensibilizar a sociedade acerca dos nenos que necesitan unha familia adoptiva.
  • Formar ás persoas dispostas a adoptar nenos, nenas ou adolescentes con dificultades especiais.
  • Apoiar as familias e as persoas menores no proceso de integración adoptiva para fortalecer e consolidar o vínculo familiar.

Son destinatarios do programa:

  • As persoas menores de idade tuteladas pola Xunta de Galicia que, polas súas características, teñen máis dificultade para seren adoptadas. A consideración das características especiais determinantes da inclusión dos ou das persoas menores neste programa quedará ao criterio do equipo técnico do menor correspondente, podendo en todo caso citarse: adolescentes, grupos de tres ou máis irmáns, nenos ou nenas con discapacidade ou enfermidade, e en xeral aqueles/as que presenten calquera outra característica que poida dificultar a adopción.
  • As persoas que se ofrecen para a adopción ou iniciaron un proceso adoptivo e presentan dispoñibilidade para asumir unha adopción especial.
  • A sociedade galega en xeral, a través das campañas de sensibilización.

Máis información:

Quérote +

O obxectivo dos centros Quérote+, que dependen da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social e Xuventude, é prestar un servizo de información e asesoramento á xuventude galega naquelas áreas nas que se poida aportar un maior entendemento social e que se facilite o crecemento persoal.

O dito obxectivo articúlase a través das seguintes estratexias:

  • Servizo público, anónimo e confidencial
  • Equipo de profesionais especializado: psicólogos/as; traballadores/as sociais e educadores/as sociais
  • Horario de atención ao público adaptado ao tempo e ocio xuvenil
  • Oficinas situadas en espazos de encontro xuvenil
  • Avaliación continua do servizo e das demandas xuvenís
  • Coordinación cos equipos de servizos complementarios

Máis información: http://xuventude.xunta.es/querote-mais