Inicio > Recursos > Plans e programas > Plan de recuperación social de Galicia

Plan de recuperación social de Galicia

Compartir

ÁREA DE INCLUSIÓN SOCIAL

Axudas extraordinarias a concellos
A maioría dos concellos de Galicia levaron a cabo durante esta crise importantes esforzos para contribuír á loita contra a pandemia.  Entre as competencias municipais atópase a xestión dos servizos sociais comunitarios. É por iso que se creou un paquete dirixido aso concellos galegos, dotado de 2,8 millóns de euros e con tres liñas de financiamento: atención ás persoas sen fogar, reforzo de axudas municipais de emerxencia social e creación de bolsas de comedor para alumando de escolas infantís municipais.

Orde de subvencións para entidades de iniciativa social
Moitas entidades que traballan pola inclusión social e a loita contra a pobreza tiveron que multiplicar os seus esforzos durante a pandemia para atender a persoas sen fogar, en risco de exclusión social e inmigrantes.
A Xunta de Galicia destinou a estas asociacións 18,3 millóns de euros, a maior contía da historia para este fin, para que poidan cubrir gastos de funcionamento e investimentos de centros de inclusión e emerxencia social, servizos de formación adaptada ou apoio a inclusión sociolaboral, entre outros.

Convocatoria extraordinaria de axudas para entidades de inclusión social
Ademais da aprobar a maior orde de axudas para entidades de iniciativa social da historia da autonomía, tamén se realizou un investimento complementario de 1,5 millóns de euros para apoiar as entidades que prestaron servizos básicos ás persoas sen fogar durante a crise sanitaria.
Entre os servizos que se poden acoller a estas axudas estarían os albergues sociais, as cociñas económicas e comedores sociais, os centros de atención social continuada, os centros de acollida e os centros de día de inclusión (nos que se ofrecen servizos de hixiene e lavandaría ou “calor e café”). A Xunta de Galicia financiaralles a todas estas entidades os gastos que acometesen durante o estado de alarma.

Melloras técnicas na tramitación da Risga, as AIS e as pensións non contributivas
Ao principio da pandemia decidiuse adiantar unha semana a data de pagamento da Renda de inclusión social de Galicia para aliviar a economía doméstica das preto de 10.000 persoas que perciben esta renda social. Posteriormente tamén introducimos melloras técnicas na tramitación da Risga, as pensións non contributivas e as AIS, para que estas axudas cheguen aos seus beneficiarios coa maior axilidade posible.

Incremento da partida orzamentaria destinada ás Axudas de Inclusión Social
Incremento nun 50% destas prestacións autonómicas para financiar gastos de alimentación, roupa, enxoval doméstico, lentes, dentista, próteses, ou calquera situación de grave emerxencia das familias.

Tarxeta Básica: tarxeta moedeiro para a cobertura de necesidades básicas
A Xunta de Galicia lanzou unha tarxeta moedeiro coa que preto de 30.000 familias poderán adquirir produtos de primeira necesidade, tanto de alimentación como de hixiene e farmacia. Trátase de tarxetas recargables que mensualmente facilitarán unha aportación económica (que poderá ir desde os 450 aos 900€) a familias que carecen de emprego ou ingresos fixos. Para facer efectiva esta medida a Xunta destinou 20.800€.

Menú solidario
Trátase dunha medida coa que 20.000 persoas con ingresos baixos poderán desfrutar do menú do día en establecementos hostaleiros da nosa comunidade.  Tamén se articula a través dunha tarxeta moedeiro, que aportará 5€ por menú. Cun investimento de 3.010.000€ poderán financiarse 600.000 menús solidarios.

Servizo de lecer, apoio e reforzo para nenas, nenos e adolescentes en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social
Trátase dunha medida para a que se contará coa colaboración de entidades sociais e se levará a cabo nas sete grandes cidades de Galicia. Este servizo servirá de reforzo no ámbito académico desde unha perspectiva lúdica e amena para os máis novos, e contribuirá así mesmo á conciliación familiar durante os meses de verán.

 

ÁREA DE COIDADOS E CONCILIACIÓN (INFANCIA E DEPENDENCIA)

Exención das cotas de escola infantil e centros de día ás familias
Coa suspensión da actividade en escolas infantís e centros de día as familias deixaron de beneficiarse destes servizos. A Xunta decidiu entón asumir as cotas que pagaban todas estas familias en escolas infantís (públicas, concertadas e de iniciativa social), centros de día de maiores públicos, centros de día de atención ao alzhéimer, e centros de día e ocupacionais para persoas con discapacidade (tanto públicos como de iniciativa social). Esta medida, cun impacto económico de máis de 2,6 millóns de euros, beneficiou a máis de 22.300 familias en Galicia.
Por outra banda, relacionado tamén coas escolas infantís, para aquelas familias con cativos matriculados nestes centros que deixaron de contar co servizo de comedor, creouse unha bolsa de comedor ou axuda económica  para contribuír aos gastos de manutención durante estes meses.

