Inicio > Áreas > Familia e infancia > Familias numerosas > Aplicación social do transporte de Galicia

Aplicación social do transporte de Galicia

TM

A Consellería  de Infraestruturas e Vivenda e a Consellería de Política Social asinaron o día 7/11/2014 un acordo de colaboración para estender os descontos establecidos na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, para o transporte interurbano de viaxeiros no eido do Plan de transporte metropolitano de Galicia, nas áreas metropolitanas de: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo.

Estes descontos son do:

  • 20 % – categoría xeral
  • 50 % – categoría especial

As bonificacións por familia numerosa son acumulables a calquera outra que lle puidera corresponder pola pertenza a outro colectivo bonificado, cun límite máximo do 100% da viaxe.

Estas bonificacións por familia numerosa teñen efectos desde o día de entrada da solicitude no rexistro correspondente.

Estas bonificacións non serán aplicables para o transporte urbano, só para o transporte metropolitano entre os concellos que integran a área metropolitana correspondente.

Persoas beneficiarias

Calquera persoa que forme parte dunha familia numerosa de Galicia (maior de 5 anos) que, cumprindo os requisitos necesarios para estar incluída dentro do título oficial de familia numerosa, solicite a súa alta na aplicación social na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Requisitos

  • Ser titular dun contrato individual de tarxeta metropolitana de Galicia (TMG) asinado coa empresa colaboradora (ABANCA). No caso de persoas menores de idade o contrato será subscrito polas persoas proxenitoras, titoras ou gardadoras.
  • As tarxetas poderán adquirirse unicamente nas oficinas distribuidoras de ABANCA relacionadas na páxina web do transporte metropolitano de Galicia e teñen un custe de 2 € ademais do importe da recarga correspondente.
  • Cubrir o impreso de solicitude de alta na aplicación social xestionada pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.
  • Achegar, xunto coa solicitude, unha copia do contrato individual e unha copia da propia tarxeta.

Forma de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse nos lugares e rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións públicas, ben de forma presencial, nalgún rexistro público ou por correo ordinario (neste caso, co selo de correos que acredite a data de presentación na folla de solicitude), ou ben telematicamente, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal/tipoloxia-da-informacion-e-modalidades-de-presentacion).
Para a presentación de solicitudes telemáticas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Validez da aplicación social da TMG

O período no que se aplicarán os descontos correspondentes por familia numerosa coincide co período de validez do propio título de familia numerosa.

Cada vez que se renove o título de familia numerosa, deberá comunicarse á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para que efectúe a correspondente modificación do período de validez na aplicación social.

Obrigas das persoas usuarias da aplicación social da TMG

As TMG rexistradas na aplicación social serán de uso exclusivo da persoa titular, quen se responsabilizará da súa custodia e correcto uso.

O uso da tarxeta por unha persoa distinta da súa titular dará lugar á perda dos beneficios correspondentes.

Bonificacións

As bonificacións percibiranse sempre ao final do mes seguinte a aquel no que se xere o dereito ao desconto correspondente, con efectividade desde o día 1 do mes seguinte. Así, os descontos acumulados no mes de decembro, serán computados a finais do mes de xaneiro e estarán dispoñibles paras as persoas usuarias a partir do 1 de febreiro.

O prazo para que as persoas usuarias acepten a bonificación é de 2 meses dende a data en que esta se pon á súa disposición. De non aceptar a bonificación neste prazo, perderase o dereito a ela. Esta caducidade só afecta ás bonificacións correspondentes, en ningún caso afecta ao saldo da tarxeta.

As bonificacións acumuladas poderán facerse efectivas en calquera caixeiro de ABANCA e en calquera das tarxetas da persoa titular.

Perda ou deterioro da TMG.

En caso de perda ou deterioro da tarxeta poderá substituírse por outra. Se a substitución se fai nas oficinas de ABANCA relacionadas na páxina web do transporte metropolitano de Galicia, o traspaso das bonificacións faise automaticamente. Se a substitución se fai con outra tarxeta xa en poder da persoa usuaria, deberá solicitarse o traspaso das bonificacións á nova tarxeta na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Información

Para coñecer o proceso de solicitude e funcionamiento, pode dirixirse ao número de teléfono:   981 957 027