Bono Concilia Familia, unha axuda para a conciliación das familias
Que é o Bono Concilia Familia?
É unha axuda ás familias con nenos e nenas residentes en Galicia de ata doce anos de idade, estes incluídos, para atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares entre as que se atopan:
1º. Enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual.
2º. Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención do neno ou nena.
3º. Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual que impidan a atención do neno ou nena.
4º. Situacións puntuais de coidado de familiares, do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual, ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade sempre que impidan a atención do neno ou nena.
5ª Necesidades en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións sempre que ambos pais /nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais ou pais /nais con custodia non compartida acrediten que por motivos laborais non poden facerse cargo da atención do neno ou nena.
Que servizos podo Contratar?
- Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar de forma temporal para o coidado do neno ou nena. Consideraranse tamén as ampliacións horarias de contratos laborais preexistentes que se realicen con esta finalidade no que se refire á dita ampliación.
- Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.
- Asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude, en concreto, atención en ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia previstos na Sección quinta do Capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.
- Asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
Que requisitos son necesarios para solicitar o Bono Concilia Familia?
a) Que o neno ou nena sexa menor de trece anos no momento no que se produce o suposto para o que se solicita a axuda.
b) Que ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais ou pais/nais con custodia non compartida estean efectivamente traballando, tanto no suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena como por necesidades en períodos de vacacións escolares.
Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo no que esta se exerza efectivamente, debendo presentar, nestes casos, cada pai/nai unha solicitude individual.
Hai límite de ingresos para poder solicitar a axuda?
Non, nesta axuda non se teñen en conta os ingresos da unidade familiar, polo que calquera persoa pode solicitala.
Cal é o período subvencionable?
Para atención de necesidades de conciliación producidas entre o 1 de xaneiro e o 8 de setembro de 2023, de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares.
Cales son os períodos de vacacións escolares a efectos do Bono Concilia Familia?
Entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes:
– Do 1 ao 6 de xaneiro.
– Os días 20, 21 e 22 de febreiro.
– Do 3 ao 10 de abril.
– Do 22 de xuño ao 8 de setembro.
Cal é a contía da axuda?
1. A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións. A contía máxima da axuda será:
– De 500 euros por unidade familiar no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
– De 200 euros por cada neno ou nena no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
Cando podo presentar a Solicitude?
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día 4 de xullo e finalizará o día 15 de setembro de 2023.
Onde podo presentar a solicitude?
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Que documentación teño que presentar coa solicitude?
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I), dirixida á xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude da provincia onde teñan o seu domicilio, a seguinte documentación:
1. Documentación xeral:
a) Anexo II, relativo á comprobación de datos dos membros da unidade familiar.
b) Certificado de empadroamento das persoas menores que non dispoñan de Documento Nacional de Identidade (DNI).
c) Copia do/s libro/s de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.
d) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos, de ser o caso, cando se trate de adopcións formalizadas por outra Comunidade autónoma.
e) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a situación de tutela, de ser o caso, só cando se trate de tutelas formalizadas por outra Comunidade autónoma.
f) Copia da resolución administrativa de acollemento familiar, de ser o caso, cando se trate de acollementos formalizados por outra Comunidade autónoma.
g) Documentación acreditativa da monoparentalidade, de ser o caso, cando fora expedida por outra Comunidade autónoma.
h) Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, nos casos de familias con custodia compartida ou formadas por unha soa persoa proxenitora como consecuencia de separación legal, divorcio ou outras situacións análogas.
2. Documentación acreditativa da causa que dá dereito á axuda:
a) Xustificante médico acreditativo da situación de enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual, de ser o caso.
b) Documento acreditativo da asistencia á entrevista ou curso no que conste expresamente a data e horas da súa celebración, no caso de asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación.
c) Se é o caso, xustificante médico acreditativo da situación establecida no artigo 4.1.a) 4º que dá lugar á necesidade de coidado e documentación acreditativa do parentesco co neno ou nena ou coa persoa coidadora habitual no caso de situacións puntuais de coidado de familiares, do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual, ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, sempre que impidan a atención do neno ou nena.
3. Documentación acreditativa da situación laboral en caso de enfermidade ou accidente do neno ou nena, de situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual ou de asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares:
a) Traballadores/as por conta allea:
Certificado da empresa na que traballe cada pai/nai proxenitor, titor/a, ou persoa que teña o neno ou nena en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, acreditativo de que está efectivamente traballando, no período de desfrute das vacacións. Este certificado incluirá ademais, no suposto de situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual, descrición sucinta da situación e indicación da súa duración
b) Traballadores/as autónomos/as:
1º Declaración responsable de cada pai/nai proxenitor, titor/a, ou persoa que teña o neno ou nena en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos de que está efectivamente traballando, no período de desfrute das vacacións. No suposto de situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual, descrición sucinta da situación e indicación da súa duración.
2º Alta censual ou alta no réxime especial de autónomos, ou certificado de alta na mutualidade profesional como exercente.
4. Documentación acreditativa da actuación realizada:
a) No caso de contratación de servizos de atención a domicilio, de servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude ou de recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares achegarase:
1º Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, dos gastos realizados onde conste expresamente a identificación co nome, apelidos e DNI/NIE, da persoa beneficiaria da axuda e do/s neno/s ou nena/s que recibe/n o servizo e o/s día/s nos que se prestou. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.
2º Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento da factura.
b) No caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou ampliación das horas dun contrato preexistente achegarase:
1º Contrato de traballo onde conste expresamente o período de contratación, o seu obxecto como coidado de menores e o intervalo horario no que se presta o servizo.
2º Xustificantes bancarios do pagamento do salario e das cotas da Seguridade Social
A onde me podo dirixir para solicitar información sobre o Bono Concilia Familia?
A CORUÑA
Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude da Coruña
Rúa Gregorio Hernández, 2-4
15071 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 981185755
Fax: 981185701
LUGO
Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude de Lugo
Ronda da Muralla, 70
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294271
Fax: 982294359
OURENSE
Xefatura Territorial da Consellería de Política Social de Ourense
Avda. de la Habana, 79
32004 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386196
Fax: 988386838
PONTEVEDRA
Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude de Vigo
R/ Concepción Arenal, 8
36201 Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 986817817
Fax: 986817049
Oficina Local de Pontevedra
AVDA. Mª Victoria Moreno 43 1º
36071 Pontevedra (Pontevedra)
Teléfono: 886206524
Fax: 986805554