Servizo de Axuda no Fogar extraordinario
Con esta medida as persoas con necesidade de apoio urxente puideron contar coa axuda dun coidador a domicilio. Froito da situación de excepcionalidade a Xunta decidiu asumir a parte que pagaba o usuario, de maneira que fose un servizo 100% gratuíto para o mesmo.  Ademais, tampouco  se requiriu unha valoración de dependencia previa.
Cun investimento de 6 millóns de euros, trátase dunha medida que podería beneficiar a 12.500 fogares galegos.

Extensión do programa Xantar na Casa
O Xantar na casa é un programa, cun éxito máis que contrastado, que axuda ás persoas maiores sen unha rede familiar de apoio a comer san e equilibrado todos os días da semana. A Xunta de Galicia, en colaboración cos concellos, achégalles ás persoas beneficiarias deste programa un menú para os sete días da semana.
Así mesmo, ante a emerxencia sanitaria decidiu estender o servizo para beneficiar a máis de 550 persoas maiores que non eran usuarias antes da pandemia, cun investimento de preto de 400.000€.

Bono Coidado Extraordinario para a infancia
A Xunta habilitou un Bono de 500€ ao mes pensado para favorecer a conciliación de familias con nenas e nenos de ata 12 anos, dotado dun investimento de 18 millóns de euros. Estas mensualidades irían dirixidas á contratación dunha empresa que ofreza servizos de atención a domicilio ou para costear o salario dunha persoa empregada no fogar que coide aos pequenos da casa.

Bono Coidado Extraordinario para a dependencia
Bono de 500€ ao mes pensado para a conciliación de familias con persoas dependentes ao cargo (concretamente, persoas maiores ou con discapacidade que acudían a un centro de día ou ocupacional), dotado dun investimento de 11 millóns de euros. Estas mensualidades irían dirixidas á contratación dunha empresa que ofreza servizos de atención a domicilio ou para costear o salario dunha persoa empregada no fogar que coide á persoa con dependencia.

Atención terapéutica para persoas dependentes
Medida deseñada para aquelas persoas dependentes que visen interrompida a súa atención terapéutica polo peche dos centros de día e centros ocupacionais. Cun investimento de 1 millón de euros, a Xunta colaborará no pagamento de sesións de terapias de estimulación e rehabilitación para frear o deterioro físico e cognitivo destas persoas.

Liña de axudas para escolas infantís privadas e centros de día privados
Cun orzamento de 10 millóns de euros, a Xunta de Galicia quere apoiar ás entidades e empresas prestadoras de servizos tan esenciais como a atención a infancia e ás persoas maiores, contribuíndo a facer fronte aos custes fixos que deben asumir durante a suspensión da actividade.

 

ÁREA DE PROTECCIÓN DE MENORES

Creación de dous novos centros de acollemento de menores
Co obxectivo de adaptarnos ás circunstancias da covid-19 puxéronse en funcionamento dous novos centros de acollemento de menores: un para rapazas e rapaces tutelados recentemente sen confirmación sobre se son ou non positivos e outro para casos posibles ou confirmados de covid-19, para garantir a súa protección e coidados durante a doenza.

Creación dun centro de día itinerante para menores vulnerables
Para poder prestar atención a menores vulnerables que se atopen en concellos onde non existan recursos axeitados, poñerase en marcha un centro de día itinerante que contará cos distintos perfís profesionais que poden precisar este tipo de intervencións.

Compensación económica ás familias acolledoras
Queremos recompensar ás 730 familias que tiveron un menor en acollida durante o estado de alarma e se viron obrigadas a facer un esforzo adicional. Para iso aprobamos unha remuneración complementaria do 25% (é dicir, entre 70 e 150 euros máis ao mes) durante o tempo que durou o confinamento.

Ampliación dos horarios dos Puntos de Encontro Familiar
O horario de apertura dos sete Puntos de Encontro Familiar de Galicia (onde se realizan visitas e intercambios de menores tutelados ou con nais e pais separados) ampliarase aos sete días da semana para dar cobertura ás novas situacións de desaxuste familiar que se poden derivar desta crise.

 

ÁREA DE XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

Creación dunha oficina virtual de asesoramento xuvenil e aposta pola formación online
Esta oficina contará con profesionais que darán resposta ás inquedanzas en materia de formación, emprego ou vivenda, ademais de orientar sobre as diferentes liñas de apoio a disposición dos galegos e galegas máis novos.
Ademais, para adaptar a oferta formativa ás novas circunstancias, apostarase polos cursos online de educación non formal e habilitarase unha plataforma que centralice todos os contidos ofrecidos pola Xunta, como congresos dixitais, obradoiros ou charlas sobre empregabilidade. 

Creación duns premios de acción voluntaria
Estes premios de acción voluntaria estarían pensados para dar a coñecer e poñer en valor todas as actuacións que se desenvolven neste ámbito en Galicia, valorando especialmente as iniciativas desenvoltas durante a pandemia.

 

ÁREA DE MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS


Investimentos para mellorar os centros de servizos sociais
Aprobouse un paquete de actuacións de mellora de instalacións que dependen da Consellería de Política Social por valor de 23 millóns de euros. Entre os distintos tipos de obras que se realizarán en centros das catro provincias atópanse algunhas de reparación e mellora e outras de rehabilitación e reforma integral das infraestruturas.