Criterios técnicos

Última actualización - 19/10/2023

19/10/2023

Correción de textos

O deseño do Plan Individualizado de Protección (PIP) se realizará:

  1. Primando o interese superior del NNA e optando sempre pola medida e os recursos menos lesivos para el/ela.
  2. Respectando as debidas garantías do proceso.
  3. Respectando todos os dereitos que asisten ao NNA e aos seus pais, nais ou persoas titoras ou gardadoras, incluíndo os seus dereitos para ser informados, oídos e escoitados.
  4. Tras unha valoración multidisciplinar e colexiada, na que queden motivados os criterios utilizados, os elementos aplicados ao ponderalos os criterios entre si e con outros intereses presentes e futuros, e as garantías procesuais respectadas.
  5. Garantindo a revisión periódica das decisións adoptadas -tamén de forma multidisciplinar e colexiada-, e en calquera caso cando o propio desenvolvemento do NNA ou cambios nas súas circunstancias fagan necesario revisalas.

A separación do NNA da súa familia de orixe: circunstancias a valorar para as propostas de Garda Provisional, Desamparo e Garda Voluntaria

A separación do NNA da súa familia de orixe só deberá propoñerse cando non sexa posible asegurar a integridade e satisfacción das súas necesidades básicas no domicilio familiar. En todos os casos, antes de declarar o desamparo ou asumir a garda dun NNA, deberase:

  • Asegurar e xustificar documentalmente que non é posible optar por ningunha outra alternativa que evite a separación da súa familia e garanta a súa saúde e integridade básicas.
  • Manter audiencia e xustificala documentalmente cos pais, nais ou persoas titoras ou gardadoras e cos NNA atendendo aos seus dereitos de información, escoita e participación nos procedementos administrativos e xudiciais que lles afecten.

A presenza das seguintes circunstancias poderá aconsellar a proposta de asunción da Garda Provisional dun NNA:

Circunstancias a valorar para a proposta de Garda Provisional
  • O NNA require atención inmediata, e a información dispoñible non é suficiente para (1) identificar ao NNA, ou (2) coñecer as súas circunstancias e constatar a existencia dunha situación real de desamparo.
  • Hai garantía de que, coa medida de Garda Provisional, a seguridade e integridade básicas do NNA non corren perigo.
  • Hai colaboración suficiente por parte do pai ou nai ou persoas titoras ou gardadoras do NNA.

A duración da Garda Provisional será a máis breve posible, recomendándose que non supere 45 días. A ampliación deste prazo deberá ser debidamente argumentada e conlevará un seguimento e revisión máis frecuente do caso.

A presenza das seguintes circunstancias poderá aconsellar a proposta da declaración de Desamparo e asunción da Tutela Automática dun NNA:


Circunstancias a valorar para a proposta de DesamparoCircunstancias adicionais a considerar para a proposta de medida de protección de carácter urxente
Presenza de indicadores de desprotección de gravidade elevada ou moi elevada (segundo instrumento Valora-Galicia).
Existencia de circunstancias na contorna do NNA que non son controlables e supoñen un perigo a curto prazo para a súa vida ou integridade básicas.
Presenza de características do propio NNA que lle colocan en situación de especial vulnerabilidade (p.ex., curta idade, discapacidade ou necesidades especiais, implicacións en condutas de alto risco de autoinfrinxir ou de autolesión).
Ausencia ou insuficiencia de colaboración activa da familia cos Servizos Sociais, de acordo aos criterios sinalados no instrumento Valora-Galicia.A vida ou integridade básicas do NNA atópanse en perigo grave e inminente e non é posible controlar a situación mantendo ao NNA na súa contorna familiar.
Insuficiente conciencia de problema ou motivación de cambio por parte dos membros da familia.
Prognóstico negativo de capacitación parental ou de modificación das circunstancias familiares asociadas á aparición ou mantemento da desprotección a curto ou medio prazo.
Imposibilidade de levar a cabo un traballo de capacitación parental cunha medida de Garda temporal.
Balance positivo dos efectos da medida na situación do NNA (beneficios vs. riscos/prexuízos)
En casos de adolescentes, aceptación da medida pola súa banda.

Será pertinente propoñer a declaración de Desamparo dun NNA cando:

