Nova
A Xunta garante que continuará a dar o seu apoio ás familias monoparentais de Galicia
Lamenta o retroceso que supón para moitas delas a nova lei que está a tramitar o Executivo central
Noia (A Coruña), 19 de marzo de 2023 O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, garantiu hoxe a continuidade do apoio da Xunta ás preto de 2000 familias monoparentais que xa hai certificadas na Comunidade Autónoma. Díxoo no transcurso dunha xuntanza celebrada en Noia.
Neste sentido, o director xeral explicou que a lei gobernamental limita o concepto de familia monoparental a aquelas cun só proxenitor recoñecido ou cun proxenitor que ten custodia exclusiva e non ten dereito a unha pensión de alimentos. Pola contra, a lei galega recoñece nestes momentos como familias monoparentais a aqueles proxenitores con custodia exclusiva —reciban ou non pensión de alimentos— ao entender que se enfrontan aos mesmos problemas de conciliación.
Así pois, de non modificarse esta cuestión perderán o título de familia monoparental moitas familias galegas que actualmente o teñen recoñecido.