Inicio > Node > Nova

Nova

Política Social avaliará a petición do Concello de Moraña de poñer en funcionamento unha unidade pública de Alzhéimer

A Xunta incrementou no último ano en máis dun 48% as horas de Servizo de Axuda no Fogar á disposición deste municipio

Reunión entre Fabiola García e a alcaldesa de Moraña

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, amosou a súa dispoñibilidade a estudar a proposta de que se poña en marcha unha unidade de Alzhéimer con prazas públicas en Moraña que lle trasladou esta mañá a alcaldesa deste municipio pontevedrés, María Luisa Piñeiro. Fíxoo tras manter un encontro de traballo con esta rexedora co obxecto de repasar os recursos de índole social que hai á disposición da veciñanza.

Fabiola García reiteroulle o compromiso do Executivo autonómico coas galegas e galegos de máis idade, tamén en Moraña. Unha mostra deste compromiso é o incremento de máis do 48% das horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) postas a disposición deste concello, ata superar as 13.300 horas anuais. Este reforzo, xunto co feito de que nesta localidade se empregan a totalidade das horas que ten asignadas, permite que na actualidade teñan coidados profesionais nos seus domicilios unha vintena de persoas e que se reducira considerablemente a lista de agarda.

Unha mostra deste compromiso da Administración autonómica coas persoas maiores e aquelas que teñen limitada a súa autonomía persoal é que nos últimos dez anos cuadruplicouse o número de persoas dependentes que perciben algunha prestación, ata superar a día de hoxe os 60.000. Esta cifra, récord histórico nesta comunidade, supón unha ratio de cobertura do 88,5% e sitúa a Galicia no cuarto posto no ránking das 17 autonomías.