  • O NNA vese afectado por unha situación de desprotección de gravidade moi elevada, e excepcionalmente tamén gravidade elevada, e os recursos de apoio técnico dispoñibles son insuficientes para garantir o mantemento na súa familia sen risco para a súa vida, saúde, integridade física e seguridade básicas, ou O NNA vese afectado por unha situación de desprotección de gravidade moi elevada, elevada ou houbo unha declaración administrativa de risco, e tras doce meses de intervención proactiva, continuada e suficientemente intensiva dos SSC ou dos SSE, non se produciu unha diminución do nivel de gravidade da desprotección, é dicir, non se produciron cambios significativos no comportamento parental e o dano no NNA persiste ou se incrementou, e non se dispón doutros recursos de apoio técnico dirixidos á preservación familiar que se prevexa poidan modificar a situación familiar.
  • Prevese que unha evolución negativa na situación do NNA se se mantén na súa contorna familiar nas condicións existentes.
    • A medida de protección pode levar a cabo en condicións tales que os seus posibles riscos ou prexuízos sobre o NNA sexan minimizados ou controlados, e os seus beneficios resulten claramente superiores a eses posibles riscos ou prexuízos.
    • Cando se trate de adolescentes, e salvo en casos de extrema gravidade, traballouse con eles a aceptación da medida.
    • A medida de protección é a única intervención posible que permite asegurar o benestar do NNA.
    • Non é posible ou non se considera apropiado levar a cabo un traballo de capacitación parental cunha medida de Garda temporal en atención ás circunstancias que concorren no caso concreto.

    A presenza destas circunstancias poderá aconsellar a proposta dunha Garda Voluntaria:

Circunstancias a valorar para a proposta de Garda Voluntaria
  • Existencia de circunstancias graves e transitorias debidamente acreditadas que impiden aos pais e nais ou persoas titoras ou gardadoras exercer os seus deberes de protección.
  • Colaboración por parte dos pais e nais ou persoas titoras ou gardadoras co plan de intervención proposto polos SSE.
  • Posibilidade de levar a cabo un traballo de capacitación parental con obxectivos claramente definidos e acordados cos pais e nais ou persoas titoras ou gardadoras, e nun prazo de tempo axustado ao establecido á lei e acorde ás necesidades do NNA (p.ex. idade).
  • Prognóstico positivo de capacitación parental ou modificación das circunstancias familiares asociadas á aparición ou mantemento da desprotección.
  • Aínda dándose algunhas das circunstancias que poderían conlevar a declaración de Desamparo e a asunción da Tutela do NNA, valórase que a medida de Garda vai xerar máis beneficios para o NNA e para a intervención.

A garda voluntaria terá unha duración máxima de dous anos, salvo que o interese superior do NNA aconselle, excepcionalmente, a prórroga da medida pola previsible reintegración familiar nun prazo breve de tempo (art. 19, Lei Orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de Protección Xurídica do Menor, na redacción dada pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia).

Antes de declarar o desamparo ou asumir a garda dun NNA, os SSE terán que asegurar e xustificar documentalmente que non é posible optar por ningunha outra alternativa que evite a separación da súa familia e garanta a súa saúde e integridade básicas.

Atendendo ao establecido na lexislación vixente, previo á proposta e adopción da medida de protección manterase e xustificará documentalmente audiencia cos pais e nais ou persoas titoras ou gardadoras e cos NNA atendendo aos seus dereitos de información, escoita e participación nos procedementos administrativos e xudiciais que lle afecten. En casos de urxencia nos que isto non sexa posible, a audiencia levará a cabo canto antes tras a adopción da medida.

No caso de optar pola separación, os SSE deberán decidir como alternativa prioritaria a inclusión do NNA na finalidade de Separación temporal e reunificación familiar.

>A medida de separación con nenos e nenas menores de seis anos

Os nenos e nenas menores de seis anos, e de maneira rigorosa os menores de tres anos, que deban ser separados -ben mediante procedemento de urxencia ou ordinario- da súa familia de orixe serán orientados a un acollemento familiar.

De acordo ao art. 21.3, da Lei Orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de Protección Xurídica do Menor:

Artigo 21.3.

Co fin de favorecer que a vida do menor se desenvolva nunha contorna familiar, prevalecerá a medida de acollemento familiar sobre a de acollemento residencial para calquera menor, especialmente para menores de seis anos. Non se acordará o acollemento residencial para menores de tres anos salvo en supostos de imposibilidade, debidamente acreditada, de adoptar nese momento a medida de acollemento familiar ou cando esta medida non conveña ao interese superior do menor. Esta limitación para acordar o acollemento residencial aplicarase tamén aos menores de seis anos no prazo máis breve posible. En todo caso, e con carácter xeral, o acollemento residencial destes menores non terá unha duración superior a tres meses.

O acollemento familiar como medida preferente en casos de separación

O acollemento familiar será a medida preferente en casos de separación, particularmente para os nenos e nenas menores de nove anos. En principio, case todos os NNA son susceptibles de ser acollidos en familia. As limitacións que existen proveñen fundamentalmente da falta de familias acolledoras nun momento concreto e para un caso específico.

Cando haxa nenos e nenas de catro a nove anos orientados a un acollemento residencial por considerarse a mellor alternativa para dar resposta ás súas necesidades, darase especial importancia á súa breve temporalidade, orientando o Plan Individualizado de Protección á procura dunha contorna familiar estable. As circunstancias que poden xustificar a elección do acollemento residencial nestes casos son:

  • Que a convivencia con irmáns e irmás sexa considerada importante para o seu benestar e esta non poida manterse noutros programas.
  • Que existan problemas de vinculación que dificulten a aparición de novas figuras de apego.
  • Que haxa experiencias previas de separacións ou acollementos conflitivos.
  • Que o NNA sufrise graves privacións e rexeitamentos previos.
  • Que exista conflitividade con familia de orixe que dificulte o éxito dun proceso de integración nunha nova familia.
  • Que se adopte unha medida de separación urxente que requira un contexto de avaliación e atención inmediata que non poida desenvolverse desde outro programa.

