A Xunta avoga por reforzar as medidas laborais de apoio ás vítimas da violencia de xénero

A Xunta avoga por reforzar as medidas laborais de apoio ás vítimas da violencia de xénero

Ourense, 24 de maio de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na xornada A violencia de xénero nos plans de igualdade, inserida na oferta formativa do campus en liña da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, co obxectivo de avanzar na protección dos dereitos laborais das mulleres vítimas da violencia de xénero.

Mancha puxo en valor a iniciativa coa que o Goberno autonómico quere avanzar na difusión da normativa laboral de aplicación a estas traballadoras que, entre outros dereitos, lles recoñece a redución de xornada, a reordenación do tempo de traballo ou a flexibilización horaria.

“As empresas como entidades do ámbito privado teñen na súa man ferramentas moi importantes na erradicación da violencia contra as mulleres que van, desde a colaboración con asociacións e organizacións de protección da muller á realización de campañas de sensibilización dirixidas ao seu persoal, a información ás posibles vítimas dos seus dereitos, a mellora dos dereitos que a lei lles recoñece ou elaborar protocolos específicos”, indicou a directora xeral.