Nova
A Xunta destina 7 millóns de euros á adaptación da residencia pública autonómica das Gándaras ao novo modelo de coidados
Crearanse unidades de convivencia para os usuarios, impulsaranse novos espazos de atención sanitaria e renovarase a fachada e as carpinterías exteriores
A residencia de maiores das Gándaras é unha das primeiras de toda España en contar cun certificado de calidade que recoñece a súa eficiencia en base a normas e estándares internacionais
O Goberno galego avanza cara o novo modelo de coidados mediante a creación de habitacións intelixentes, o fluxo de información entre o ámbito social e o sanitario e o impulso dos primeiros centro de coidados intermedios de toda España
Lugo, 18 de marzo de 2023
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou esta mañá as obras de mellora e adaptación ao novo modelo de coidados que se realizarán na residencia pública autonómica das Gándaras, en Lugo, e ás que se destinará un orzamento de 7 millóns de euros. Fíxoo durante unha visita ao centro durante esta mañá, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
A conselleira lembrou que este centro poderá seguir consolidándose como unha referencia na atención a maiores en toda a provincia de Lugo, como leva facendo durante os últimos corenta anos. Neste sentido, apuntou que As Gándaras é un dos primeiros centros de toda España, xunto con Porta do Camiño en Santiago e a residencia pública autonómica da Estrada, en contar cun certificado de calidade que recoñece a súa eficiencia en base a normas e estándares internacionais.
Cara o novo modelo de coidados
Así mesmo, Fabiola García destacou que o Goberno galego está a transformar os piares do novo modelo de coidados en medidas e actuacións concretas. Mostra diso, explicou, son a transformación das habitacións de todas as residencias públicas autonómicas que se converterán en espazos intelixentes; tamén mediante a creación do primeiro censo de usuarios que integra información do Sistema galego de dependencia e da Historia Clínica Electrónica; ou da creación dos primeiros centros de coidados intermedios públicos de España, que se situarán nos concellos de Mos e Santiago.