Inicio > Recursos > Plans e programas > Plan Social de Continxencia

Plan Social de Continxencia

Compartir

 

-    Teléfono social: Pode chamar ao Teléfono Social (900 400 800) se ten dúbidas básicas da vida cotiá nesta situación. Pódeno empregar persoas que necesiten conversa ou acompañamento, persoas que precisen atención psicolóxica especializada e persoas que estean nunha situación de necesidade ou especial vulnerabilidade e queiran solicitar axuda, aquí encontrarán consello.

 

-    Seguimento telefónico diario: Destinado ás 14.400 persoas maiores ou con discapacidade que son usuarias dun centro de día ou ocupacional e que nestes momentos están nas súas casas debido á suspensión da actividade nestes centros.

 

-    Correo electrónico: No enderezo electrónico atencionsocialemerxencia@xunta.gal pode dar aviso de que se encontra nunha situación económica difícil. A través deste correo podemos axudarlle e poñelo en contacto cos servizos sociais de base.

 

-    Bolsa Comedor: Durante o tempo que dure esta emerxencia sanitaria, a Xunta de Galicia achega unha axuda económica ás nenas e nenos que dispuñan dunha bolsa de comedor na súa escola infantil, colexio ou instituto. Esta axuda non é necesario solicitala, posto que o Goberno galego poñerase en contacto coas persoas beneficiarias directamente. Máis de 51.000 fogares se benefician desta medida.

 

-    Exención de cuotas: As familias non terán que facer fronte ao pago da cota mensual das escolas infantís, centros de día e ocupacionais con financiamento público (públicos, de iniciativa social e concertados) desde metade do mes de marzo e mentres estea suspendido o servizo.

 

-    Orde de axuda entidades sociais: O Goberno galego aprobou a maior orde de axudas da historia de Galicia destinada ás entidades sociais de inclusión social, por un importe de 18,3 millóns de euros.

Ligazón: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200511/AnuncioG0425-040520-0001_gl.html

 

-    Xantar na Casa Extraordinario: Ás persoas que o precisan repártenselles menús semanais nos seus domicilios. Para solicitalo póñase en contacto cos servizos sociais do seu Concello. As persoas que poden solicitalo son:

• Persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal, e sen rede de apoio que poida suplir tal situación.
• Persoas dependentes, que carezan de apoio familiar, e que requiran de axuda para a preparación de alimentos.
• Persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social, tecnicamente avaliada.

 

-    Servizo de Axuda no Fogar Extraordinario: Púxose en marcha este servizo para axudar ás persoas maiores nas tarefas da súa vida diaria, cun investimento de 6 millóns de euros. O Goberno galego asume o importe que pagaba habitualmente o usuario, polo que o servizo será totalmente gratuíto para este. Se o precisa póñase en contacto cos servizos sociais do seu Concello

 

-    Adianto do pagamento e mellora na tramitación da Risga: O Goberno galego adiantou unha semana o pagamento da prestación da Renda de inclusión social de Galicia (Risga) do mes de abril para aliviar a economía doméstica de 10.000 galegas e galegos.

  • Adiantouse nunha semana o seu pagamento para garantirlles liquidez aos fogares,
  • Flexibilizouse a súa tramitación, tanto para os beneficiarios como para os servizos sociais de base;
  • E permitiuse que as persoas que superasen os 65 anos (idade máxima para percibir a Risga) seguisen cobrando esta prestación mentres dure esta situación de excepcionalidade.

 

-    Dispositivos móbiles: Repartíronse teléfonos móbiles e tablets a centros residenciais de maiores, menores e discapacidade de toda Galicia para favorecer a comunicación dos seus usuarios coas súas familias e achegados.