Apoio á familia

Os artigos 59 e 60 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia especifican o carácter e posibles actuacións que configuran esta medida de protección.

Apoio á familia ten como obxectivo fornecer as axudas económicas, materiais, sociais, educativas e terapéuticas que permitan a mellora do medio familiar e a atención das necesidades do neno ou a nena ou do ou a adolescente para evitar a separación familiar ou procurar, de ser o caso, o retorno a ela.

O apoio levarase a cabo mediante a intervención técnica dos servizos sociais comunitarios, tanto básicos coma específicos, así como dos especializados, da Administración da Comunidade Autónoma, por parte de profesionais especializados.

Apoio á familia comprende, entre outras, as seguintes actuacións:

  • O asesoramento e a orientación técnica para promover o desenvolvemento persoal dos pais, as nais, os titores, as titoras, os gardadores ou as gardadoras e facilitar o axeitado exercicio das funcións parentais e unha dinámica familiar normalizada
  • A educación familiar para capacitar a pais, nais, titores, titoras, gardadores ou gardadoras nas súas funcións de atención, educación e coidado das e dos menores ao seu cargo.
  • Os programas de intervención para a preservación ou a reunificación da familia e mais para a normalización da convivencia nela.
  • O seguimento da evolución do neno ou a nena ou do ou a adolescente na familia e no seu medio social.
  • A atención en centros de día.
  • Axudas e prestacións económicas temporais.
  • A axuda a domicilio para permitir a permanencia nel do neno ou a nena ou do ou a adolescente e favorecer o seu coidado e atención.
  • A mediación como técnica de resolución de conflitos no seo da familia.
  • Calquera outra actuación que contribúa á consecución dos fins previstos no artigo anterior.