Independentemente da idade, o acollemento familiar debería ser a medida habitual para todos os NNA que deban ser separados da súa familia e non presenten unha seria incompatibilidade con esta medida (como poden ser os e as adolescentes que non o desexen, con problemas emocionais e condutuais que fagan inviable a súa integración nunha familia de acollida, ou con situacións máis complexas como moitos dos NNA migrantes sen referentes familiares). Son moitas as situacións que provocan importantes desafíos para un acollemento familiar: idades máis avanzadas, grupos de irmáns e irmás, enfermidades ou discapacidades que requiren unha atención intensa, etc. Con todo, o acollemento especializado constitúe un instrumento para dar resposta a estes nenos, nenas ou adolescentes con circunstancias ou necesidades especiais.

Se se propón unha medida de protección como a adopción ou o acollemento en familia allea, é necesario que quede suficientemente acreditada a non existencia, desinterese ou non adecuación de familia extensa que poida facerse cargo do coidado do NNA.

A orientación ao acollemento residencial

Só cando o acollemento familiar non sexa posible ou non redunde no interese do NNA estará xustificado que non se propoña ou aplique e que o caso se oriente cara a un acollemento residencial.

O acollemento residencial pode favorecer especialmente a intervención con algúns NNA, como son adolescentes que rexeitan o acollemento familiar ou con problemas de relación derivados de experiencias de privación anteriores e que dificultarían a adaptación inmediata a unha familia. Por outra banda, na etapa da adolescencia o papel educativo da convivencia en grupo resulta especialmente importante, así como a necesidade dunha preparación para a vida independente, aspectos que deben formar parte da esencia do traballo en centros residenciais.

Hai casos en que a medida residencial debe escollerse con particular coidado, buscando o recurso máis axustado ás especiais características do NNA. Entre eles atópanse casos nos que á situación de desprotección engádense:

  • Graves problemas de emocionais e de conduta que provocan que os NNA póñanse a eles mesmos ou a outros NNA en grave perigo, o que levaría a considerar a súa estancia en recursos específicos para a abordaxe destes problemas.
  • Graves trastornos de saúde mental que lles impiden beneficiarse da convivencia nun centro, necesitando dun recurso máis específico dentro da propia rede de atención en saúde mental (pública ou privada).
  • Problemas de drogodependencia que requiren dun traballo de desintoxicación e/o psicoterapéutico previo en recursos específicos.
  • Grandes discapacidades unidas a situacións de desprotección cuxas necesidades han de ser atendidas en fogares específicos dentro da rede de protección.
  • Graves danos emocionais ocasionados por experiencias de ruptura de acollemento familiar ou adopción que ocasionan problemas de vinculación.
  • Graves condutas de violencia filioparental que impiden, polo menos temporalmente, a convivencia no núcleo familiar.

O acollemento residencial pode ser tamén a medida idónea, ao menos no nivel de primeira acollida, como espazo de avaliación inicial para os NNA migrantes sen referentes familiares. En moitos casos, estes NNA serán posteriormente orientados a programas de acollemento residencial de preparación para a vida independente.

Cando a separación afecta a grupos de irmáns e irmás

En grupos de irmáns ou irmás con idades ou perfís moi diferentes, aínda que o principio xeral é manter a súa convivencia na mesma contorna, deberase avaliar coidadosamente o supremo interese de cando un deles e o grao en que a medida pode satisfacer as necesidades de todos eles. En todo caso evitaranse situacións en que un dos irmáns ou irmás non estea a recibir a atención que necesita polo feito de seguir convivindo co grupo.

Duración da separación

Nunca se deberá incluír a un NNA na finalidade de Separación Permanente sen antes constatar claramente ou tentalo, a través da provisión de servizos de apoio técnico e tratamento á familia de orixe, que o seu pai e nai ou persoas titoras ou gardadoras non van ser capaces de proporcionar unha atención adecuada ás súas necesidades ou que o prazo de tempo que poden necesitar para a súa capacitación ou rehabilitación non é compatible coas necesidades do NNA. A duración máxima para completar os procesos de reunificación familiar e para as medidas de separación temporal será de dous anos, tempo tras o cal os SSE deberán adoptar medidas de carácter permanente ou definitivo para o NNA, salvo que o seu interese superior aconselle a prórroga da medida temporal pola previsible e inmediata reintegración familiar. Con todo, non será necesario esperar ao cumprimento dos dous anos se se constata que a reunificación non é posible.

Os prazos de tempo para as medidas temporais con nenos e nenas de pouca idade serán inferiores aos establecidos para NNA de idades superiores.