Inicio > Áreas > Maiores e dependencia > Casas do maior

Casas do maior

Que son as casas do maior?

As casas do maior son un servizo gratuíto de atención diúrna a persoas maiores de 60 anos, cun máximo de cinco prazas cada unha para asegurar un coidado personalizado. O servizo é prestado por profesionais autónomos ou cooperativas de traballo asociado, e localízanse en concellos que non contan con recursos de atención diúrna a maiores.

Quen pode asistir a unha casa do maior?

Están destinadas a persoas maiores de 60 anos, sen dependencia ou en situación de dependencia grao I e II, empadroadas no concello onde se sitúa a casa ou nos concellos limítrofes se non contan con recursos de atención diúrna a maiores.

Canto tempo pode pasar o usuario nelas?

O usuario pode acudir oito horas ao día de luns a venres, en modalidade diúrna, con horario flexible pactado coa persoa responsable do centro. A casa do maior permanecerá aberta todo o ano, agás os días festivos e un mes de vacacións.

Que servizos prestan?

Ofrecen unha atención diúrna integral onde sempre prima o acompañamento á persoa. Nelas realízanse actividades de envellecemento activo, adestramento cognitivo, hixiene persoal e outras actividades personalizadas. Tamén ofrecen servizo de manutención para quen o precise por cinco euros ao día.

Así mesmo, poden contar con servizo de desprazamento no caso de que a promotora da casa do maior solicitara esta modalidade.

Canto custa?

O servizo de atención ao maior é gratuíto. Se ademais o usuario desexa engadir manutención, terá un custo de cinco euros ao día. Naquelas que conten con servizo de transporte, este tamén será gratuíto.

Que debo facer para solicitar unha praza para un familiar?

Deberá dirixirse aos servizos sociais do seu concello que lle prestarán o asesoramento preciso para realizar os trámites necesarios e iniciar o procedemento.