Galicia consolídase como un referente a nivel nacional no ámbito dos coidados coa creación das primeiras unidades públicas de coidados intermedios

No mes de decembro licitarase o primeiro centro no que se atenderá a persoas que recibiron a alta hospitalaria, pero que seguen requirindo coidados específicos


O Goberno galego amplia a carteira de servizos de atención a maiores para que poidan decidir onde e como vivir esta etapa das súas vidas


A conselleira deu a coñecer os avances acadados na Comunidade coa aplicación dun novo modelo de coidados que aposta por unha maior coordinación sociosanitaria, máis dixitalización e a creación de centros máis humanos e funcionais
 

Galicia consolídase como un referente a nivel nacional no ámbito dos coidados coa creación das primeiras unidades públicas de coidados intermedios

Madrid, 30 de novembro de 2022 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou esta mañá nunha mesa de diálogo organizada pola Fundación Farmaindustria no marco da X xornada e VII premios Somos Pacientes. Durante o evento deu a coñecer os avances acadados en Galicia en materia de coidados durante os últimos anos e, especialmente, coa implantación dun novo modelo que establece como piares fundamentais unha maior coordinación sociosanitaria, máis dixitalización e a creación de centros máis humanos e funcionais.

 

Neste sentido, a conselleira sinalou que o Goberno galego vén apostando por un sistema máis integrado entre o ámbito sanitario e social, coa implantación de avances tecnolóxicos nas residencias ou coa creación no vindeiro ano 2023 das dúas primeiras unidades de coidados intermedias públicas de España. Estes centros atenderán a persoas que recibiron a alta hospitalaria, pero que seguen requirindo coidados específicos. Deste xeito, continúase a súa atención no ámbito social sen necesidade do seu ingreso nunha residencia. O primeiro deles licitarase este mesmo mes de decembro.

 

Fabiola García lembrou que o Goberno galego leva anos mellorando e ampliando a súa carteira de servizos para dar resposta ás necesidades das persoas en situación de dependencia sempre coa premisa de respectar as súas preferencia sobre onde e como vivir esta etapa das súas vidas. Neste sentido, sinalou que se impulsou a creación de casas do maior, centros de atención diúrna en concellos pouco poboados; tamén se puxo en marcha o programa coidados porta a porta para ofrecer servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria; e estase a estender a implantación da teleasistencia para poñer a tecnoloxía ao beneficio das persoas maiores.

 

II Encontro Direccións Médicas

Pola tarde, a conselleira participará tamén no II Encontro de Direccións Médicas que ten lugar no parador de Alcalá de Henares. Un evento no que tamén poderá compartir coa sociedade médica todos estes avances logrados en Galicia no fomento das relacións entre o ámbito social e sanitario, así como coñecer novas propostas e ideas sobre como seguir construíndo pontes entre estas dúas disciplinas.