Nova
A Xunta lamenta a falta de diálogo do Goberno central coa Lei de Familias, que afectará negativamente ás numerosas e ás monoparentais
Reclama que non desapareza a denominación de familia numerosa, tal e como están demandando diferentes asociacións e federacións
Alerta de que deixaría sen título a centos de familias monoparentais e, polo tanto, as vantaxes que concede
Tamén critica que non se permitira contar coas achegas das Comunidades Autónomas, invada as súas competencias e non teña financiamento
Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia presentou á Lei de Familias do Goberno central un conxunto de alegacións posto que, entre outros aspectos, invade competencias autonómicas, non foi elaborada coa participación e achegas das Comunidades e afectará negativamente tanto as familias numerosas como as monoparentais.
Ademais, o Goberno galego critica que tampouco haxa financiamento para mellorar a vida das familias. Neste sentido, non contén ningún avance en relación á primeira etapa educativa dos nenos, polo que o Executivo central segue sen destinar un só euro a garantir a gratuidade das escolas infantís, medida pioneira da Xunta de Galicia e que está a ter gran acollida entre as familias.