Fabiola García sinala que a gratuidade das escolas infantís sitúa Galicia como referencia para toda España no ámbito da conciliación e o apoio ás familias

Lamenta que o Goberno central non colabore en sufragar esta iniciativa á que a Xunta destina 55 millóns de euros de fondos propios

Fabiola García sinala que a gratuidade das escolas infantís sitúa Galicia como referencia para toda España no ámbito da conciliación e o apoio ás familias

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, indicou hoxe que a gratuidade das escolas infantís sitúa a nosa comunidade como referencia para toda España no ámbito da conciliación e o apoio ás familias. Díxoo en resposta a unha pregunta oral no Parlamento de Galicia na que indicou que máis de 31.000 familias galegas benefícianse desta medida á que se poden acoller todos os centros de 0 a 3 anos de Galicia, con independencia da súa titularidade.

 

Fabiola García manifestou que a Xunta destina máis de 55 millóns de euros de fondos propios a sufragar a gratuidade, e lamentou que o Goberno central non participe no financiamento desta iniciativa e se negue a estendela a todas as comunidades. Neste sentido, destacou que Galicia é a única que oferta atención educativa de balde na escola infantil 8 horas ao día durante todo o curso.

 

No caso concreto das escolas infantís municipais, a conselleira apuntou que é necesaria a colaboración dos concellos para levar a cabo esta medida. Ao respecto, explicou que a gratuidade vai dirixida directamente ás familias, indicando que os pais que antes non pagaban nada pola escola infantil seguen sen facelo agora, e que os que antes si pagaban a partir deste curso xa non o fan.

 

Outras axudas

Ademais da gratuidade, Fabiola García mencionou na súa intervención outras medidas para axudar a conciliar a vida laboral e familiar, como a Tarxeta Benvida, da que se levan beneficiado máis de 80.000 fogares; o Bono Coidado, que duplicou os seus beneficiarios ata superar os 1000, ou as 95 casas niño, que ofrecen 475 prazas de atención á infancia no rural totalmente de balde para os pais.