Acollemento residencial

Última actualización - 30/01/2024

19/10/2023

Correción de textos

04/04/2023

Engadido o documento 'Circular 1/2023 de acollemento familiar'

Engadida referencia sobre necesidade de solicitar autorización de acollemento residencial de nenos e nenas de 0 a 6 anos e modelo de solicitude

30/01/2024

Engadido o Proxecto técnico presentado por IGAXES

O acollemento residencial defínese como o modo de exercicio da garda como medida de protección, consistente no seu aloxamento e atención nun centro de menores.

Os centros de protección de menores son aqueles que ofrecen aloxamento, asistencia integral e unha dotación de servizos e programas especialmente orientados a conseguir a normalización, e integración sociofamiliar das e dos menores acollidos/as. Os centros deben reproducir as condicións de vida do/a menor da forma máis próxima á dunha familia normalizada, desde o formato da vivenda ata a súa atención integral e compensadora das súas problemáticas.

Todos os centros deberán proporcionar unha atención comprensiva das seguintes prestacións: aloxamento, mantenza, apoio psicosocial e educativo, seguimento escolar, promoción da saúde, animación planificada do tempo libre, formación nas habilidades sociais básicas e colaboración, apoio e orientación ás familias das e dos menores.

O acollemento residencial ten carácter subsidiario respecto do familiar e das demais medidas de protección do ou da menor. Isto significa que só se poderá recorrer a este cando se esgotaren todas as posibilidades de mantemento do neno ou nena na súa familia e outras opcións, como o acollemento familiar ou a adopción, non sexan posibles ou se consideren inadecuados.

En especial, o acollemento residencial para nenos e nenas de seis anos ou menos, deberá ser autorizado polo Servizo de Protección de Menores da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, como se recolle no punto 2.a) da Circular 1/2023 de acollemento familiar. Para facilitar esta xestión, pódese empregar, de ser o caso, o modelo establecido.

Na actualidade, a Entidade Pública de Protección de Galicia dispón dunha rede de prazas públicas, xestionadas directamente ou a través de entidades colaboradoras distribuídas polo territorio da comunidade autónoma.

Listaxe de prazas residenciais

Listaxe de prazas de atención de día

Os centros de menores clasifícanse, en función das súas características como xerais, terapéuticos, específicos para trastornos de conduta ou de apoio á autonomía e independencia.

  • Centros terapéuticos

    A rede pública de Galicia conta cun centro para acollemento residencial de persoas menores en situación de desprotección e con medida de amparo de tutela ou garda asumida pola Xunta de Galicia que precisen dunha intervención socioeducativa e terapéutica especializada en trastornos de saúde mental, Casa da Quintán, en Pontecaldelas.

    Os usuarios deste centro serán aqueles menores de entre 8 e 17 anos de idade, de ambos os dous sexos, que estean en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, que presenten trastornos de saúde mental que fagan incompatible a súa convivencia en centros residenciais básicos. Poderán ser beneficiarios aqueles nenos e nenas e adolescentes con trastorno mental que fagan aconsellable para a mellor evolución ou prognóstico do seu padecemento a inclusión nun recurso residencial de características específicas. Considerarase criterio de exclusión o padecemento dunha discapacidade intelectual, trastorno por consumo de sustancias, ou trastornos que cursen con déficits sensitivos ou de desenvolvemento da linguaxe que limiten gravemente a comunicación verbal.

    O ingreso debe realizarse tras o informe seu profesional de referencia en materia de saúde mental no sistema público sanitario de que, sen precisar un ingreso hospitalario, considere que a persoa menor precisa dunha atención residencial especializada en materia de saúde mental. Excepcionalmente, por motivos debidamente xustificados poderá acordarse o ingreso dun menor de idade inferior.

    O ingreso neste centro está suxeito a autorización xudicial, que se solicitará tras a autorización por parte da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. Para iso, a Xefatura Territorial que promova o ingreso deberá remitir informe xustificativo e o plan individualizado de protección para a súa revisión polo Servizo de Protección de Menores.

    Ademais, tras a solicitude motivada, a Dirección Xeral pode autorizar o ingreso noutros centros terapéuticos, ben dedicados á saúde mental ou á discapacidade, que respondan en cada caso concreto ao interese supor da nena, neno ou adolescente.

    O ingreso neste tipo de centros realizarase con carácter excepcional cando outras medidas de protección foran consideradas insuficientes, e polo tempo estritamente necesario e terá como finalidade proporcionar a persoa menor un marco adecuado para a súa educación, a súa reintegración familiar cando sexa posible e o libre e harmónico desenvolvemento da súa personalidade, nun contexto estruturado e con programas específicos no marco dun proxecto educativo.

    Máis información:

  • Centros específicos para trastornos de conducta

    A Lei Orgánica 1/1996, de 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código Civil e da Lei de Axuizamento Civil, na súa redacción actual, regula no artigo 25 e seguintes os centros de protección específicos de menores con problemas de conduta, nos que está prevista a utilización de medidas de seguridade e de restrición de liberdades ou dereitos fundamentais.

    O ingreso neste tipo de centros está suxeito a autorización xudicial, que se recabará tras a autorización por parte da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. Para iso, a Xefatura Territorial que promova o ingreso deberá remitir informe xustificativo e plan individualizado de protección para a súa revisión polo Servizo de Protección de Menores.

    Na actualidade, a rede pública de Galicia conta con tres centros dentro desta categoría:

    • Centro de Menores Santo Anxo da Garda
    • Centro de menores Montealegre
    • Minirresidencia Chavea Muíño Novo
    Ademais, tras a solicitude motivada, a Dirección Xeral pode autorizar de xeito excepcional o ingreso noutros centros privados específicos para trastornos de conduta, que respondan en cada caso concreto ao interese supor da nena, neno ou adolescente.

    Máis información:

  • Centros de apoio á autonomía e independencia

    A Entidade pública de protección á infancia e á adolescencia de Galicia dispón, a través do programa Mentor, de vivendas tuteladas e asistidas, que ofrecen un recurso de acompañamento ás persoas adolescentes e maiores de idade que estivesen tuteladas ou en situación de garda no tránsito á vida adulta.

    Xestionados pola entidade IGAXES, estes centros ofrécenlles ás persoas usuarias apoio emocional, estimulación e desenvolvemento das súas capacidades físicas, psíquicas, cognitivas e sociais de acordo ao seu ciclo evolutivo. A entidade apóiaos no seu proceso madurativo, reforza as súas habilidades organizativas e operativas e promove a autonomía co fin de conseguir un maior grao de iniciativa e autonomía persoal e unha mellor preparación para a súa emancipación e vida independente. Todo isto de acordo co plan individualizado de protección que se fixe desde o equipo técnico que corresponda da Consellería de Política Social e Xuventude.

    Máis información: