Nova
A Xunta habilita unha orde de axudas dirixida a refuxiados ucraínos que carezan de recursos económicos
O Diario Oficial de Galicia publica esta liña de subvencións que conta cun orzamento total de 1,3 millóns de euros
Asignarase unha contía de 400 euros a cada beneficiario por un máximo de seis meses, que poderá incrementarse en 100 euros por menor a cargo
A axuda concederáselle a aqueles que estean en posesión do estatuto de protección temporal, figuren empadroados nalgún Concello de Galicia e acrediten a súa situación de vulnerabilidade

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia habilita unha orde de axudas dirixida a refuxiados ucraínos que carezan de recursos económicos coa finalidade de cubrir as súas necesidades básica. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta liña de subvencións, posta en marcha pola Consellería de Política Social e Xuventude e que conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros.
Con esta nova medida de inclusión social, o Goberno galego ten como obxectivo apoiar a aquelas persoas que fuxiran da guerra de Ucraína. Para acceder a ela debe reunirse os seguintes requisitos: contar co estatuto de protección temporal, estar empadroado nalgún concello de Galicia e que se acredite unha situación de vulnerabilidade por parte dos servizos sociais municipais.