Nova

Fabiola García subliña que a Rede Galega de Atención temperá multiplicou por seis a súa extensión desde 2009

Son 92 os concellos aos que lles chega este servizo, polos 15 que había hai 10 anos

Investíronse máis de 120.000 euros nesta lexislatura en melloras na escola infantil de Santa Comba

Fabiola García subliña que a Rede Galega de Atención temperá multiplicou por seis a súa extensión desde 2009

Santa Comba (A Coruña), 6 de febreiro de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, subliñou esta tarde que a Rede Galega de Atención temperá multiplicou por seis a súa extensión desde 2009, ata dar cobertura na actualidade a 92 concellos. Fíxoo tras asistir a unha demostración de cachibol en Santa Comba.

Fabiola García destacou a importancia de que as persoas de máis idade realicen actividades como a que hoxe tivo lugar neste municipio coruñés, accións que favorecen un envellecemento activo e que lles permite gañar máis autonomía.

Neste sentido, a conselleira recordou que mellorar autonomía e a calidade de vida dos maiores é un dos eixos prioritarios da Xunta, pero tamén o é facelo para os máis pequenos. Por esta razón, salientou a ampliación da Rede Galega de Atención Temperá, xa que no 2009 só daba cobertura a 15 municipios. Agora esta rede chega a máis concellos e a máis familias e o pasado ano 880 nenas e nenos de 0 a 6 anos con algún trastorno do desenvolvemento ou con risco de padecelo foron atendidos polo servizo.

Fabiola García recordou que en Santa Comba as nais e pais tiñan que percorrer moitos quilómetros para desfrutar deste recurso, pero o compromiso da Xunta de Galicia impulsou a apertura no propio concello dunha unidade, que tamén puido visitar e na que na actualidade atende a 20 cativas e cativos.

Escola infantil

Por último, Fabiola García tamén tivo a oportunidade de acudir á escola infantil do municipio. Neste centro puido comprobar de primeira man as diferentes melloras que se realizaron gracias ás achegas da Administración autonómica. Unha axuda que no que levamos de lexislatura ascende a 123.000 euros. Con este importe, o Concello de Santa Comba puido poñer unha cuberta no patio do centro, realizar obras na estrutura e comprar material mobiliario e de xogo.