Bono coidado, unha axuda para a conciliación das familias
Que é?
O Bono Coidado é unha axuda económica que serve para atender as necesidades puntuais de conciliación que teñan as familias. Serve par contribuír ao pago de servizos puntuais de atención a nenas e nenos menores de 13 anos, sexa a domicilio ou por asistir a un servizo de conciliación autorizado pola Consellería de Política Social (ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia). Tamén atende a asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación nos períodos de vacacións escolares.
Quen se pode beneficiar?
Poderán beneficiarse as familias con nenos e nenas menores de 13 anos que teñan a súa residencia en Galicia e precisen dun recurso para cubrir necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares.
Que supostos cubre?
- Enfermidade da ou do menor e imposibilidade de ser coidado polos membros da unidade familiar.
- Enfermidade da persoa coidadora habitual.
- Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación.
- Situacións puntuais de carácter laboral ou de coidado, tanto do cónxuxe ou parella como de familiares ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, que impidan a atención do neno ou da nena polos membros da unidade familiar.
- Períodos de vacacións escolares.
Cales son os requisitos para solicitalo ?
- Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.
- Ter unha nena ou un neno menor de 13 anos.
Cal é o seu importe?
A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % da actuación realizada cunha contía máxima de:
- 500 euros por unidade familiar no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
- 200 euros por cada neno ou nena no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social ou a campamentos.
Onde se pode solicitar?
Na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e nos diferentes rexistros da Administración.
O formulario de solicitude está dispoñible na páxina web www.xunta.gal/resultados-da-guia-de-procedementos
Como se fai efectiva a axuda?
Ca presentación da solicitude de Bono Coidado xa se ten que presentar a seguinte documentación xustificativa:
a) No caso de contratación de servizos de atención a domicilio, de servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social ou campamentos:
- Facturas orixinais onde conste expresamente o día e hora/s en que se prestou o servizo xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento. Tamén se aceptará a xustificación do pagamento en efectivo mediante un recibo do/a provedor/a.
- Xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda.
b) No caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou ampliación das horas dun contrato preexistente:
- Contrato de traballo onde conste expresamente o período de contratación, o seu obxecto e o intervalo horario no que se presta o servizo.
- Xustificantes bancarios do pagamento do salario e das cotas da Seguridade Social.
Cando se pode solicitar?
Para o 2022 abrirase un novo prazo no que, de igual xeito que na convocatoria de 2021, se cubrirán os servizos correspondentes desde comezos de ano.