Inicio > Recursos > Axudas > ORDE do 25 de febreiro de 2019 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención de nenas e nenos menores de doce anos a través do programa Bono coidado e se convocan para o ano 2019

ORDE do 25 de febreiro de 2019 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención de nenas e nenos menores de doce anos a través do programa Bono coidado e se convocan para o ano 2019

Fin del plazo de la solicitud: 
31/08/2019

QUE É?

O Bono Coidado é unha achega económica ás familias para contribuír ao pagamento de servizos puntuais de atención de nenas e nenos menores de 12 a domicilio ou en recursos de conciliación autorizados para esta finalidade pola Consellería de Política Social (ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia).

 

PARA QUEN?

Poderán beneficiarse as familias con nenos e nenas menores de 12 anos que teñan a súa residencia en Galicia e precisen dun recurso para cubrir necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares.

 

QUE SUPOSTOS CUBRE?

  1.  Enfermidade da ou do menor e imposibilidade de ser coidado polos membros da unidade familiar.
  2.  Enfermidade da persoa coidadora habitual.
  3.  Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación.
  4.  Situacións puntuais de carácter laboral ou de coidado, tanto do cónxuxe ou parella como de familiares ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, que impidan a atención do neno ou da nena polos membros da unidade familiar.

 

QUE REQUISITOS HAI QUE CUMPRIR?

- Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

- Ter unha nena ou un neno nacido con posterioridade ao 31 de decembro de 2006 respecto de servizos recibidos na anualidade 2018 e con posterioridade ao 31 de decembro de 2007 respecto dos recibidos na anualidade 2019.

- Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro non supere os 45 000 € ou os 13 500 € per cápita.

 

CAL É O SEU IMPORTE?

A contía da axuda estará determinada polos seguintes tramos segundo a renda per cápita familiar:

   -  Ata 3 750 euros 14 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 100% do importe facturado cun límite de 5 €/hora para o resto de servizos.

   -  Superior a 3 750 euros e ata 7 500 euros, 11 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 80% do importe facturado cun límite de 4 €/hora para o resto de servizos.

   -  Superior a 7 500 euros e ata 10 000 euros, 9 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 65% do importe facturado cun límite de 3,25 €/hora para o resto de servizos.

   - Superior a 10 000 euros, sempre que a renda da unidade familiar non supere os topes establecidos, 7 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 50% do importe facturado cun límite de 2,5 €/hora para o resto de servizos.

 

Subvencionarase un máximo de 80 horas por familia.

O número total de horas incrementarase un 15% por cada fillo/a menor de doce anos a partir do primeiro.

 

COMO SE FAI EFECTIVA?

Notificada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias disporán dunha bolsa de horas. O pagamento da axuda farase efectivo logo de achegarlle á xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente a seguinte documentación:

 

a)  Solicitude de pagamento.

b) Facturas orixinais onde conste expresamente o día e hora/s en que se prestou o servizo xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento. Tamén se aceptará a xustificación do pagamento en efectivo mediante un recibín do/a provedor/a.

c)  Xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda.

 

ONDE SE PODE SOLICITAR?

Na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e nos diferentes rexistros da Administración.

O formulario de solicitude está dispoñible na páxina web www.xunta.gal/resultados-da-guia-de-procedementos

 

ATA CANDO SE PODE SOLICITAR?

As solicitudes de axuda poderanse presentar ata o 31 de agosto de 2019.

 

 

 

 

MÁIS INFORMACIÓN:

http://www.xunta.gal/politica-social

https://sede.xunta.gal

 

Xefaturas territoriais da Consellería de Política Social. Teléfono 012

Documentos relacionados